Blog | Acabou o conto

De excursión coa policía

Un axente diante dun vehículo policial. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Un axente diante dun vehículo policial. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

UN GRUPO de animais salvaxes tomaron este martes as rúas de Pontevedra e reclamaron a atención da Policía Nacional. Os membros dos corpos de Seguridade do Estado escoltáronnos ata o seu destino, evitando que a súa vida estivese en perigo. Era unha familia de gansos. A nai camiñaba paciente entre formigón, plaqueta, edificios e asfalto en dirección ao río dos Gafos. Ensináballe aos seus fillos que aínda que o ser humano pode ser cruel e despiadado en centos de ocasións, tamén pode ter comportamentos exemplares para a súa propia especie e a convivencia coas demais. "Todo depende de ser quen de dar coas persoas adecuadas no momento axeitado", dicía mami gansa. A cabeza de familia atopou aliados nas forzas e corpos de seguridade do Estado. Varios axentes a guiaron a ela, ao seu home e ás súas crías na procura do seu destino. Hai que ser moi bo axente para facer iso.

Hai quen cre que a Policía non debe perder o seu tempo nin a súa paciencia parapetando a unhas aves salvaxes. Non podo estar máis en desacordo. Eu pago os meus impostos exactamente para que sucedan cousas coma esa, que me devolven a fe no ser humano. Bueno, tamén para que os señores Nacionais traballen polo bo cumprimento da lei, atendan as necesidades en materia de seguridade cidadá dos habitantes e atrapen aos cacos. Pero sobre todo para que coiden dos máis desfavorecidos, para que lles fagan máis sinxelas as súas vidas.

Un sector da poboación asocia o uniforme aos problemas

Hai un sector da poboación, habitualmente con ideas de esquerdas e máis novos que vellos, que asocia a calquera axente uniformado aos problemas. E hai algún caso no que, seguramente, a súa desconfianza teña a súa razón de ser.

Por exemplo, ao pai da filla da miña prima, que é un santo, fíxeronlle unha auténtica putada un bo día de verán cando pretendía facer fotos dun medallista olímpico no aeroporto de Peinador. Presuntamente agrediu a un axente, pero eu sei que o pai da filla da miña prima é incapaz de facerlle dano a unha mosca e que naquela historia había gato encerrado.

Tampouco é a primeira vez que vemos aos antidisturbios en acción, excedéndose no uso da autoridade e cargando de forma inmisericorde contra civís inocentes no medio dunha manifestación. Por suposto que a ninguén lle gusta que un funcionario de Pontevedra lle deixe un recado e lle leve o coche ao depósito municipal por telo estacionado en servizos máis tempo do debido. Tampouco é agradable que un home vestido coas cores do Racing de Ferrol o deteña na estrada para pasarlle unha receita peor que as de Arguiñano. Apostados en calquera curruncho deteñen ao bo condutor, achéganse a el co seu rictus serio, coa gorra inmutable e a pipa no cinto, que mete medo, e trátano a un de vostede e coa frialdade necesaria para facelo consciente de que se lle van caer os euros do peto e os pelos da cabeza.

Entre a autoridade sempre terá o risco de atopar a algún que lle pareza un desaprensivo, listillo ou inútil, como, por outra parte, lle pode ocorrer con calquera persoa de calquera profesión. É posible que por extensión odie a tódolos demais e crea que son os culpables daquela maldita multa que lle puxeron por ir a 130 km/h nun sitio no que a estúpida lei ditaba que só se podía circular a 50.

Pero non se engane, na súa esencia, unha boa parte dos representantes de calquera corpo de seguridade do Estado teñen como vocación un dos valores máis necesarios da sociedade: o instinto de protección, algo así como o que mamá gansa experimenta cada vez que leva aos seus fillos de excursión por Pontevedra.

Comentarios