Lunes. 25.03.2019 |
El tiempo
Lunes. 25.03.2019
El tiempo

Galegos coma indios

Os amables plurilingües de Hablamos Español facendo campaña a favor da súa causa en Sanxenxo. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
Os amables plurilingües de Hablamos Español facendo campaña a favor da súa causa en Sanxenxo. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

HOLLYWOOD CONVENCEUNOS de que os indios eran os malos. Aparecían nas películas con plumas na cabeza, pinturas na cara, machetas nas mans, algún dente máis torto que outro e cicatrices varias de Deus sabe que partidas de tute: sanguinarios asasinos. Arrincaban cabeleiras a vaqueiros e granxeiros, asasinaban aos seus avós, secuestraban aos fillos, violaban ás mulleres, queimaban vivas ás súas reses. Eran armas de destrución masiva que querían exterminar ao humilde home branco.

O principal problema de Norteamérica eran os tolos salvaxes fronte aos inocentes rostros pálidos. Iso dicían. Pero en realidade os indios, que poboaran aquelas terras retratadas no cine durante séculos, non convidaran ao perigoso progreso. Cos territorios invadidos, co sétimo de cabalería facendo das súas acá e alá, o ferrocarril chegando e conquistando os terreos sagrados dos diferentes pobos norteamericanos, algúns intentaron defenderse ante o que entendían como unha agresión colonialista. Pero perderon a batalla e agora viven illados en reservas, acurralados, sen poder desempeñar con liberdade a súa actividade e as súas tradicións. Sobrevivindo como poden.

Os nosos nenos xa non saben a lingua dos seus avós

A poderosa aparataxe propagandística do cinema debuxou outra realidade que converteu en verdugos aos nativos americanos. A base de repetir cen veces a mesma mentira, o celuloide foi quen de conseguir que a mentira se transformase en certa. Non hai mellor fábrica para converter os soños en realidade ca Hollywood.

Galicia pouco ten que ver con California. Pero á nosa lingua pasoulle coma aos indios: aquí falouse única e exclusivamente en galego. Ata chegou a ser unha lingua de prestixio, fíxese.

Pero a historia provocou moitos trocos. O castelán instalouse e converteuse na única lingua oficial en moitas épocas da historia do país. Un día contareilles como ridiculizaban na escola, na aldea na que eu nacín, aos rapaces que só sabían falar en galego. A lingua do país acabou nun curruncho.

Agora intenta sobrevivir, non moi ben, cos seus achaques. Pero cada vez que pretende respirar a través da creación de medidas para o fomento do seu uso, vén algún e prexuizoso disconforme monolingüe en castelán (en moitos casos tan galego coma o que máis) a denunciar os perigos do galego para os seus dereitos constitucionais. Unha ameaza de independentistas, golpistas e proetarras galegofalantes. Vaia terrorista miña nai, si.

Dentro de pouco vai ser verán e van vir visitar a nosa terra miles de persoas procedentes doutras zonas do Estado. Algunhas, as menos numerosas pero as máis ruidosas, molestas con que en Galicia se fale galego, se escriba en galego en carteis de institucións públicas (salvo rara excepción tamén están en castelán) e se lea Sanxenxo na entrada da súa vila favorita.

E como lles estraña que nun lugar tan servil, no que lles dan de comer marisco e peixe a bo prezo e lles permiten mexar nas frescas e limpas augas das súas rías, se fale e escriba noutra lingua diferente á do imperio, maniféstanse na praza do pobo. E repiten centos de veces aquilo da imposición do galego sobre o castelán. Inventan esa mítica historia de que un galego moi malo se negou a falarlles en castelán a pesar de reiteradas peticións e lembran o malo que é o adoutrinamento e que na escola só se pode falar en castelán nos baños, entre fume de canutos e condóns usados. Estes galegos xa parecen cataláns, meu Deus. E mentres, os nosos nenos non saben a lingua dos seus avós e, ás veces, nin a entenden.

Digno de Hollywood.

Galegos coma indios
Comentarios