Jueves. 27.06.2019 |
El tiempo
Jueves. 27.06.2019
El tiempo

España, ano 2060

Xente paseando por Pontevedra. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
Xente paseando por Pontevedra. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

P ontevedra é a terceira provincia máis poboada de España. Achégase á cifra récord de principios do século XXI. Os movementos migratorios masivos desde zonas desérticas acabou afondando no abandono do Sur. O cambio climático incrementou o seu ritmo e intensidade despois da Terceira Guerra Mundial e o interior acabou desolado. Os antigos territorios da Meseta, así como os desertos de Almería e Monegros foron paulatinamente abandonados. Os atrevidos habitantes do Sur reclúense en terreos costeiros, nos que o Mar reduce as medias das máximas anuais por debaixo dos 50 graos.

A senda cara a Europa debuxa a milleiros de persoas que se desprazan de Sur a Norte fuxindo da calor e na procura de territorios con augas. Pero atravesar as fronteiras é complicado e moitos españois perecen na fronteira con Euskadi, Francia, Andorra ou Catalunya, mutilados polas concertinas, electrocutados nos valados ou disparados polos gardas fronteirizos máis sádicos. Os que conseguen facer camiño aínda teñen que percorrer centos de kilómetros para alcanzar terreos confortables protexidos polos Alpes ou os climas máis benignos do sobrepoboado Norte de Europa.

A preocupación xa non é o diñeiro, é poder comer algo á semana

España cambiou completamente en 2033 despois da gran crise económica do século XXI. As grandes empresas eléctricas españolas, que controlaban a produción mercede ao consentimento de sucesivos gobernos de comezos do século XXI, foron absorbidas por multinacionais estadounidenses.

Os prezos incrementáronse de forma radical cando Pablo chegou ao poder. No seu intento por mellorar a vida dunha poboación moi avellentada, subiu os impostos ás grandes empresas, pero estas pecharon a billa, fuxiron de España e levaron con elas a tecnoloxía e os recursos productivos. O país quedou sumido no caos, sen posibilidades de reacción inmediata. Sen enerxía e sen infraestruturas para creala, os robots das fábricas deixaron de ter fontes de alimentación. As industrias nacionais pecharon e a pobreza chegou.

O estado deixou de ter recursos para pagarlle o subsidio mensual ás familias sen recursos, que eran o 30 por cento, debido á robotización. Millóns de persoas acudiron ás urnas para darlle o poder a Santiago, que anunciara en campaña que lle devolvería o traballo aos cidadáns e reconstruiría España. Despois de gañar, o primeiro que fixo foi sacar o exército á rúa, depoñer a democracia e aillar aos rebeldes de Catalunya e Euskadi.

Segundo os libros de historia, Catalunya levaba 15 anos de fortes tensións despois do golpe de estado fallido de 2017. A represión do exército de Santiago, coa morte de varios civís, produciu unha resposta negativa de Europa, que desamparou a España. Despois de moitos meses de tensións habilitou unha consulta de independencia catalana que derivou nunha guerra na que moitas potencias europeas acabaron abastecendo ao goberno catalán en silencio. Euskadi seguiu os pasos de Catalunya e aproveitou a fraxilidade española para fuxir.

Santiago foi derrocado, e o país, destrozado polos conflictos bélicos e afectado polos trocos climáticos e polo grave déficit de auga e enerxía, acabou vendo como a súa poboación minguaba, fuxía e a súa xeografía se volvía desértica. Un mundo apocalíptico no que a vida estaba condenada a morrer.

Agora a preocupación da poboación non é ter diñeiro. É comer algo á semana, ter refuxio para superar os trocos de temperaturas, atopar auga doce potable e esquivar as enfermidades propagadas polas ratas e polas ducias de especies de insectos novas que nos invadiron e que fan que cada día no ano 2060 sexa unha aventura.

España, ano 2060
Comentarios