jueves. 21.11.2019 |
El tiempo
jueves. 21.11.2019
El tiempo

Foros, comidas comunitarias e vendimas

OS NOSOS campesiños procuraban reservar recursos da súa minguada despensa, que tería que durarlle todo o ano, a fin de poder dispoñer dunha alimentación reparadora cando chegaba a hora de facer fronte ós traballos agrícolas de maior envergadura, como era dende logo a vendima pero tamén a sega e a malla.

A invitación a comer era imprescindible no marco do réxime das axudas mutuas entre casas veciñas que "andaban ó trocado" por quenda rotatoria, como deixou plasmado M. García Barros. Era esta a maneira na que as explotacións campesiñas suplían a carencia de recursos pecuniarios con que poder contratar man de obra a xornal cando tiñan que solventar o labor en curso con moita presteza. Ante todo había que evitar que a aparición súpeta da choiva prexudicase seriamente a uva que debería chegar en seco e con todos os microorganismos adheridos a súa pel. Estes, en ningún caso deberían resultar vasoirados pola auga, posto que o seu papel resulta indispensable para que se obre o prodixio da fermentación do viño. Deste xeito, a cooperación mutua permitía levar a termo con maior rapidez cada unha das vendimas, diminuíndo individualmente o risco de que sobreviñese un percance pluvial.

A manutención, con certa largueza, deviña inescusable obriga no caso de que o viticultor recibira a achega laboral doutros parentes que non formaban parte do núcleo familiar que residía ‘na casa’, ou dalgúns veciños ou amigos. A calidade do menú dependía dos posibles do patrón amén da súa liberalidade, pero a tradición impuña unhas pautas que esixían unha pitanza máis abondosa e un pouco mellor –ou bastante mellor–, para que tiñan o bandullo en perpetua penitencia- que a comida ordinaria. o forte esforzo laboral reclamaba unha boa reparación mediante unha alimentación copiosa, como apuntaba Emilia Pardo Bazán, en El cisne de Vilamorta.

A abundancia de pan, viño e compango resultaba obrigada. A muller do patrón non podía arriscarse a que a comida se considerara escasa sabendo que en tal caso se expuña a ser severamente criticada. os parentes, veciños e xornaleiros debían quedar ‘ben fartos’. Agora ben, o menú non sempre era idéntico para todos. nalgúns casos facíase unha discriminación en función da dureza da tarefa, o cal tiña implicacións de xénero: "Levábase bacallau rebozado e viño para os que traballaban no eido, e unhas costeletas para os carrexóns porque, claro, non era o mesmo vendimar que carrexar".

Debían remediar a sede e colmar os bandullos dos seus mordomos nas súas visitas de requisa e inspección...

Resultaba que os que se ocupaban do carrexo eran homes, practicamente sempre. Eladio Rodríguez refire que, polo xeral, a tradición impuña servir, tras da lagarada, unhas boas fontes de bacallau guisado con patacas, que comían as mozas e mozos xornaleiros "á redonda". Tamén se preparaba carne de cabra, cocida, con allo, perexil e cebola (a pel do animal aproveitábase para facer un odre). En décadas xa moi recentes pasouse a servir un cocido de carne que pecaba de abondoso.

Nunha explotación ourensá de señorial prestancia preparábase o condumio na cociña, como apunta dona Emilia: "Importaba que el espeso caldo de calabazo, condimentado con sebo de carnero, las sardinas arenques y el pan de centeno abundasen cuando los reclamaba el apetito devorador de las cuadrillas; a cuyo fin, ni se apagaba el hogar de las Vides, ni nunca se veían desocupados los calderos enormes donde hervía el rancho".

Cando se cociñaba na adega, a falla de mellor acomodo, vertíase o pote coa comida sobre uns feixes de palla e seguidamente cada quen collía directamente coa man a súa ración, apoiándoa nunha rebanda de pan de trigo, que se mercaba especialmente para ese día. Algúns facían ‘forquitos’ con vides, a xeito de garfos. Por parte, formaban lexión os adegueiros que tiñan que desprenderse de cobizados ferrados de cereal e de bos mollos de mosto (segundo Pegerto Saavedra, no Ribeiro, pagábase ao mosteiro co mosto da vendima, non con viño elaborado) para entregalos, como pago de foro, aos fidalgos dos pazos e os frades dos mosteiros, que gozaban ámbolos estamentos de mesa farta e tragos privilexiados.

Ademais debían remediar a sede e colmar os bandullos dos seus mordomos nas súas visitas de requisa e inspección en representación do cenobio. P. Samuel Eiján reporta na súa Historia de Ribadavia que, en efecto, tiñan que dar "de comer et beber comunalmente, mentres con vos esteber a receber o quiñón do dito mosteiro". Agora ben, non eran poucos os colonos que trataban de aliviar o pago do gravame recorrendo a prácticas fraudulentas diversas -en realidade de supervivencia- como furtar algúns acios dos cestos preparados para o pago, ou non colmalos sufi cientemente, ou ben entregar as uvas de peor calidade: "No dar la uva tan buena, tan madura y sana como lleva para sí", como advertía o prior de Beiro.

Tamén trataban de gañar o favor dos axentes eclesiásticos ofrecéndolles regaladas pitanzas aderezadas con viños de boa estimación ou subornándoos sen máis, dándolles cartos ou ben algún pipote. Coa idea de obstaculizar o posible acordo entre campesiños e encargados, aconchavados en detrimento e mingua da adega dos frades, estes amostazados e escarmentados, trataban de impedir que os mordomos quedasen a durmir nas casas dos labregos, posto que "puede haber mucho engaño", porque como observaba o citado prior: "Comiendo y bebiendo y durmiendo en sus casas, sin venir a la granja, pueden conçertarse unos con otros y recibir algunos sobornos para por el día hacer lo que quisieren en sus viñas, hurtándonos nuestro fuero y diezmo, como yo lo he visto en algunas granjas".

Foros, comidas comunitarias e vendimas