domingo. 20.09.2020 |
El tiempo
domingo. 20.09.2020
El tiempo

Bailes pecadores

Imaxe dun baile nunha verbena.JAVIER CERVERA-MERCADILLO
Imaxe dun baile nunha verbena.JAVIER CERVERA-MERCADILLO

HAI cambios importantes que a gran historia non rexistra, atenta aos grandes personaxes e as peripecias da política. A historia en minúsculas é a que ten por cometido dar conta de determinados sucesos que tiveron unha fonda incidencia nas condicións de vida das persoas. Os xeitos de lecer merecen atención, por máis que fora moi parco o tempo de ocio de que puido gozar antano a maioría da xente; os obreiros, castigados con xornadas laborais de dez ou máis horas; e os campesiños, suxeitos as leiras e tendo que dar de comer aos animais tamén nos domingos… a través de todo o ano. No século XIX, o feito de que os músicos comezaran a tocar pezas que permitían o baile agarrado marcou un chanzo importante nos anais da historia das relacións entre os sexos, xa que facía posible o achegamento, o degoirado contacto. Pero non todo era Jauja. As mozas adoitaban utilizar os brazos como férreos parapetos e estaban decote preparadas para efectuar raudas manobras evasivas, ou dito, con expresión moderna: prestas a 'facer a cobra', diante das impulsivas tentativas de achuches e bicos furtivos. Ademais, as rapazas acudían ao combate erótico blindadas: protexidas as urbanas por rexos corsés e escudadas as rurais cos seus xustillos. Estas últimas pezas da vestimenta feminina denominábanse tamén corpiños, e consistían nunha especie de chalecos interiores, desprovistos de mangas, confeccionados en algodón ou liño, que apertaba ó corpo ata a cintura e tiñan o efecto de cinguir e levantar o peito. As mozas de famila de bo acomodo, en particular, empregaban unha modalidade de xustillo, armado con ballenas, que distaba de facer felices ós homes. Esta cantiga, alusiva a unha campesiña pertencente a unha casa farta -xa que dispuña de amplo enxoval de roupa-, así o parece revelar: “Eu teño cinco xustillos, / todos cinco emballenados; // tamen teño cinco amores, / catro viven engañados”. En calquera caso, o corpiño forma parte do traxe tradicional galego. E xa é sabido que as tradicións impoñen non poucas veces algúns límites como prezo pola salvagarda da moral. O corpiño, en tanto que prenda de interposición, constituía un fastidioso impedimento, como tiñan ocasión de comprobar os infortunados rapaces cando se encontraban nun lance de achegamento propicio. No tempo en que Castelao era un estudante ledo, "bailador e divertido", a comezos do século XX, gabábase da súa habilidade no desempeño da danza, unha calidade que as mozas valoraban moito nos galáns-, e deploraba con sobrada razón a presencia deste atranco. O xove rianxeiro, de ideoloxía maurista, como pon de manifesto J. A. Durán, facía o posible por non perder un baile en festas e romaxes. E gustáballe o agarrado, como era previsible: "Ai, aqueles valses, aquelas mazurcas, aquelas polcas e aquelas habaneras!", exclamaba saudoso anos despois. Da muiñeira parece que non se lembraba. E queixábase apesarado, no retrinco dedicado a Sabela, de que as mozas tivesen o corpo blindado cuns xustillos que facían de desesperante pantalla.

O Corpiño, en tanto que prenda de interposición, constituía un fastidioso impedimento, como tiñan ocasión de comprobar os infortunados rapaces cando se encontraban nun lance de achegamento propicio

A moda do baile agarrado non estaba loxicamente ben visto polas xentes benpensantes. As ousadas mozas que o practicaban corrían o risco de ter que aturar murmuracións e perder parte do seu creto diante das vellas. Nas aldeas imperaba tamén, como nas vilas, un xeito de vixiancia moral e esixencia de decoro nas rapazas. Xa sinalaba Emilia Pardo Bazán que as atrevidas arriscábanse a perder a reputación xa antes de perder a virtude. Castelao e os seus compañeiros de xeración tiñan que estar atentos, e "comportarse", xa que: "Entón o agarradiño aínda era un pecado venial, e bailábamos con tino, para que os vellos non refungasen". E iso que a falla de decoro que puidera producirse era ben cativa, posto que aínda bailando o agarrado, non era doado que as rapazas permitisen donosamente o achegamento corporal, frustrando as esperanzas que albergaban os mozos de "darse o lote", como se dicía nos anos sesenta. O propio rianxeiro apuntaba o feito de que as mozas non consentían o arrimo. Xa que logo, os rapaces, danzando enguedellados tiñan que conformarse a miudo con cheirar o recendo da "roupa gardada con mazáns e a carne lavada con xabrón de rosas. Os mozos bailábamos por darlle gusto ás pernas, e contentábamonos co cheiro…". Isto era así, agás no improbable caso de que as mozas se mostraran propicias e paseniñamente, peza tras peza, foran dándolles facilidades. É verdade que os bailadores adoitaban quedar coas gañas, pero de calquera xeito facían exercicio e ademais, desta maneira os máis refinados podían alcanzar unha elevada cota dese imponderable deleite erótico que esixe certa parsimonia nos avances.

Os cregos advertían "en sus predicaciones", dende púlpitos e confesionarios, que os bailes "modernos", que se celebraban nos turreiros das aldeas, nas tabernas das vilas, nos arrabaldos e prazas das cidades, ou ben en locais creados a propósito, eran ocasións de pecado. Non ten dúbida que clérigos e frades opuxéronse con teimosía as expansións lúdicas que implicaban o roce ou aproximación entre os dous sexos. En efecto, a introdución de novos ritmos bailables, susceptibles do achegamento, do "agarrado", fronte a muiñeira, tida por pasatempo inocente, suscitou as airadas protestas e mesmo dilixencias obstrucionistas por parte dos cregos e demais sectores benpensantes, coincidentes todos eles na defensa da moral tradicional. En opinión dun abade rural: "el castizo baile representaba las buenas usanzas de otro tiempo, los honestos solaces de nuestros antepasados... ¡Mala peste en ese impúdico agarrado que ha venido a sustituir a las viejas danzas sin contactos, sin ocasión próxima! Crea usted que esas cosas las sabemos nosotros por la confesión... El agarrado, en el campo, es la disolución de las costumbres". O que sabían os cregos polo confesionario!

Bailes pecadores
Comentarios