Blog | Acabou o conto

Mellor sen violencia

Os neonazis nunha marcha no Valle de los Caídos. VÍCTOR LERENA (EFE)
photo_camera Os neonazis nunha marcha no Valle de los Caídos. VÍCTOR LERENA (EFE)

O MEU amigo Mingos chegaba tarde a unha reunión e por iso conducía con algo de présa. Tomou unha atallo, con tan mala sorte que cando chegou a unha pista estreita topou cun rapaz diante del que andaba en bici e tiñas ganas de leria. Lonxe de apartarse, o adolescente, que polas horas que eran non parecía estar escolarizado de todo, púxose a facer o indio co seu vehículo polo medio do camiño. Como o Mingos non o podía adiantar, comezou a darlle ao pito do coche para que se apartase. O neno non lle fixo caso e púxoselle a ensinarlle o dedo longo da man, o do medio. O Mingos intentaba pasalo, pero o macaco cruzábase. Canta máis présa tiña, máis lle tocaba o carallo aquel mocoso.

Por fin, a estrada ancheou e o Mingos adiantou ao da bicicleta. Pero lonxe de seguir no seu camiño, enfurecido pola actitude do rapaz e vendo que, de todas maneiras, xa ía chegar tarde alí onde ía, decidiu deter o coche, parar ao rapaz e saldar contas.

O mocoso empezou a provocalo. "Si me tocas, se lo digo a mi padre y te denuncia", díxolle despois de que o Mingos, fóra de si, o collera pola camisa coa idea de arrearlle un soplamocos. Aí veulle un momento de lucidez e optou por deterse e deixar ao rapaz.

E deseguido actuou de forma brillante. Desde a súa altura, o Mingos axexou por enriba dun muro de pedra e descubriu unha veiga chea de silvas. Antes de que o mocoso marchase de alí sobre dúas rodas, colleulle a bici, levantoulla polo aire e tiroulla ás silvas. O rapaz foí detrás do muro, cantándolle ao Mingos a Biblia de atrás para diante, mentres él arrancaba cun sorriso de satisfacción e lembrándolle que a el non o puteaba ninguén.

O Mingos actuaba así porque, a pesar da tensión que afronta na súa vida cotiá, é un tipo que fai impor a sensatez mesmo en momentos de ira. Mingos é un tipo de ben (por iso é amigo meu, carallo!) que, aínda tendo corpo e forza para poñela en práctica, non acaba de verlle o proveito ao de sacar o brazo a pasear.

Por iso foi que a súa resposta tivo máis orixinalidade ca violencia. Supuxo unha valiosísima lección para o rapaz. Nos tempos que corren, o mellor ingrediente para combater a discordia é o inxenio.

Penso moito no Mingos cada vez que me mergullo no día a día para ver como estamos. O outro día, un amigo dicía que contra a intolerancia prepotente e discriminadora do outro estremo da corda só cabía a violencia.

Argumentaba moitas cousas con sentido: que os medios patrios lles dan cabida a pesar do excluínte que é o seu discurso ou que as grandes empresas os amparaban porque defenden as súas necesidades de libre mercado e libre explotación. O meu colega sentíase indefenso ante un sistema perverso que ampara aos poderosos e desprotexe aos cidadáns de a pé, aos desamparados, aos de abaixo de todo da escala.

E ante a desesperación de verse baixo un sistema no que a liberdade dos xenófobos é igual á dos xustos, clamaba sangue.

Pero iso é o que buscan os inimigos dos desamparados: unha excusa para vitimizarse e responder con violencia física e dialéctica. O insulto alleo é a enerxía que nutre o seu discurso, cargado de sloganes baratos de odio.

A única maneira de combatelos é desde as ideas: facerse poderosos desde a razón e confiar en que o sentido común evite que sigan crecendo: recorrer ao inxenio. Conterse, medir e golpear coas ideas, como fixo Mingos co langrán da bicicleta. Así día tras día, ata que saiban que intentaren impedirnos avanzar só vai fortalecer aos que cremos na democracia.

Comentarios