Blog | TAL COMO ÉRAMOS

Loanza do cocido en tempos de pandemia

photo_camera Personas disfrutando de un cocido. DP

O TRIUNFO gastronómico do cocido é doado de explicar. Un cocido enche verdadeiramente o ollo, pois é ante todo estimulante e ledo para a vista. Coa súa opípara sedución pon no disparadeiro o apetito, constituíndo a metáfora da abundancia e unha auténtica cornucopia no eido da gastronomía. Mais non é pedante, sofi sticado nin pretencioso prato de gourmet. Posúe o don da bonhomía campechana, cunha certa aura de democrático e nobre folclorismo, o propio das mellores tradicións nas que paga a pena perseverar.

O cocido reviste unha importancia moi singular como atractivo reclamo para concitar vontades de cara a un encontro social arredor dunha mesa. Por este motivo, como atinaba a expresar Cunqueiro: "sempre se atopará un fato de galegos citándose pra xantar un cocido". Posúe, de feito, múltiples vantaxes innegables, que non é doado encontrar todas xuntas noutro menú: a súa elaboración non é de certo complicada, é non cabe dúbida que é opulento, e tamén variado, polifónico, tanto no amplo repertorio de contrastes visuais como no rico mosaico gustativo que ofrece. Consegue, ademais, esguellar sabiamente a tanxencia co tedio, como (nos) pode acontecer na teima co marisco, que non ten dúbida que é rico, pero case sempre monocorde é máis do mesmo). É ademais equilibrado, cumprido e moi completo: ten proteína, hidrato de carbono, verdura e legume. Saudable tamén é, pois baséase na cocción, polo que se presenta como a máis xenuína expresión da dieta atlántica. Resulta, por ende, dixestivo, se non se incorre na demasía dunha inxesta excesiva.

Aínda que é plural, concita vontades, pois a todo o mundo gusta, resultando así axeitado para suscitar consensos políticos nos feros parlamentos, como adoitan ser os nosos. E non só prace a tutti quanti, senón que, ademais, non é un prato caro, xa que non se compón de manxares exclusivos para sibaritas émulos de rico Epulón. A súa comparecencia na mesa constitúe todo un atractivo espectáculo visual, e tamén fumegante e recendente, capaz de reconciliarnos co mundo, disipando as súas asperezas e agravios co ensalmo das súa sedutoras galas, nunha fermosa e involuntaria performance. A súa poderosa policromía ten un aquel de sedosa sensualidade que non pode por menos de erguer a un punto de ebullición os xugos gástricos, e quizais tamén de facer medrar a temperatura do erotismo, pois todas as formas de voluptuosidade gardan un harmónico parentesco entre elas no concerto pitagórico do universo, como eran sabedores os presocráticos. O cocido é un xeito de amore que contén unha promesa de agarimo e pracer na sesta post prandium. Mais, descendendo ao eido da prosa, como tamén é mester repoñerse, non resulta prudente minusvalorar o que aportan as apetitosas sobras que deixa para o xatevín do día seguinte, ou para facer unhas espléndidas croquetas inzadas de substancia.

O cocido reviste unha importancia moi singular como atractivo reclamo para concitar vontades de cara a un encontro social arredor dunha mesa

O seu éxito exhíbese publicamente. É cousa digna de reseñar o costume de publicitar en restaurantes e bares galegos dous produtos estrela, de xeito moi concreto: o cocido e os callos con garavanzos. Desde que temos memoria, ollamos aparecer nos escaparates destes corteses establecementos un Aviso á clientela, escrito nun cartel (e tamén en anuncios nos xornais) que, a xeito de gancho advertía de que tal día da semana serviríanse estes condumios tan cobizados, quizais os mais estimados para os padais das nosas xentes: os martes ou xoves, callos; os xoves ou domingos, cocido. Constitúe isto, sen dúbida, un expresivo indicador dunha orde de preferencias, que non se aplicaba do mesmo xeito en beneficio de ningún outro preparado, fose de carne, peixe ou marisco. Este costume dexérgase en xeral tamén en moitas cidades españolas. De feito, un destes anuncios serviu se cadra como aviso para navegantes ao xeneral Miguel Primo de Rivera, "el más humano de los dictadores", home de gustos castizos, que tiña por costume xantar todos os meses un cocido no madrileño café Castilla, na compaña dalgúns amigos, civís e algún camarada de milicia (o xeneral Losada, por veces). Facíano nun día laboral, o martes. Dende logo, encontraba preferibles estes xantares de compadreo ás comidas co monarca, ao que lle debía o cargo, xa que opinaba que: "Ir a comer a palacio es una lata. (...) se come mal".

Para acompañar cumpridamente un cocido convén recorrer á filloa, que tradicionalmente se utilizaba como un substituto do pan, non como sobremesa.

Comer un cocido competente é unha liturxia que require certa calma, bonhomía e cordial disposición para o a conversa desenfadada. É recomendable unha actitude filosófica de epicureísmo morixerado, incompatible co afán pantagruélico, devorador e apresurado. O gozo de compartir unha comida gustosa, como é un bo cocido, con persoas afíns, crea una ambiente empático e magnánimo, de cálida e amable convivencia humana, propiciada polos sabios grolos dun viño tinto farturento, de caste caíña quizais, co que convén ir repinicando o xantar. Co xeral contentamento reinante, as bromas agroman con espontánea facilidade. E nunca falta quen conte un chiste: —A rapaza pregúntalle ao mozo que lle fai as beiras: —E, logo…, se fose rica quereríasme máis? O mozo, pícaro no disimulo do seu afán interesado, respóndelle: —Non tería por que quererte menos. A gargallada de todos estala decontado

Comentarios