Blog | Acabou o conto

Cidadán Valero Casal

Foto centenaria do Concello de Pontevedra. ARQUIVO DE JOSÉ VALERO CASAL
photo_camera Foto centenaria do Concello de Pontevedra. ARQUIVO DE JOSÉ VALERO CASAL

AO PRINCIPIO sabía quen era, pero non o coñecía. Traballaba na sección de preimpresión do Diario de Pontevedra. Facía tarefas que non levan sinatura, pero que son tanto ou máis importantes que as do fotógrafo e o redactor.

José Valero Casal gastaba un humor escuro. Cando lle saía a mala baba cuspía comentarios intelixentes plenos de ironía que a un, sempre que non fose o foco das súas iras, lle facían esbozar un pequeno sorriso.

Para o deslinde de Pontevedra e Poio tiñan que falar con Valero

O Valero é un tipo que non anda con parvada ningunha. Percutía contra quen fose sen medias tintas. Era o seu principal defecto. Sempre dicía o que pensaba. E iso facía que a algúns obreiros lles caíse ben e a outros mal, pero ás altas esferas, a todas, non lles simpatizase.

Pouco despois de que lle acabase o contrato laboral no Diario, un grupo de prometedores xornalistas con ilusións montaron unha revista, en pleno alborexar da crise do ladrillo de 2008. O Valero soubo do negocio e ofreceulles facer o deseño da publicación. A revista, Pontenxogo, non foi a bo porto porque os que a editaban escolleran o peor momento da historia para levantar a súa empresa. Pero o deseño era dificilmente mellorable. Un gran produto. O Valero tiña un talento descomunal que a moitos nos ocultara detrás do traballo mecánico que lle esixía o día a día do xornal.

Cando pechou a revista perdinlle a pista. Estaba aí, ao lado, no vecindario. Paseando pola vila, polos parques, polas rúas peonís ou por onde a el lle saíse. Unha vez vino en Pasarón, acudindo ao fútbol. Un par de veces cruceino na rúa. Que tal Valero? Como te trata a vida? Pouco máis.

Ata que o atopei en Facebook. Aí deixei de recoñecelo e empecei a coñecelo. Descubrín o amante da Boa Vila, a un dos mellores promotores da imaxe de marca da cidade, a un nostálxico incorrixible. O Valero ten un auténtico museo na súa rede social, unha interminable colección de imaxes, fotografías ou vídeos relativos á historia da cidade.

No seu muro fabrica ventás a un pasado esquecido polos maiores e ignorado polos que non o son tanto. Desvela unha Pontevedra cunha ría libre de pecado, unha cidade sen coches, cos primeiros coches, con coches na zona monumental e con poucos coches outra vez. Lembra a tradición, lembra á xente que formou parte de Pontevedra, a que a levantou, a que é Pontevedra. O Lérez libre de pontes, as grandes prazas sen terrazas, as avenidas de acceso á cidade sen asfalto, as costas municipais sen fábricas. A Pontevedra do Hai que Roelo!, a que se vestía de inverno despois da Peregrina, a dos pequenos comerciantes e a das economías familiares de subsistencia. A Pontevedra de verdade. Está todo. Para o deslinde de Poio e Pontevedra tíñanlle que preguntar ao Valero.

Fai un esforzo de documentación inconmensurable. O sentimentalismo presupónselle. Pero podería ter quedado cos vestixios do pasado para goce persoal. Non quixo. O auténtico mérito do Valero está en achegar Pontevedra aos pontevedreses polo medio máis sinxelo.

A popularización da historia mediante o Facebook é un marabilloso valor que, no seu caso, merece recoñecemento. É posible que nunca leve os premios Cidade de Pontevedra, nin que sexa unha eminencia en ningún campo concreto máis que o deseño gráfico (niso si que é bo: se poden, contráteno), pero o valor que lle dá á cidade é incalculable, só comparable co agarimo co que elaborou a súa colección persoal. Grazas a ela podo dicir que agora coñezo ao cidadán José Valero Casal.

Comentarios