Blog | TAL COMO ÉRAMOS

O viño medicinal

O viño ten gozado tradicionalmente da consideración de ser un reconstituínte excepcional. No século XIX, os médicos dos hospitais empregaban o viño tinto para contribuír ó restablecemento dos enfermos despois das operacións. Non podemos esquecer tampouco a utilización médica con fins reconstituíntes, en persoas débiles ou convalecentes, dos viños de alta gradación quinados, de Málaga, Xerez, etc. Na primeira parte do século XX seguiu habendo terapeutas que propugnaban a inxesta alcohólica –prudente- de viños, en especial medicinais, para favorecer o restablecemento de pacientes que habían mester del, sen excluír ós nenos. Por certo que, na súa pretendida condición de remedios médicos, gozaban de certos beneficios fiscais. Non pagaban, por exemplo, impostos municipais: aínda no ano 1941, estes viños quedaban exceptuados do pago do arbitrio establecido polo concello de Santiago sobre bebidas espirituosas e alcohólicas, que se cobraba no fielato. 

Brinde con viño. ARCHIVONos medios populares resulta constatable a preparación de ponches a base de viño de Xerez, Málaga, quinados, etc. Álvaro Cunqueiro presentándonos en Retratos y vidas. Las gulas del clérigo que leía etrusco, ó inefable Botelus, convalecente, en transo de beber xemas de ovo en viño doce. Por outra banda, o ponche era tido por moi axeitado para os homes que realizaban traballos fortes, como revela Mariño Ferro, quen detalla que se compuña de viño (ou leite) con ovos batidos e azucre. 

A crenza nas virtualidades terapéuticas do viño vén de lonxe. Carlos Casares dedicou un interesante texto a glosar un tratado do século XIX, no que se daba conta "de como en 1348 o viño do Ribeiro curou un mal negro que se estendeu como peste polos mosteiros de Ourense". Refire este feito Sir John A. Cooper, no seu estimable tratado: Spain and Galice in the late Middel Ages, (Oxford, 1875). Este autor dá conta no seu relato de que no ecuador do século XIV, unha estraña e devastadora peste espallouse polos mosteiros ourensáns provocando nos monxes graves danos físicos, como febre, vómitos, dor de cabeza e tamén melancolía (a acedía, tan temida polos frades). A vida monástica viuse seriamente perturbada por iso. A crónica continúa mencionando (con tintes que nos nosos días semellarían emparentados coa estética do realismo máxico) os feitos acaecidos. Sinala, en efecto, que en Oseira tivéranse que encamar vinte frades dunha sentada, entre as horas canónicas de maitines e de laudes, e xa non se levantaron en nove meses. En San Estebo, o prior tivo que ser asistido dun desmaio singular, durante o cal falaba en arameo corrido, a pesar de que nunca antes estudara nin oíra tal lingua, dicindo de cando en vez, nesta ocasión en romance, que, máis aló das aparencias, el era en verdade un raposo leonés que viñera da súa terra atraído pola fartura de galiñas que lle dicían que había por esta parte do Reino. Singular foi o caso de Celanova, onde un frade, de nome Fagildo, debilitouse tanto que fíxose transparente, de xeito que se lle vían os interiores. Ao cabo, en San Clodio, un frade moi vello e cativo tusía con tal forza que espertaba sete veces cada noite ao señor bispo de Ourense, distante máis de cinco légoas do enérxico tusidor, motivo polo cal foi ordenada a súa excomuñón fulminante. 

A inspiración proveu, ao cabo, do mosteiro de San Clodio, onde os monxes máis avezados caeron na conta de que a peste alí fixera unha excepción: a do frade adegueiro

Difundidas por toda a Cristiandade as novas de tan insólitas desventuras, buscouse como remedio a intervención dun físico real, que aínda que chegase precedido de gran fama en Francia, fracasou irremisiblemente na teima. Mais tampouco deu resultado a terapéutica usual de misas, rogativas, oracións, triacas máximas e penitencias. A inspiración proveu, ao cabo, do mosteiro de San Clodio, onde os monxes máis avezados caeron na conta de que a peste alí fixera unha excepción: a do frade adegueiro, que seguía tan rufo, sendo o único que resistira o mal tan negro. Feitas as oportunas averiguacións sóubose que o relixioso daba cumprido remate á xornada na súa cela regalándose cunha lambetada de viño branco de Beade, pan con certa mesura e un compango de medio chourizo moi prestoso. Non contento con iso, remataba a festa sentado na cama facendo a cruz ao tomar a última pinga e relambendo os beizos antes de abandonarse en brazos de Deus. Apercibida a comunidade, comezou por afearlle a súa conduta pecaminosa e fóronlle retiradas decontado as chaves da adega. O resultado foi que aos tres días a peste asaltouno tamén a el, con forza desusada, varréndolle o sentido e deixándolle só a graza de repetir cada tres horas precisas as seguintes palabras: "Non sexades alpabardas e imitade as boas obras, tal como nos pide O Noso Señor". 

O primeiro en seguir o seu enigmático consello foi o frade substituto na custodia do viño, que sandou en dous días e púxose moi presto forte e colorado de saúde. Imitouno pouco despois o seu confesor, benefi ciado polo segredo que aquel lle tivo que confi ar. E así, duns a outros, os demais frades deste mosteiro, emulados polos seus pares nos restantes cenobios da provincia de Ourense, tiveron coñecemento do modo de proceder e servíronse do viño para remediar a súa torcida saúde, quedando resolto o grave problema en pouco máis dunha semana. Sir John A. Cooper, culmina o seu tratado sinalando que foi tan grande o éxito do remedio, que houberon de ser remitidas cartas desde as respectivas casas centrais das distintas ordes afectadas, con ameazas de penas canónicas, para que se puxese fin de inmediato a un costume (suponse, que de facer un uso inmoderadamente gozoso do viño) que soamente tiña xustifi cación como medicina, pero non como fonte de pracer e de agasallo para o corpo. E, ítem máis, censurábanse os escándalos, desvaríos e graves pecados cometidos baixo o influxo do remedio que curou unha peste que danaba os corpos pero que ameazaba con enfermar as almas daqueles atribulados monxes.

Comentarios