Blog | Acabou o conto

Feos, guapos e guapotes

Lucía Vázquez aprendéndolle claves de nutrición a Rodrigo Cota. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Lucía Vázquez aprendéndolle claves de nutrición a Rodrigo Cota. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

MIÑA NAI ten un particular sentido da beleza masculina. Diferencia entre feos, guapos e guapotes. A guapura é directamente proporcional ao perímetro corporal. Con miña nai, os gordos triunfan. Ela sempre estivo delgada. Tanto traballar co legón entre leiras e tanta preocupación polos seus pais, os seus animais e a media ducia de fillos que pariu, eu inclusive, impedíronlle gañar peso. Pasou fame cando era nena e viulla pasar a toda a veciñanza. Por iso, desde sempre, cando vía unha persoa entrada en carnes era porque tiña diñeiro para poder comer tódolos días e facer unha vida sedentaria e repousada. Estar gordo era de ricos. Por iso sempre admirou a gordura.

Atendendo aos criterios de miña nai, Rodrigo Cota sería un guapote de concurso. Cota é ese tipo simpático, de grandes dimensións, ao que lle prometín que falaría del con irreverencia nesta espazo e que poboa as páxinas deste rotativo cun inxenio sen par.

Hai uns meses, convencido polos xefes do Diario, prestouse a ser obxecto dun experimento sociolóxico: adelgazar e contar a experiencia. Rodrigo púxose en mans de profesionais para aprender a facer unha vida sá. Cando o experimento acabe, Rodrigo volverá ser Rodrigo, cos seus hábitos, cos seus praceres. E todos seguiremos queréndoo igual, porque o que verdadeiramente nos importa é a súa personalidade, non tanto a súa beleza. Bueno, a súa saúde tamén nos preocupa.

A obesidade é un tema moi serio que moitas persoas intentan combater a diario, que en ocasións provoca dificultades para encaixar en determinados sectores, que atenta contra a saúde e que causa estragos psicolóxicos a moitas persoas. A obesidade é un grave problema público. Pero a obsesión polo tamaño das nalgas, dos abdomes e dos bíceps, tamén. E cada vez hai máis escravos do seu físico. Xente que ve con recelo o churrasco, unha cervexa, un chourizo ou o pan.

Imos cara un mundo puritano, como o da película Demolition Man? Nela conxelan a Stallone no 1995 e logo devólveno á vida no 2020, ou por aí. O prota descobre que nin pode comer bocatas, nin dicir palabrotas, nin ter contacto físico cos conxéneres. Un mundo de luxo e perfección no que non existe liberdade e no que todo o mundo se desexa Propicios Días. Stallone, que parvo de todo non é, descobre que nos sumidoiros (ufff, estoume poñendo só de lembrar a película) hai tolos como Rodrigo Cota que teñen morriña do século XX. Entre eles, o líder da resistencia, Edgard Friendly, que se destapa cun inesquecible soliloquio.

"O inimigo son eu porque sei pensar. Gústame a liberdade de expresión e de elección. Gústame sentarme nunha taberna graxenta e pensar: tomo churrasco de porco ou o carneiro ao espeto con patacas fritas? Quero un alto colesterol, quero comer lacón con grelos e cocido da avoa. Quero fumar un porro xigante en non fumadores, quero correr espido pola rúa, co corpo untado en xelatina mentres leo a Playboy. Por que? Porque ao mellor me entran ganas de facelo. Vin o futuro e sabedes o que é? É unha virxe de 57 anos cun pixama beige que toma un batido de pera e canta son unha salchicha Oscar Mayer. Se vives arriba, vives como di Copto. O que él quere, cando el quere e como el quere. A alternativa é baixar aquí e, se cadra, non ter que comer".

Pois iso, vivan a vida. Saiban que se abusan lles pode pasar factura, pero tamén que aquí estamos catro días. Non vaia ser o demo que, de tanto coidado e obsesión por ser guapos e sans, se esquezan do incriblemente afortunados que son por non pasar fame.

Comentarios