Blog | TAL COMO ÉRAMOS

Criadas: que traballos nos manda o señor

Era obrigado que unha criada fose moi traballadora, honrada e confi able, de xeito que non sisase nas compras
Empleadas del servicio doméstico. EFE
photo_camera Empleadas del servicio doméstico. EFE

NA GALICIA do Antigo Réxime, as criadas eran sobre todo mulleres novas e solteiras, nadas en modestas casas campesiñas. As máis delas eran "mozas non desherdadas", pero case, que recibirían no seu día as súas pequenas lexítimas, a todas luces insuficientes para xuntar un dote e contraer matrimonio, ou ben para instalarse pola súa conta e intentar unha vida autónoma que non as condenase a permanecer coa súa familia de orixe traballando practicamente polo alimento e o teito. Cando menos isto tíñano garantido estas mozas traballando para afora e, as veces, unha pequena remuneración tamén. Ofelia Rey Castelao engade que tamén para algunhas delas constituíu un móbil relevante a necesidade de agochar un embarazo indesexado. O servizo doméstico era o recurso máis habitual por estar ao alcance de calquera muller, xa que non requiría unha cualificación específica.

Na época medieval, as campesiñas traballaban tanto na casa como nos eidos. Nos séculos centrais deste período tivo lugar unha intensificación do traballo doméstico que acompañou a expansión da actividade agrícola e ao crecemento demográfico, que supuxo un aumento do número de fillos por cada fogar. Loxicamente, a axuda doméstica, tivo que ser máis necesaria que nunca. No Antigo Réxime, como apunta Serrana Rial, os criados na Galicia rural traballaban como man de obra auxiliar nas explotacións campesiñas, e facían posible así a "liberación" da forza de traballo de que dispuña a compañía familiar labrega para poder intensificar o seu esforzo laboral sobre a terra. As criadas traballaban esforzadamente nos eidos, atendendo os labores agrícolas, e ademais se ocupaban das tarefas que era mester realizar na vivenda e, aínda por riba, a miúdo fiaban o liño. No Antigo Réxime había un considerable número de criadas, xa que as alternativas eran poucas. En determinadas épocas do ano nas que a demanda de man de obra agrícola era escasa había xornaleiros e criados que aceptaban traballar só pola pitanza, á que se sumaba o aloxamento, consistente por veces nun simple palleiro. Valle-Inclán, que coñeceu moi de preto a sociedade rural da comarca do Salnés, perfila na súa obra literaria estampas sociais de gran interese relativas ó universo dos criados e esmoleiros. En Flor de Santidad, encontramos a unha rapaza que se ofrece como criada a cambio da comida, pero se encontra con que a competencia era moita. En efecto, a pluma do escritor sitúa a escena no pazo de Brandeso, no que ao fronte dos criados estaba unha "dueña", de cabelos brancos, fiel a súa señora dende había moitos anos. O cego Electus encamiñara a rapaza Adega cara o pazo, onde xa había dez criados, que resultaban excesivos. Porén, a valedora que encontrou, pediulle a "dueña" —á que chamaba "mi ama"—, que a contratase, xa que "La rapaza servirá por los bocados", expresión moi habitual daquela. Mais a dona retrucou con orgulloso espírito de fidalguía cristián que: "aquí todos ganan su soldada, y todos reciben un vestido al año". Os criados alí presentes na cociña, sorbendo as verzas na cunca do caldo que apuraban con culleres de buxo, musitaban loanzas daquel "fuero generoso". A ama dispuxo que Adega durmira aquela noite no palleiro, e cando marchaba facendo soar o feixe de chaves, díxolle que o día seguinte xa se vería o que dispuña a señora.

Era obrigado que unha criada fose moi traballadora, honrada e confiable, de xeito que non sisase nas compras e que non recibise as súas amigas na cociña cando o amo estivese fóra atendendo as súas ocupacións e a ama na misa. Comían despois de que o fixeran os señores, polo xeral as sobras. Co paso do tempo foise atenuando a condición servil, pero aínda non hai moitas décadas unha traballadora ferrolán do servizo doméstico facía o balance da súa experiencia, acuñando esta conmovedora frase: "Servir era o pan do demo", que eu utilicei como título dun libro sobre a historia da vida cotiá. Un relato de Pardo Bazán da conta dos traballos e os días, e tamén o minguado lecer dunha servinte, ao traveso da historia dos amores de dous modestos aldeáns, que viron transformadas drasticamente as súas vidas, ao entrar el en quintas destinado a un cuartel da Coruña, coa ameaza de ter que embarcar moi logo con destino á guerra de Cuba. Daquela, a rapaza púxose a servir nunha casa desa mesma cidade, para que non quedara interrompida a súa cálida relación. A autora traza aquí un convincente cadro de época que reflicte as condicións de vida reais dunha criada. En efecto, ao cabo de dúas semanas dende que partira o mozo: "se marchaba de la aldea Marina, admitida de criada 'para todo' en casa de unas señoras solteronas, maniáticas de la limpieza, que por treinta reales mensuales la tenían dieciséis horas con el estropajo empuñado o la escoba en ristre". A moza tiña saudade da súa aldea, e notaba que "le faltaban aire y luz en el zaquizamí donde dormía, y en la cocina angosta y enrejada en que fregaba pucheros y cazos; y muchas veces soltando el 'molido' o el medio limón, dejaba caer los brazos, cerraba los ojos y se veía allá, donde el humo del horno, a guisa de fino velo de tul gris, envuelve la cabaña, a cuya puerta juegan los hermanillos... Mas todo lo olvidaba el domingo, cuando en el gran paseo poblado de árboles, al metálico son de la charanga, daba vueltas y vueltas acompañada de Adrián, que empezaba a acostumbrase a llevar su uniforme de Infantería. (...) Con tal que no se llevasen a la guerra a su mozo, Marina no se quejaba; trabajaba lo mismo que una negra, frotaba sin descanso cubiertos, cazos y herradas, barría suelos y aporreaba muebles a fin de que todo reluciese como el oro, y no la castigasen quitándole su salida de los domingos en que la obsequiaba con cinco céntimos de barquillos el soldado".

Comentarios