jueves. 28.05.2020 |
El tiempo
jueves. 28.05.2020
El tiempo

Máis tipos como Oliver

Oliver Laxe, nunha oficina da facultade de Ciencias Sociais. RAFA FARIÑA
Oliver Laxe, nunha oficina da facultade de Ciencias Sociais. RAFA FARIÑA

OLIVER ERA un paquete novo e prometedor. Era o xogador máis alto e tamén o mellor: case o único recurso que tiñamos, ademais de Edu Muñiz, manicho, raza branca, tirador. O problema é que eramos o peor equipo da historia do baloncesto. Non só do baloncesto universitario, tamén do federado, do veterán e do baloncesto base. Seguro que os preminis do Boa Vila nos pasarían por enriba.

Só Oliver tiña cualidades para desposuírnos daquel privilexio. Desafortunadamente, os demais eramos tan malos que el acabou contaxiado. Fallaba os tiros libres e intentaba facer cousas co balón que non sabía, como xogar de base cando en realidade tiña que estar debaixo do aro, zurrándose cos pívots e aproveitando os seus centímetros.

É ese home do que desexas que lle vaia ben para poder alegrarte

Prometía, non para o baloncesto, por Deus, pero si para actividades que tivesen que ver coa creatividade. Era o perfecto exemplo de que a ambición e a humildade son virtudes compatibles. Non se podería explicar doutra forma que aceptase participar na Liga universitaria connosco e ao mesmo tempo se desesperase partido tras partido ao soportar aquel castigo do señor.

Oliver tamén era un tipo intelixente e entusiasta, cun sentido do humor que deixaba entrever un talento emerxente. Estudiaba Publicidade e Relacións Públicas en Pontevedra e habitaba nun faiado na zona monumental. Quería vivir alí e nada nin ninguén llo ía impedir. O edificio non tiña ascensor, caía a anacos e tiña a desorde propia das vivendas dos xenios, como a do estudio do gran Manuel Moldes, que en paz descanse. Pero estaba na zona monumental. Tampouco lle facía falta moita cousa máis que a boa compaña, catro perras para pagar o piso e a comida e a súa cabeza. Xa daquela tiña esa mirada bohemia de persoa que algún día pensa facer cousas grandes.

Oliver non fora educado en lingua galega, xa que non tivera excesivo contacto con ela na infancia, cando se forxan os vínculos orixinais co idioma, pero sentíalle un profundo respecto, así como pola cultura do país, aínda que vivía abraiado coa capacidade de autodestrución que ás veces demostramos en Galicia.

A Oliver Laxe sobreviulle o éxito hai unha semana, cando o Festival de Cannes recoñeceu o seu traballo co galardón Un Certain Regard pola súa obra O que arde, na que fala de pirómanos, de bombeiros, do lume e da Galicia de sempre. O éxito é algo que pode tocarche ou non, porque non só depende do talento, senón do gusto alleo. Pero o traballo para conseguilo, no caso de Oliver, é innegociable. Tamén é certo que, despois de xogar connosco, estaba mellor preparado para logralo.

Oliver, ademais, triunfou en galego. El é galego, o tema é moi galego, a película rodouse na Galicia. A lingua da súa obra non podía ser outra.

Laxe volveu demostrar unha obviedade tan grande que ata resulta estúpido repetila: que o galego, como calquera outro idioma, por poucos falantes que o empreguen, está cualificado para atravesar fronteiras e fabricar produtos dignos do meirande recoñecemento, en calquera ámbito.

Coa súa obra e o seu galardón, Oliver fixo máis polo galego que a Xunta coa súa política preventiva para protexerse dos ofendidos monolingües, os que sosteñen que ese dialecto falado por paletos non ten valor cultural, sentimental, nin utilidade cotiá máis alá de para negociar cos porcos e as ovellas. Moito ben faría neste mundo se houbese máis Oliver Laxe. Tipos que, cando os coñeces, estás desexando que lles vaia ben para poder alegrarte.

Máis tipos como Oliver
Comentarios