Miércoles. 27.03.2019 |
El tiempo
Miércoles. 27.03.2019
El tiempo

Manzanas traigo

Estudantes de Selectividade na facultade de Ciencias Sociais. DAVID FREIRE
Estudantes de Selectividade na facultade de Ciencias Sociais. DAVID FREIRE

NA CLASE de Lingua Española da promoción de 1996 de COU do Instituto Meendiño de Redondela intentabamos non incorrer en yeísmo. A profesora Dolores Lería encargábase do asunto. Dolores era unha mestra que marcou unha época para moitos alumnos do centro e seguramente para calquera bo estudante de Secundaria que estivese á súa disposición. Tiña un avó que lle lembraba que non confundise os ll cos y ao pronunciar en castelán. Aquela idea metéuselle no tuétano. E desde entón adicouse a inculcarllo, sen éxito, aos rapaces que estivemos ao seu cargo durante os seus anos de maxisterio.

A Dolores conducía un Mercedes enorme que chamaba máis a atención cas súas xeniais ideas sobre o yeísmo. Non vén ao caso, pero quería dicilo. Entre outras cousas tamén nos obrigaba a levar un caderno no que fosemos actualizando o temario que explicaba e os deberes que debiamos facer. De vez en cando solicitaba cadernos ao azar para comprobar se cumpriramos co pactado.

-¿Has hechos los deberes, Susana?- preguntoulle un día a unha compañeira. A Susana respondeu como é debido, con escusas baratas: "Estuve enferma"…

"¿De dónde vienes? Manzanas traigo", espetoulle Lería. Todos, menos a Susana, quedamos mirando con cara de micos. Non entendiamos nada. "Te pregunto una cosa y me respondes con otra. No sabes la historia de la madre que preguntaba a su hijo. ¿De dónde vienes? Y él respondía Manzanas traigo. No me hagas igual".

Aprendemos unha gran lección. Meses despois, en plena época de análise de oracións, a profe pillou por banda a Óscar, un tipo de Vilar de Infesta. O Óscar era dos que se engominaba para peitearse, xa en 1995. Era un repetidor moi simpático, que tiña carné e conducía un Renault 19 branco, vestía xerseis de pico e camisas. Era bastante intelixente, pero máis nugallán aínda, o que lle impedía, isto último, avanzar pola liña recta do señor.

Lería retiroulle o caderno para comprobar como andaba de frases, pero en Vilar non se comía morfosintaxe. Así que Óscar comezou a rañar o pelo con preocupación ante a inminente pregunta. Dolores non atopou nada. "¿Dónde están tus frases, Óscar?" El baixou a cabeza a acabou farfullando entre dentes. "Manzanas traigo".

A clase escachou coa risa. Ata á propia Dolores se lle escapou unha mueca amable coa xenialidade do rapaz, o que non impediu que tivese que papar unha boa bronca por non cumprir cos seus compromisos estudantís.

Aquel día o Óscar demostrou que tiña todo no seu sitio, carisma de abondo para ser político e ademais as dotes que as persoas do poder posúen para esquivar as balas. O que xa non sei é se ademais dispuña da capacidade de traballo que require tal profesión.

Perdinlle a pista completamente, pero non me estrañaría acabalo vendo como alcalde ou cabeza de lista nalgún concello deses mundos divinos.

Agora que estamos xa en campaña electoral, e que Rafa, Lores, Rei, Rey (suponse) e Tino van posicionándose cara a Alcaldía de Pontevedra, escoitarán moitas respostas, pero poucas ou case ningunha ás preguntas que se fixo vostede.

Responder doutra maneira forma parte do estilo de vida da nosa dialéctica política: darlle a volta á esencia das dúbidas e demandas da cidadanía, retorcer os argumentos. Por iso lle recomendo que analice ben quen é cada quen e que significará o seu mandato. Non se deixe enganar. Que non lle traian Manzanas onde vostede reclamou respostas.

Manzanas traigo
Comentarios