miércoles. 05.08.2020 |
El tiempo
miércoles. 05.08.2020
El tiempo

Pan e soños

Pan
Pan

Na civilización occidental o pan era, na compaña do viño, o alimento máis ateigado de carga simbólica, tanto no ámbito do sagrado como no profano. Este alimento facía posible a supervivencia de todos os días; era o "Sustento común de los hombres", conforme consignaba Sebastián de Covarrubias no seu Tesoro de la Lengua, en 1611. Constituía a primeira solicitude que realizaban as criaturas, como recolle unha das oracións primordiais, o "Painoso". Nela impétrase de xeito inequívoco: "o pan noso de cada día / dánolo hoxe". O froito do cereal era un símbolo primordial na esfera da relixiosidade clásica: o deus Pan representa na mitoloxía grega a natureza, a materialización da totalidade do existente, como revela paladinamente a etimoloxía deste termo na antiga lingua da Hélade: "pan" equivale a todo. No Antigo Testamento o pan representaba a Providencia divina e era tamén o alimento do pobo elixido. Cristo conferiulle un novo simbolismo cando proclamou: “Eu son o pan da vida” (Xoán, 6, 35). Os fieis cristiáns alimentábanse co pan do seu corpo e co viño transubstanciado no seu sangue. Ambos os dous son símbolos da unidade mística perfecta entre Cristo e a comunidade de membros da súa Igrexa: o pan, por estar composto de numerosos graos de trigo, e o viño, doutra banda, pola multiplicidade de uvas que hai que sumar para darlle vida. 

Non é de estrañar, deste xeito, que se lle atribuíran ao pan bento, sacramentado pola Igrexa, virtudes curativas tanto para os andazos corporais como para os do espírito. E resulta comprensible que nalgúns lugares conservaran este pan durante moito tempo como recurso para cando chegara un caso de necesidade, segundo constatou Risco nun estudo etnográfico. 

No Antigo Testamento o pan representaba a Providencia divina e era tamén o alimento do pobo elixido

O pan non se podía guindar ó lume nin tampouco botar ó lixo. Os labradores consideraban o pan como algo sagrado. Se caía un codelo ó chan na casa, había que recollelo, bicalo e despois comelo. Na cultura campesiña de Galicia, constituía un uso esta blecido que a masa de pan había que bendicila antes de introducila no forno. Vicente Risco recolleu algunhas oracións de bendición do pan. Nalgunhas partes, antes de poñelo a levedar facían cruces nel, coidando de empregar a man dereita, dicindo ao mesmo tempo: "Señor San Vicente te acrecente, / Señora Santa Lucía te faga vir axiña, / Señor San Ramón te saque en boa ocasión". Dada a importancia crucial que tiña esta cuestión para a supervivencia non ten nada de particular que houbera un auténtico arsenal de preces previstas para este mester. Velaquí outra das máis comúns, dita nunha mestura idiomática: "Dios te aumente, / Dios te acrescente. Probes e ricos coman de ti, / e que o demo revente". 

O pan ofrendábase. A ofrenda podía consistir en dar ó santo como esmola unha tega de pan ou ben unha cantidade equivalente en mazurcas de millo. Moitos santuarios dispuñan para recollelas dunha tulla ou arca, no que se aprecia que a piedade non tiña por que estar rifada coa previsión. 

O home -dicía Cunqueiro- é unha débil herba que soña. O ser humano, para sobrevivir, non só necesita alimentarse con pan senón tamén con soños. Pero os soños, soños son, e mal que nos pese, non é posible esquecer a procura do pan, como ben se decatou o anarquista ruso Piotr Kropotkin (1842-1921) quen refire en Memorias de un revolucionario, o impacto que lle produciu constatar con pesadume a miseria que imperaba ao seu arredor e a difi cultade que a maioría tiña para poder levar a boca un triste bocado de pan.

O malestar que isto lle provocou induciuno a preconizar unha utópica revolta que acabara coa inxustiza e a miseria, o cal puxo por escrito en La conquista del pan. Non admite dúbida ningunha que a carencia de pan (polo xeral, das modestas especies de centeo, avea e cebada, xa que a de trigo estaba só ao alcance dunha exigua minoría) ten sido o móbil de innumerables levantamentos populares. Tal fixo o pobo do París no tempo da revolución, levado pola exasperación, singularmente cando a raíña María Teresa revelou todo o desprezo que sentía por el; divulgouse, en efecto, que ao ser informada da terrible penuria, respostara, con manifesto desprezo: -Pois, se non teñen pan que coman bolos de leite (brioches). 

O pan non se podía guindar ó lume nin tampouco botar ó lixo. Os labradores consideraban o pan como algo sagrado

Hoxendía, co progreso económico, nas cidades o problema é outro: como conseguir un pan natural. O bo pan non debe ter pretensións de patisserie, nin convén que o panadeiro procure o marbete dun prestixio espurio que supostamente lle achega a súa venda nunha boutique do pan, unha forma de moderna pedantería como calquera outra. E que adoita ser, ademais, unha impostura. A solución é, en certo modo, horaciana: dar cunha peza sinxela, modesta e paisana; obter "el pan que no sabe su masa buena", como daba en dicir o poeta Agustín García Calvo. Coma o pan de Cea ou o antigo molete de Compostela. 

Unha nota que caracteriza ao pan campesiño tradicional era a súa consistencia, a súa densidade relativa, que estaba dalgún xeito nas antípodas do pan livián e light que se expende na actualidade nas modernas boutiques do pan. Non quere isto dicir que fora un pan extremadamente mesto, feito cunha masa que tivera unha densidade propia do engrudo. Era unha opinión moi estendida -nomeadamente no que atinxe ao pan de centeo e o de trigo- que o pan gustoso debía de ter certa esponxosidade, que dende logo non se obtiña cunha masa demasiado consistente. Un refrán apuntaba unha indicación neste senso: "Pan con ollos, queixo sen ollos e viño que salte ós ollos"

Pan e soños
Comentarios