Blog | Acabou o conto

O Lores e o paraíso

Lores visitando os lombos de Juan Bautista Andrade en 2011. DAVID FREIRE
photo_camera Lores visitando os lombos de Juan Bautista Andrade en 2011. DAVID FREIRE

A o primeiro día, Lores creou Pontevedra. Era sucia e escura, desordenada, caótica. Cada vez máis, motores e claxons enfadados, longas colas para acceder ao centro da vila, fábricas, aires perniciosos, augas contaminadas, rúas intransitables para os peóns. Lores apareceu para acabar co caos. Retirou os coches da zona monumental. Ao segundo día, Lores fixo beirarrúas. Anchas, amplas, de cores. A Michelena despediuse dos coches. E despois, Benito Corbal e a Praza de España. E eliminou aparcadoiros e carrís de circulación. E a xente empezou a camiñar.

Ao terceiro día fixo o río. A praia fluvial, o paseo dos Gafos, a senda do Lérez ata Ponte Bora. E reformou a Illa das Esculturas, os campos da Xunqueira e o Campus Universitario. E o aire empezouse a respirar.

Ao cuarto día, foi ao rural. E Loureiro Crespo tivo unha zona peonil para nenos, e moitas rúas estreitas de zonas pouco luminosas da cidade foron máis humanas. Lores, alí na terra do rural coma no centro.

Ao quinto descubriu o lecer. E fixo Pasarón, e a Feira Franca e o triatlón recalou en Pontevedra para non irse nunca. E creou carrís para bicis e un botellódromo para desterrar o vicio do centro, para afastalo do patrimonio.

Ao sexto día creou os lombos.

E ao sétimo non descansou.

Lores adora a saúde pública, tanto como os premios que recibe tódolos anos por ter un modelo de cidade envexado en toda España e exportable a unha gran cantidade de lugares do mundo. Lores conseguíu todos eses méritos e medallas contra vento e marea, sendo alcalde nacionalista nunha cidade tradicionalmente conservadora, de dereitas. En Pontevedra (non se sorprenda vostede nin lamente ser o que é, de dereitas. Non é algo intrinsecamente bo nin malo).

Lores peanolizouno todo en contra dos lamentos e presións de cidadáns, contra pequenos comerciantes que aseguraban que nunca máis ninguén ía mercar nos seus establecementos. Foi quen de que algún tolo se bañase no Lérez sen converterse nun heroe de ficción como Radioactivoman. Logrou paralizar a cidade por unha festa medieval, con escaso rigor histórico, iso si, a principios de setembro. E tamén foi quen de tourear aos tradicionalistas que lle reclamaban que tiña que acudir á Festa Nacional española e ás procesións. Renunciou a ambas e sobreviviu. Como sobreviviu tamén ás presións que reclamaban máis diñeiro para os clubs de elite.

O caso é que Lores loitou contra o vento e as mareas (as da Ría). E cada vez que estivo a piques de perder, ergueuse con máis forza que antes. Mesmo aprendeu a entenderse con outras administracións, a sacarse fotos con Feijóo no seu despacho e a estreitar a man con Ana Pastor.

Un home que reinou así, un ilustrado tan entrañable como carismático no uso do seu despotismo, un señor que fixo de Pontevedra unha cidade case perfecta para vivir e ensinar ao mundo, nunca admitirá que hai unha boa dose de erro en algo da súa creación: os lombos.

Non porque o coche de vostede ou meu pegue abaixo coa defensa cando baixa do tobogán. Conduza máis a modo. Tampouco porque se fundan as curtas antes ou se resintan os amortecedores. O verdadeiro problema é que as ambulancias non poidan chegar a destino antes e mellor, que os enfermos teñan que bailar de dor cada vez que sobrevoan un obstáculo e que algunhas vidas estean ao límite cada vez que se adentran no labirinto de resaltos.

Unha dose de inferno no medio do paraíso.

Comentarios