Blog | TAL COMO ÉRAMOS

Castañas e magostos

Magosto celebrado esta semán no colexio SEK-Atlántico. CEDIDA
photo_camera Magosto celebrado esta semán no colexio SEK-Atlántico. CEDIDA

O OUTONO non era tradicionalmente unha mala época para o bandullo popular: fixérase a vendima e máis a ceifa das espigas (de millo e outros cereais), había patacas, mazans, figos, noces, unhas poucas améndoas e abondosas castañas. Vivíase, en suma, con satisfacción o remate do ciclo das colleitas que celebraba o Samaín dos celtas. Coa regalía do viño novo (da casa ou dos furanchos, que adoitaban abrir o 1 de novembro) e os derivados da matanza do porco, non había motivo de queixa, non sendo pola rebaixa nas despensas e adegas por mor do pago da renda foral, os desmos e trabucos.

Novembro era o tempo dos magostos, que alcanzan o seu apoxeo entre os días de Todos os Santos e San Martiño (11 de novembro). Estas festas simbolizan o cambio do ciclo agrícola, nos que se celebran actualmente, a castaña recupera efimeramente a importancia que tivo tradicionalmente na alimentación, e que o millo e a pataca lle arrebataron hai perto de douscentos anos. Probábase o viño novo, que xa pintaba nas cuncas, e namentres se torraban as castañas no lume cismábase no touciño e outras delicias do porco que agardaban na casa. Quen máis quen menos, papaba unha laconada ou un cocido. ¡O cocidiño!, como exclamaba Eça de Queirós.

O primordial era asar e comer as castañas. Tamén podía prepararse ao espeto algún chourizo (en época recente, botábase ao lume envolto en papel albal) e acompañalo con pan de trigo: "Castañas, chourizos / cuns grolos de viño". Por veces, había música, e algúns dos asistentes non perdían a ocasión de cantar e bailar. Constituía ademais unha oportunidade para a relación amorosa. De feito, a mocidade das aldeas organizaba magostos só para eles, como apunta Vivente Risco. Normalmente as rapazas aportaban as castañas e os mozos o viño novo, que xa era o momento de probalo e conviña coller azos para o cortexo.

Os rapaces tiñan que arriscarse a ver ferido o seu amor propio, cando a chica que pretendían lles cantaba aquelo de: "Non chas quero, non chas quero, / castañas do teu magosto. / Non chas quero, non chas quero, / que me saben a chamusco". O desprante esquecíase entre brincadeiras, bromas e xogando a tisnarse a cara os uns a os outros. Este xogo agradaba moito aos nenos que participaban coas familias nos magostos comunitarios de carácter interxeracional: "Festa faremos / grandes e pequenos. / Arredor do lume / estouros e fume. / Co negro tizón / ¡vaia diversión! / Tisnareiche a cara / ¡despois a lavala!". A cantiga proclama tamén que na castañada familiar os menos no debían beber viño: "Pero os mais pequenos / ¡o viño nin velo!".

Agora ben, na realidade práctica era bastante habitual que nas festas populares a infancia participase tamén nalgunha medida da bebedela. De feito, unha fotografía que se exhibe no Museo de Ribadavia mostra un grupo de xente celebrando un magosto en dita vila, na década de 1950, e por alí andan uns ledos nenos cunhas botellas con aparencia de champagne, que probablemente serían de sidra achampañada.

Esta celebración gastronómica posuía connotacións relixiosas. Algúns autores vencellan o magosto ao día dos defuntos, pola crenza popular en que por cada castaña que se comera liberábase unha alma do Purgatorio. O prestixioso historiador Manuel Murguía (1833-1933) apuntou na súa Historia de Galicia, publicada en 1865, que a festa do magosto se concibía como un banquete funerario no que a castaña e o viño simbolizarían a morte e a vida.

O máis común antano era festexar o magosto nos soutos, en comunidade ampla ou en pandillas de xente nova

Nos antigos magostos, que se celebraban ás veces no adro da igrexa, no día de Todos os Santos, a comunidade veciñal e a colectividade espiritual dos ausentes para sempre reintegrábanse nun ágape simbólico. Atopámonos, xa que logo, con que se ben o banquete estreitaba os vincallos entre os vivos, a comensalía fúnebre servía non só para soldar aínda máis esta unión, senón tamén para afortalar a comunidade existente entre vivos e mortos. Uns e outros consubstancializábanse comendo.

Quizais o máis común antano fose festexar o magosto nos soutos, en comunidade ampla ou ben en pandillas de xente nova. Adoitábase tamén celebralo en familia, nas lareiras das casas, e logo nas bilbaínas, coa presenza se cadra dalgún veciño co que houbera boa relación de amizade. O propio do magosto era tomar as castañas asadas, pero cando se celebraba nas casas, había familias que as tomaban cocidas, feitas con anís (ou fiuncho) e sal, nunha pota posta sobre a trepia instalada na lareira. Acompañábanas con viño tinto. Nalgunhas localidades, como San Xurxo de Cotovade, facían aínda hai pouco tempo un magosto a base de castañas asadas acompañadas de viño con mel.

Antano, facíanse magostos en moitas localidades, aínda que como festa popular nunca tivo a importancia que revestiu en Ourense e no interior de Galicia. Nas décadas recentes popularizouse aínda máis esta festa, coa pretensión de revitalizar esta entrañable tradición, e deste xeito, adoita facerse nas prazas de moitos pobos de Galicia, cun decorado de Halloween, ou ben cun atrezzo do céltico Samaín.

Hai que aproveitar novembro, pois logo no mes de decembro os magostos deixan paso a outras celebración relacionadas co Nadal e un pouco despois cos Reis Magos. Serve de recordatorio este refrán: "Por Pascua de Resurrección, tres cousas non teñen razón: sardiñas salgadas, castañas asadas e predicación".