lunes. 20.09.2021 |
El tiempo
lunes. 20.09.2021
El tiempo

Mulleres solidarias

No día da matria galega, unha tarefa dos historiadores consiste en dar conta da sororidade das mulleres

Ser nai nunca foi doado para as mulleres. Corrían un serio risco de morte no parto (na literatura, son innumerábeis os personaxes femininos que morrían de febres puerperais) e sabían que a superviviencia dos naipelos era ardua: en 1900, máis do 40 por cento dos nenos finaban antes de alcanzar os 5 anos, como detallo no meu libro sobre a historia da vida cotiá, Servir era o pan do demo.

A dramática cuestión de supervivencia dos cativos espertaba a miúdo a solidariedade entre as mulleres lactantes. De feito, son abondosos os testemuños de sororidade diante deste tipo de situacións, tan conmovedoras no plano estritamente humano, e por certo que tamén noutros asuntos máis ordinarios. 

A maior parte das donas sentíanse vulnerables e considerablemente desvalidas, e polo tanto moi necesitadas de apoiarse as unhas ás outras, nun marco social de signo patriarcal e sexista. Raúl Soutelo sostén que, en termos xerais, as mulleres vinculábanse entre elas tecendo unha rede de relacións propias, encontrándose predispostas decote a distintos xeitos de colaboración espontánea e apoio mutuo, forxado todo isto mercé a unha cultura común e unhas tradicións e costumes propios.

Examinemos algúns casos. Unha muller solteira, residente nos arredores da vila de Vigo, a mediados do século XVIII, recolleu por caridade na súa casa a unha embarazada próxima ao parto. Cando naceu o neno a muller desentendeuse do naipelo, non quixo darlle de mamar e abandonouno a súa sorte. A benfeitora librouno dunha morte practicamente segura nalgún hospicio e conseguiu que o amamantasen algunhas veciñas do lugar que tiñan fillos cativos. A nai adoptiva esforzouse en darlle escola ata que emigrou ao cumprir dezaseis anos. Cando o rapaz morreu, como mostra de gratitude, designouna como herdeira.

Emilia Pardo Bazán refire unha historia de sororidade na Coruña, patente na solidaridade dunhas veciñas cunha nai aflixida por non ser capaz de lactar axeitadamente ao seu fillo. Ante esta dificultade outras nais ubérrimas non dubidaron en axudala. Esta historia inxírese no realto O indulto, baseada nun feito real escoitado pola autora en Marineda e que consignou "sen quitar un acento": "Cuando nació el hijo de Antonia, ésta no pudo criarlo, tal era su debilidad y demacración y la frecuencia de las congojas que desde el crimen la aquejaban. Y como no le permitía el estado de su bolsillo para pagar ama, las mujeres del barrio que tenían niños de pecho dieron de mamar por turno a la criatura, que creció enclenque, resintiéndose de todas las angustias de su madre".

Seguramente predominarían ao longo dos tempos as pautas de sororidade. Máis insolidaridade tamén había. Non convén incorrer en mitificacións, esaxerando o descrito apoio mutuo feminino nesta e noutras cuestións. Non todo era de cor de rosa, como recorda Rosalía nun coñecido poema no que unha muller de aldea lle nega o pan e o sal a unha veciña necesitada. Constitúe un feito cosntatado por innumerables mulleres na súa experiencia vital que houbo dende sempre rivalidades, envexas e desentendemento. A tradición popular recolle esta falla de apoio que por veces se producía: "A mala veciña, dá agulla sen liña".

Semella pertinente lembrar estes antecedentes no día de Galicia, matria de todos os galegos e galegas. Nos nosos días, co empoderamento das mulleres na loita pola plena equiparación de dereitos, o feminismo fai fincapé na necesidade de seren solidarias unhas coas outras, para contrarrestar a complicidade masculina que as exclúe dos postos relevantes, máis prestixiosos e mellor retribuídos. Moitos homes teimamos tamén nisto. 

Mulleres solidarias
Comentarios
ç