Blog | TAL COMO ÉRAMOS

A ledicia das mulleres

Agricultores en Roupar, Xermade (Lugo). EL PROGRESO
photo_camera Agricultores en Roupar, Xermade (Lugo). EL PROGRESO

A VIDA DAS mulleres traballadoras, e nomeadamente campesiñas, non ten dúbida que foi moi dura e laboriosa, pero tamén semella certo que os lóstregos de ledicia alumeaban en moitas ocasións os seus espíritos. Mesmo a pesares dos repetidos agobios e agonías suscitadas pola pluriactividade que se vían obrigadas a desempeñar. Como era o caso da muiñeira evocada por Valle-Inclán: "Estábase una molinera / de su molino en el umbral: / en la cinta tiene la rueca, / en los labios tiene un cantar". Emilia Pardo Bazán, que tanto fi ncapé fi xo nas cargas que levaban as costas as atarefadas paisanas do seu tempo, non esqueceu tampouco referirse ao lecer das mulleres traballadoras galegas: "Este poco de solaz se lo brindaba el día del santo patrón del lugar; también en la primaveral noche de San Juan, o con ocasión de magostos y vendimias. En tales ocasiones se lavaba la cara y los pies en la fuente pública o en el regato que atravesaba su huerto, se peinaba sus dos trenzas y vestía "el gayo traje de las ocasiones solemnes". E veña todas elas a bailar a muiñeira ao son da gaita, o tamboril e o pandeiro, e tamén por veces o pícaro agarradiño. Unha informante reportou que: "Nós de pequenos non nos aburríamos nunca, estábamos sempre ocupados, e as casas estaban sempre cheas de xente. Traballabas moito, pero non te agobiabas, pois sempre che axudaba alguén. Agora agóbiaste, estás máis sola, e segues facendo moitas cousas". É posible constatar o feito de que as mulleres campesiñas tiñan un tono vital predominantemente ledo, a pesar das súas fatigas. A canción esta moi presente na antiga cultura laboral rural. Como sinala Pegerto Saavedra, as campesiñas realizaban as faenas do campo "casi siempre cantando". Esta mesma conclusión despréndese da letra da coñecida canción Camariñas, na que se di que as mulleres lavaban no río cantando. En efecto, unha parte importante das súas tarefas as realizaban cantando, como poñen de manifesto os etnógrafos e os escritores realistas, como Lesta Meis ou Pardo Bazán.

Reflicte esta ledicia a voz feminina que se expresa nos Cantares Gallegos, de Rosalía de Castro, en diversas composicións. Velaquí un exemplo: "De noite, de día, / na aurora, na será, / oirés-me cantando / por montes e veigas". Nas aldeas pintaba a ledicia nas esfollas: "Recordo que no tear debaixo da casa da escuela tecía a miña irmá Carmiña, que era tecelana, e sempre había alí xente contando contos, e tamen na esfolla do millo, que se facía onde estaba a bodega. Na esfolla estaban os meus irmaus e viñan os primos do tío Camilo, e por alí andábamos tamén os rapaces. Os mozos e as mozas facían, creo que se chaman desafíos, inventaban letras. (...) Sempre andabamos unhos cos outros... teño unhos recordos mui bonitos". Ao cabo, unha dona aludía ao ambiente estimulante e festivo que tiñan as feiras, nas que se cantaba e se experimentaban vivencias gratas: "Nas feiras tamén se compraban coplas de historias, de crímenes, de amor e doutras cousas. Cantábanse moito. Recordo que saira unha copla dun crimen que houbera eiquí en Ervedeiro. As feiras eran mui alegres, era a diversión que tiñamos, ir á feira de tarde, ó paseo, pois non había discoteca, nin cine nin nada".

Por parte, os cregos preconciliares eran de moi diferente caste e condición, pero non eran poucas as persoas que os tiñan por auténticos augafestas que con teimosía ensombrecían a vida. Os abades adoitaban estar obsesionados co pecado, non da gula, no que caían moitos deles subscribindo probablemente o criterio sostido por unha alta autoridade eclesiástica que afi rmaba que para que houbese realmente pecado de gula, tiña que haber desmaio. E namentres non se chegara a ese extremo non había por que limitar o gozo dos copioso xantares, aos que eran tan afeccionados, por vanos escrúpulos de conciencia. A preocupación maior dos cregos eran os festexos mundanos, nos que especialmente os esmorgueiros e as donas tildadas de conduta livián pasaban "las noches de claro en claro y los días de turbio en turbio", de xeito que no medio da ledicia e a farra, acostumaban a excederse coa bebida, o que inducía a moitos destes réprobos cristiáns a faltar ao respecto ao sagrado e mesmo a blasfemar contra do Altísimo. E por suposto, a súa obsesión maior era todo o relacionado co sexto mandamento, polo que apercibían ás mulleres coa ameaza das penas do inferno, dende a catequese, o púlpito e o confesionario, aludindo aos perigos da carne e as tentacións do maligno. Mostraron, así, unha enconada xenreira contra os velorios (nos que mozos e mozas xuntábanse pola noite), fiadeiros, carnavales, verbenas e bailes populares, e de xeito moi especial contra o denominado agarrado, ao que se entregaban con fruición as parellas ensarilladas cando soaban valses e polcas nos rueiros das aldeas e nas prazas das cidades.

Vexamos un testemuño referido ás décadas de 1940-50, enmarcado nunha parroquia lucense, desta animadversión clerical contra o espírito festivo popular e as diversións paganas:"Cando eu era rapaza xugábamos moito á rueda, á maviola, que era un cuadro con raíñas e íbase pasando cunha pedriña sin pisar a raia. Cando eramos xa rapaces buscábamos zapatillas e zapatos vellos; e ó oscurecer, alí diante da casa, encendíanse aquelas gomas e aquelo era a verbena. Bailabamos todos. Aquil tempo que nos deixaban, que nos deixaban pouco, prestábanos a gloria. (...) En Santiago de Arriba sempre houbo mui bos carnavales, y en Vilaúxe tamén os houbo ás veces, pero o don Teolindo, o cura, non quería os carnavales. En Santiago de Arriba un ano tamén se pasaron de máis, facían de curas, dicían a misa e facían vodas, todas esas cousas, e os curas tamén o denunciaron e pasou o seu tempo que non o tiveron".

Comentarios