domingo. 18.04.2021 |
El tiempo
domingo. 18.04.2021
El tiempo

O que menos contamina

María Patiño, hai anos, xunto con Jaime Cantizano. ADP
María Patiño, hai anos, xunto con Jaime Cantizano. ADP

AO PRINCIPIO a nova pareceume unha broma. Non pensei que fosemos caer tan baixo. Pero si, efectivamente, os alumnos finalistas de xornalismo da Universidade de Santiago de Compostela escolleron como madriña a María Patiño.

Non  teño  nada  persoal  contra María. Ela será unha boa (ou mala) profesional do seu, a prensa rosa, e fará o que lle demandan os seus xefes e os seus televidentes: contar chismes e lerias da vida privada dos famosos, que é o que máis importancia ten neste país.

Ao principio cría que o problema radicaba en que a promoción de xornalismo (algún deses está, pasou ou pasará polo Diario para formarse ou choiar) escollese como referencia a unha representante da telebasura para santificarlle as festas.

Pero todo, mesmo as gafas de Jorge Javier, dá para reflexionar. Ao momento decateime de que a elección, sendo desacertada (escoller a unha asalariada do Sálvame ten moi difícil defensa), non ía converter en mellores ou peores xornalistas aos alumnos. E ademais oculta algo máis grave:

A profesión atravesa unha  crise tan fonda que ata uns estudantes de Santiago de Compostela queren como referente a Patiño.

En España, a nivel estatal, hai enormes profesionais, pero iso non impide que o xornalismo camiñe cada vez máis rapidamente para o barranco. De cando en cando, en marabillosas seccións sen ningún tipo de condicionante nin interese por parte de seres supremos, alguén cargado de talento e independencia executa unha peza de verdadeiro xornalismo. En temas de cultura, en temas de sociedade, de sucesos, en deporte: en temas que teñen que ver un pouco coa realidade cotiá das persoas, pero menos co seu sustento.

A empresa xornalística é cada vez máis feble e cada vez depende máis do que dictaminan nun consello de administración, no despacho dunha grande empresa, dun goberno ou na sede dun partido. A  independencia  dos xornalistas de ben que pretenden facer un traballo digno é unha quimera. Non hai máis que ver o que acontece coa TVG e os Venres Negros para ser conscientes do que é a perversión do xornalismo contemporáneo.

Por outra parte, algunhas grandes estrelas están acomodadas facendo o que queren. E poden facer o que queren, o que sempre desexaron. Eles si que son libres: xa non son se cortan. Nin lles piden que se corten. Son felices sacando as súas cores a pasear de forma sibilina ou directa, diante dunha audiencia entregada. Dálles igual perder a noción da obxectividade. Din o que queren como se fosen taberneiros diante dos seus fregueses.

A Carlos Herrera, ás mañás, só lle faltou chamarlle rata a Pablo Iglesias, por poñer un exemplo de alguén a quen teño escoitado (vaia sustos levo ás mañás con el despois de deixar a radio posta na Cope á noite para oír os deportes de Paco González e Juanma Castaño).

Herrera non é o único. Diarios, radios e televisións disparan con munición de uranio arriquecido. Viven para a crispación, para a defensa do seu partido político ou para a oposición aos contrarios, pola defensa acérrima de intereses económicos que lles dan de comer pero que moitas veces son contrarios aos cidadáns (bancos, eléctricas, petroleiras, construtoras, empresas de seguridade...).

Así, un entende que en Santiago escollesen a María Patiño como madriña. Ata comprendería que se deixasen apadriñar por Kiko Matamoros ou o outro Kiko, Rivera. Postos a escoller entre todo o que fede, é mellor quedar co que menos contamina.

O que menos contamina
Comentarios
ç