Blog | TAL COMO ÉRAMOS

Grelos e saudade

Productora de grelos (Foto de arquivo: EPL)
photo_camera Produtora de grelo. ARQUIVO

OS GRELOS maridan marabillosamente ben co lacón. Pero tamén nisto había clases. Os porcos dos ricos podían vivir dous anos ou máis, o que lles permitía alcanzar un porte notable, e aportaban conseguintemente uns lacóns de considerable tamaño. Os cochos dos campesiños modestos vivían un promedio de 12 ou 16 meses, producindo lacóns de 60 ou 70 quilogramos, aínda que podían chegar a ter algúns quilos máis. Con tal peso xa daban xamóns e lacóns "ghuapos", manifestaba un informante. Pero, dende logo, non eran igual de lucidos e "ghuapos". Por certo que, o lacón en español considérase sinónimo de brazuelo de cerdo ou pernil. Porén, Eladio Rodríguez sinala que o lacón comprende todo o brazo do porco, desde a parte próxima ao peito ata as mesmas uñas; ao revés do pernil, que só comprende o anca ou coxa ata o xeonllo e non ata as uñas.

O grelo pódese comer namentres está tenro. Cando a flor chega a desenvolverse o grelo se endurece e xa non é posible consumilo, posto que non hai maneira de abrandalo por máis que se teime en cocelo. É importante saber se o grelo se encontra brando, en sazón. Un bo xeito de averígualo consiste en darlle un corte transversal no seu extremo. Se vemos que o seu centro está claramente branco significa que está moi duro e polo tanto non está "en comida". As modernas técnicas de conservación (conxelados, enlatados, deshidratados e liofilizados), unidas ao feito que o seu cultivo se realiza ultimamente de xeito significativo tamén na zona de Levante, propiciaron que se poideran consumir en calquera época do ano. Isto fi xo que tivera gran importancia que contara con Indicación Xeográfica Protexida "grelos de Galicia".

O grelo é unha verdura moi saudable posto que aporta tres vitaminas cruciais para fortalecer o sistema inmunitario fronte ás infeccións

O grelo é unha verdura moi saudable posto que aporta tres vitaminas cruciais para fortalecer o sistema inmunitario fronte ás infeccións. É rico en "Betaco aroteno" que se transforma en vitamina A, coa particularidade de que a fornece a medida que o organismo a precisa. Ademais, contén ácido ascórbico (vitamina C) e ácido fólico (vitamina B9). Isto non empece para que o grelo, que é hoxe un produto moi apreciado, fora outrora, en cambio, considerado humilde. O lacón en cambio, foi valorado sempre como nobre e estimable produto (aínda que entre certos refinados tiquismiquis, puido parecer excesivamente rústico e rudo). Mais a paixón por este prato en Galicia foi total. Constituía o xantar máis cobizado. E aínda nas década de 1970-80, o lacón pintaba máis que calquera outro prato nas mesas galegas, mesmo superando ao cocido, cousa que xa non sucede nos nosos días. Así o constataba Cunqueiro, tanto nas casas particulares, como nas tabernas e na hora en que un grupo de amigos acordaban un xantar comunal nos meses de inverno.

Porén, este prato non figura nas obras clásicas de gastronomía española, como por exemplo, no clásico de Ángel Muro: El practicón. Tratado completo de cocina (1893); este autor non se refire apenas ao pernil, mesturándoo co xamón, e moito menos a súa mística aleación cos grelos. Tampouco rexistra este prato, e nin sequera se fai referencia ao lacón, nin tampouco aos grelos. no exitoso tratado de Simone Ortega: 1080 recetas de cocina, de 1972, o libro más veces reeditado en España, despois da Biblia e o Quixote.

O grelo como produto identitario tense empregado tamén como referente para expresar o rexeitamento das agresións ao país

Julio Camba conciliaba o cosmopolitismo coas súas raíces autóctonas, xenuinamente galaicas. Sentíase moi galego, pero ao seu xeito, como tamén o era o seu paisano e amigo Val-Inclán. Deixou escrito o seguinte sobre esta cuestión, no xornal La Tribuna (xuño de 1912): "¡Internacionalismo! ¡Humanidad!... ¿qué valor pueden tener estas frases en labios de un hombre que, luego de pronunciarlas, haría el mayor sacrificio por tomarse una taza de caldo de grelos? No. Yo no soy nada internacional. Yo soy de Villanueva de Arosa, partido judicial de Cambados". Juan Goytisolo refire en Señas de identidad unha experiencia súa: Os exiliados españois en Francia (entre os que había certamente galegos), tras da guerra civil, tiñan uns sentimentos e opinións que ían evolucionando progresivamente a favor da súa idealizada España o que lles levaba a criticar diante doutros compatriotas, no café, a Francia e aos franceses. En efecto, pronto se desencantaban dos novidosos aspectos do país que nun principio lles engaiolara, e preferían reunirse con outros españois nalgún vello café, para entregarse a: "apostrofar la mala embocadura y baja graduación de unos vinos encabezados merced a la masiva importación de Prioratos y Riojas y (...) tras evocar nostálgicamente el queso de Roncales, el lacón con grelos y el chorizo de Cantimpalo, decretar, con unanimidad insólita entre españoles, que agua tan pura y fresca y restauradora como la de Guadarrama no había, pero que no señores, ninguna otra en el mundo". O grelo como produto identitario tense empregado tamén como referente para expresar o rexeitamento das agresións ao país.

Gonzalo Navaza leu un poema satírico, no café vigués De catro a catro, nun acto de Nunca Mais, celebrado no mes de febreiro do ano 2003, a raíz da crise do chapapote derramado polo Prestige. Titulouno "Receita do Pote gallego (also known as Sonettino con saia de muiñeira)". Velaí a composición proposta polo autor de Erros e tánatos: "Apáñese un mercante petroleiro dos que pasan por cerca da Marola, argállese un pifostio que nin diola que faga alucinar o mundo enteiro, bótese un delegado pintureiro, acálense xornais e caixa tola, procúrese esquecer dar pé con bóla, entréguese ós leóns un conselleiro. Engádanse uns bistés de boi de palla, salfírase soberbia incompetente, en vez de dar razóns, sáquese a tralla. Móntese un show mediático impoñente, ignórese o clamor, míntase á esgalla, desprécese o país e a súa xente. Cózase todo no mesmo pote: Lacón con grolos de chapapote".

Comentarios