NA UNIVERSIDADE de Vigo, campus de Pontevedra, había unha encantadora mestra que lles pedía aos alumnos que non lle falasen con acento gallego. E iso dicíao pechando ben o ‘O’ e cunha non menos encantadora musicalidade que definitivamente era un sinónimo perfecto do que é o acento galego. A ideoloxía e a represión á esencia galega están en todas partes, tamén na universidade, unha especie de bazar de ideas no que os alumnos as adquirimos para facelas nosas e defendelas unha boa parte ou toda a nosa vida.
Así, algúns prestixiosos alumnos das universidades galegas mercaron a idea de que o portugués e o galego son o mesmo idioma. Hai seis séculos, se cadra... Daquela había galego-portugués, o mesmo idioma coas súas variables dialectais. Pero a lingua evolucionou e o galego atravesou por mil leas ata converterse no que é hoxe, guste máis ou menos, un ben cultural en perigo de extinción que hai que protexer, xusto o contrario do que fai o actual Goberno da Xunta, que por non manchar as mans liquidándoo prefire deixalo morrer.
Despois de discutir (adoro discutir en Twitter, xa o sabedes) ducias de veces con aqueles universitarios, nada me convence máis de que o galego e o portugués son linguas distintas.
Partimos da base de que un galego medio non entende a un portugués medio. Obviamente hai excepcións, da mesma maneira que hai excepcións cando un español de Calatayud comprende a tódolos castelán falantes e de socato cruza os seus pasos co Jesulín de Ubrique.
As diferenzas fonéticas entre a meirande parte dos falantes das dúas linguas son abismais. Pero a lóxica proximidade da fronteira achégaos nalgún punto moi concreto, como ocorre na fronteira dos seus territorios con calquera par de linguas diferentes que teñen unha mesma orixe. A iso acoden os unificadores para defender que o galego e o luso son o mesmo. O caso é que o meu amigo Xerardo o de Verín entende con igual facilidade a un galegofalante de Cangas (un dos dialectos do galego máis diferentes ao seu) que a un lusofalante de Chaves (o portugués máis próximo ao seu no lugar no que o dialecto do galego e o do portugués máis se asemellan).
Respecto que alguén poida crer que a ortografía máis adecuada para expresar o galego sexa a que promove o galego reintegracionisma, galego internacional para algúns. No seu momento, quero crer que en base a ortografía empregada polos nosos escritores, optouse pola nosa propia ortografía, a actual (nada de palabras rematadas en M, nin de M en lugar de NH, nin de NH en lugar de Ñ, nin LH en lugar de LL, nin de J en lugar de X (a que máis me encaixaría na lingua, aínda que sería longo de explicar e non teño espazo). Pero isto non vai da forma de escribir, senón da fala.
Coa fonética claramente diferente, tendo grandes semellanzas o léxico do galego e do portugués distanciáronse moito en seis séculos e a gramática, tamén.
Aos promotores do galego internacional non lles vale a norma do galego actual. Queren impoñer a súa escrita similar á lusa. Pero resulta que o galego que falan e ao que aspiran está tan afastado da norma do portugués actual que ao final tamén deberían ir a Academia Portuguesa da Lingua a pedir contas, porque o que alí promulgan non os representa.
Queren mudar as dúas linguas ou simplemente integrar ao galego no portugués, afastalo da lingua cotiá e dos seus falantes e sentenzalo a morte antes de que esta Xunta o mate por inanición? Non os entende nin miña nai.