Jueves. 27.06.2019 |
El tiempo
Jueves. 27.06.2019
El tiempo

Sociedade empobrecida

Un pai co seu fillo despois de saíren do colexio. ADPNA GARDERÍA que rexía Dona Milagros había que andar con moito ollo. Milagros dirixía con man de ferro o seu tugurio. Calquera actitude dos mocosos que pasaban polas súas mans era susceptible de recibir castigo. Os pais e as nais depositaban alí os seus nenos para que aprendesen cousas do cole e da vida. Se era preciso que encaixasen algunha boa labazada, traballo aforrado.

Dona Milagros tiña a dereita de Serena Williams e o revés de Simona Halep. Sacudía con garbo e ademais contaba cun centro de tortura especializado que tiña cuarto escuro con ratos incorporados, estrugas para irritar os cus máis desobedientes e regra e cartabón para converter os cotobelos en liñas paralelas.

Os alumnos que superaron a proba de Dona Milagros e chegaron vivos ao colexio cruzáronse con Dona Concepción, que ensinaba Lingua Española e só tiña como días bos os sábados, os domingos e os festivos. O resto do tempo acudía ao colexio con moral suficiente para derrotar ás tropas napoleónicas. Os pequenos de antes non eran coma os de agora, máis sofisticados nas súas técnicas de abuso telemáticas. Daquela era habitual que os parias máis febles da parroquia acabasen mallados polos outros parias, os que tiñan forza. A patada limpa. Cedeira saía a unha malleira semanal, de media.

Os pais converten aos seus nenos nos donos das casas que habitan

Sen embargo, a actividade daqueles críos non requería respostas contundentes nas aulas. Ata o máis salvaxe dos rapaces de familias non moi ben estruturadas coñecía as sacudidas de Dona Concepción. Pasaban o umbral da porta da aula e contiñan automaticamente os seus desordes para non comer ferro.

Pero non todos eran quen de moderarse. O meu amigo Josiño, por exemplo, era traste e tiña dificultades de comprensión, e acababa cada clase cun peiteado diferente. O de que lle tirasen do pelo e das orellas, lle ondulasen o cráneo cos cotobelos e lle puxesen quente os dedos era unha resposta frecuente ás súas tibias demostracións de indisciplina.

Hoxe non sucede nada de aquilo. Os tempos mudaron. Os rapaces están protexidos pola lei contra a agresividade dos adultos como Milagros e Concepción, que como ben imaxinará son personaxes ficticios, a representación doutra época.

Agora ás crianzas non se lles pode tocar. É unha boa cousa. O castigo físico nunca se extinguirá, pero cando menos hai que lograr mecanismos para restrinxir o seu emprego a unha zurra puntual.

Iso si, en dúas décadas pasouse ao outro estremo, de golpe. Os rapaces deixaron de ser vítimas das galletas dos seus proxenitores a converterse nos amos das súas casas. Alguén creu que educar ben significaba ofrecerlle tódalas facilidades das que careceu ese propio alguén na infancia. E detrás del foron milleiros de pais e nais orgullosos de colmar con bens materiais a bebés que se contentan cunha pelota e un cartón.

A educación en valores clásicos como o bo uso da linguaxe, o respecto polos adultos e polas figuras de autoridade, o traballo como medio para obter bens e servizos e a obediencia aos pais está botada a perder. Xa non hai tempo de abondo para adicarlles ás criaturas. Nin tempo nin paciencia para conseguilo.

É máis sinxelo e menos agotador sucumbir á chantaxe dos seus berros e choros, regalarlles todo canto piden e non canto precisan e permitir que pasen a súa infancia de maneira virtual, pegados á pantalla dun móbil, dun ordenador, da Play, lonxe da rúa: permitirlles converterse nos donos dunha sociedade empobrecida.

Sociedade empobrecida
Comentarios