sábado. 04.04.2020 |
El tiempo
sábado. 04.04.2020
El tiempo

Enchentas nas festas do patrón. Polémica entre Novoneira e a Queizán

Comensais na Festa do Codillo da Lama. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
Comensais na Festa do Codillo da Lama. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Ata hai ben pouco tempo, a festa do patrón da parroquia era unha celebración que traía consigo considerables preparativos previos; en especial a procura de alimentos, que implicaba amasar, acudir ao muíño, ao monte por leña, á fonte, a tenda, etc. Ademais, as mulleres da casa tiñan que desenvolver unha actividade culinaria continuada, ensarillando xantares e ceas, que implicaban enfornar, desplumar aves, cociñar unha gran cantidade de pratos, servir, recoller, fregar a louza, etc. 

En efecto, os días do xantar do santo patrón da parroquia eran duros e sacrificados para as mulleres aldeáns e vilegas, as cales tiraban moi pouco proveito delas en canto a esparcemento e diversión. García Barros reporta en As aventuras de Alberte Quiñoi, referíndose á década de 1880, o feito de que, en tales datas, as mulleres da casa tiñan que traballar arreo, polo que procuraban ir a misa de cedo para dispoñer de tempo e poder ocuparse do xantar sen ter que facer interrupcións. Pardo Bazán pinta en Los pazos de Ulloa, con vívidos trazos, como se fraguaba o operativo dun destes cafarnauns culinarios. Vexamos: a ama dunha casa reitoral xuntaba as súas forzas coas doutras mulleres da súa familia, ás que se sumaba a cociñeira doutro cura, que era quen levaba a tixola polo mango: "Esta fornida guisandera, un tanto bigotuda, alta de pecho y de ademán brioso, había revuelto la casa de arriba abajo en pocas horas, barriéndola desde la víspera a grandes y furibundos escobazos, retirando al desván los trastos viejos, empezando a poner en marcha el formidable ejército de vituallas. Conocido ya el estado de las provisiones, ordenó las maniobras del ejército: las viejas se dedicaron a desplumar aves, las mozas a fregar y dejar como el oro peroles, cazos y sartenes, y un par de mozancones de la aldea, uno de ellos idiota de oficio, a desollar reses y limpiar piezas de caza".

Os días do xantar do santo patrón da parroquia eran duros e sacrificados para as mulleres aldeáns e vilegas

As cociñeiras sabían que non ían ter tregua para atender un festín homérico como adoitaba ser unha celebración gastronómica do patrón, na maioría dos fogares, pois os labregos botaban en tal ocasión a casa pola ventá. Afeitos como estaban a pasar fame ou privacións na maior parte do ano, nesa data comían a fartar poñendo en práctica o carpe diem (como ten apuntado o sociólogo Pierre Bourdieu), ata o punto de que non poucos tiñan que recorrer despois ao médico ou mandar un propio á botica —pois apenas se podían mover coa formidable enchenta— para que lles subministrara purgantes. Agora ben, se todos eran abondosos, os que celebraban os cregos rurais representaban en materia gastronómica un auténtico gaudeamus. A escritora marinedina menciona como inescusables a sopa e o cocido, para desfilar despois: «una interminable serie de pratos, los veintiséis tradicionales en la comida del patrón de Naya, no la más abundante que se servía en el arciprestazgo, pues Loiro se le aventajaba mucho». A narradora coruñesa explica a renglón seguido como se apañaban estas esforzadas cociñeiras para concibir e elaborar tal cantidade de pratos: "Para llegar al número prefijado, no había recurrido la guisandera a los artificios con que la cocina francesa disfraza los manjares bautizándolos con nombres nuevos o adornándolos con arambeles y engañifas. (…) ¿Veintiséis platos? Pronto se hace la lista: pollos asados, fritos, en pepitoria, estofados, con guisantes, con cebollas, con patatas y con huevos; aplíquese el mismo sistema a la carne, al puerco, al pescado y al cabrito. Así, sin calentarse los cascos, presenta cualquiera veintiséis variados manjares. ¡Y cómo se burlaría la guisandera si por arte de magia apareciese allí un cocinero francés empeñado en redactar un menú, en reducirse a cuatro o seis principios, en alternar los fuertes con los ligeros y en conceder honroso puesto a la legumbre! ¡Legumbres a mí!, diría el ama del cura de Cebre, riéndose con toda su alma y todas sus caderas también. ¡Legumbres el día del patrón! Son buenas para los cerdos". 

María Xosé Queizán é unha das poucas persoas que criticaron o agobio que padecían as mulleres nos banquetes populares, sinalando a invisibilidade da problemática para a ollada masculina patriarcal. Alude a esta cuestión cando evoca a unha conversa mantida co poeta Uxío Novoneira: "Relataba el as festas do seu lugar, os excesivos manxares que saboreaban, as horas que permanecían sentados na mesa sen parar de comer e beber. Eles, os homes. As mulleres servían, un prato tras outro. Contaba isto con orgullo. Fíxenlle ver o machismo terrible que existía naquilo que relataba". A renglón seguido, escritora descríbelle o inxente labor que representaba satisfacer aquel apetito pantagruélico dos varóns: "Fíxenlle considerar o sacrificio das mulleres, o enorme traballo que asumían xa desde o día anterior coa matanza dos animais, a colleita das verduras que cociñarían como acompañamento, o amasado para faceren as bolas de pan, as empanadas ou os biscoitos. Desde ben cedo comezaban a preparar os variados alimentos do copioso xantar. Guisaban, asaban, cocían. Unha vez que estaba todo listo levaban os pratos á mesa, un detrás doutro e acompañados con xerras de viño, até chegar á sobremesa e aos licores, que tamén foran elaborados na casa. Aínda lles quedaba fregar a louza e limpar a cociña". O poeta que tanto amou o Caurel era refractario aos argumentos da Queizán, con que mantivo sempre unha relación cordial, como probablemente o serían a maioría dos varóns na década dos oitenta en que esta conversa tivo lugar: "A Uxío custáballe ver aquilo como explotación. Non o cuestionaba. Era o normal. E para demostrar que elas o aceptaban ben, explicaba que á tardiña había música e as mulleres ían bailar cos homes e divertíanse".

Enchentas nas festas do patrón. Polémica entre Novoneira e a Queizán
Comentarios