miércoles. 18.09.2019 |
El tiempo
miércoles. 18.09.2019
El tiempo

As apariencias enganan

David Castro e Edu Sousa, xogadores do Pontevedra Club de Fútbol, adestrando. GONZALO GARCÍA
David Castro e Edu Sousa, xogadores do Pontevedra Club de Fútbol, adestrando. GONZALO GARCÍA

ESTA HISTORIA pasoume unha das últimas veces que madruguei, que foi hai moito tempo, xa non lembro con exactitude cando. Non se deixen seducir pola apariencia do nome da profesión. A vida dun xornalista solteiro é realmente dura. Sen muller nin fillos que che permitan medir e uns horarios laborais condicionados pola actividade informativa, ao final acabas converténdote nunha ave nocturna que fai o que lle apetece e desperdicia case tódalas mañás entre sabas.

O caso é que aquela vez tivera que ir facer cola para sacar vez e renovar o DNI. Antes de ir ás oficinas da Policía a polo número, metínme nunha cafetería a tomar un zume de laranxa. A cousa estaba tranquila. Estabamos un par de mozos falando con voz baixa nunha mesa, eu en outra e o camareiro da quenda da mañá na barra.

A cousa estivo así uns minutos, ata que chegaron dous homes de mediana idade, 45-50 anos diría eu. Sentaron noutra mesa. Botaban pestes pola boca sobre un tal Moncho, que tiña pinta de ser o seu xefe ou un compañeiro cabrón que lles facía a vida imposible.

Os tipos estaban acalorándose co asunto e a Moncho, que lle debían de estar pitando os oídos desde había un bo anaco, íanlle caíndo unha ringleira de apelativos agarimosos que o deixaban quedar como calquera tipo de personaxe, menos como unha princesa.

De socato, un dos amables tertuliáns calou. Deulle un cobadazo ao outro e logo fíxolle un aceno co queixo cara adiante para sinalarlle aos dous mozos que estaban sentados á mesa.

–Viches?
–Ordiá, ordiá!!

Parecía que tiñan ao Golem e ao Kraken diante deles. Pronto cambiaron o ton de voz. Baixaron dúas oitavas e mudaron o foco da súa atención e da súa ira. Intentei poñer o oído para comprender cal era o motivo da baixada do volume e o xesto dos meus veciños de mesa.

–Mira ti, que vergonza! E estes son os responsables, oíches?
–Que carallo acabo de levar! Xa me parecía a min.
–Perdendo onte e a estas horas por aquí. Deberon de ir por aí a festexar a derrota.
–Si. E agora a baixar a borracheira.

Xireime cara os mozos e decateime de que se trataba dos dous xogadores máis carismáticos do equipo de fútbol da cidade. Queridos e respectados, non só polas súas habilidades deportivas e o seu rendemento, senón tamén polo seu comportamento, pola súa humildade e pola súa cercanía coa xente.

Un deles queixábase de que ía quedar no sitio de sono.

Como enganan as aparencias! Que decepción! Eran as oito da mañá e estaban alí, na mesma cafetería ca min e que aqueles dous obreiros, que habían de ser afeccionados do equipo, que descubriron o pastel. Só hai unha cousa peor que un futbolista saíndo por aí de ‘baranda’ despois de xogar, un futbolista saíndo por aí despois de perder.

Os rapaces acabaron levantando o campamento. Fíxenme o despistado e deixei que marchasen sen que me visen. Saín detrás deles a unha distancia prudencial. Chegaron ao coche, montaron nel. Eu collín o meu e seguín coa persecución. Aparcaron na Facultade de Ciencias do Deporte. Baixaron con libros na man e empezaron a falar cos universitarios.

–Perdemos 1-0 onte en Tudela.
–E cando chegastes?
–Ás 7.30. Dez horas de viaxe. Estivemos a facer tempo na cafetería. Se non é porque tiñamos que entregar o traballo, non vimos.
–Estades tolos!–, dixéronlles.

As apariencias! As apariencias!

As apariencias enganan
Comentarios