Blog | TAL COMO ÉRAMOS

Viño bo para a saúde

Generated by  IJG JPEG Library
Generated by  IJG JPEG Library
AppleMark
photo_camera Toneis de viño na adega da catedral de Lugo. ARQUIVO.jpg

As recentes investigacións médicas están a demostrar, cada vez con maior énfase, que o viño é un produto biosaudable, aínda que con matices, posto que os terapeutas e organizacións máis rigoristas desaconsellan a inxesta de viño, aínda en doses reducidas: aquelo de tomar unha copiña de viño na comida, xa que é cardiosaudable. Claro que estes plantexamentos tan estritos non toman en consideración o benestar emocional e o fluxo de cordialidade e empatía que o viño produce no corazón das persoas, que probablemente terá un efecto psicosomático positivo nos seus corpos. Non está mal, así e todo, darlle de cando en vez algunha tregua ao corpo limitándose a beber auga. 

Verbo desta cuestión, o criterio médico e as mentalidades teñen mudado moito co transcurso do tempo. 

Antano, o viño era considerado como un produto san, sempre que cumprira certos requisitos intrínsecos e posuíra determinadas calidades organolépticas. En primeiro lugar, apreciábase a súa claridade e limpeza, cuestión obviamente moi relacionada coa preocupación pola pureza do mosto. Arnaldo de Vilanova, no seu Regimen Sanitatis (c. 1470), preconizaba que o viño, "en su calidad, sea claro y delicado". A cor era outro aspecto relevante. En efecto, a Escola de Salerno, que comezou a darse a coñecer a partires do século X, consideraba que o viño branco (albus) era suave e nutritivo. No concernente ó viño tinto (vinum rubeum), sostiña que, bebido con algún exceso, constrinxe o ventre e pon ronca a voz. Na calidade do sabor non se insistía tanto. En termos xerais, apreciábase que tivera un gusto sinxelo e puro. 

A propósito do requisito da pureza do viño existiu sempre unha gran preocupación, xustificada pola frecuencia con que se adulteraba o mosto comercializado, comunmente a granel. A adulteración do viño traficado antigamente en España alcanzou cotas extremadamente elevadas, como se pode apreciar na investigación realizada por Paz Montojo, ou nas respostas ó cuestionario da La Crisis agrícola y pecuaria, publicado en 1887. Beber tales viños constituía un risco serio para a saúde. Advertíao en 1838 un informe da Sociedad Económica de Amigos del País, radicada en Santiago, que daba conta das adulteracións que se cometían co viño do Ribeiro, e consideraba que tales manipulacións resultaban nocivas para o consumidor. Estaban tan xeralizadas que a dota institución recomendaba ás persoas que quixeran preservar a súa saúde recorrer ó viño da súa propia colleita. 

Semellaba que o máis recomendable era recurrir ao viño da casa, que era coñecido e polo tanto fiable

Na literatura ollamos reflectido o ronsel deste problema. O fidalgo que perfilou literariamente Otero Pedrayo, en A Lagarada, como tiña unha saúde precaria, resolveuse a abandonar a súa residencia na beiramar "por non aquecer ó meu probe corpo o viño dos maragatos". Resolveuse así a trasladarse a unha parroquia do Ribeiro, onde podía tomar con todas as garantías o que alí se producía, xa que o que se comercializaba non lle inspiraba confianza. 

Semellaba que o máis recomendable era recurrir ao viño da casa, que era coñecido e polo tanto fiable. Tíñase ao viño caseiro por tan saudable que nin sequera se lle consideraba virtualmente capaz de provocar borrascas; quérese dicir, esas leves contrariedades para o corpo que representan as borracheiras. Aínda recentemente o psiquiatra Emilio González fíxose eco do costume dos paisanos de considerar que o seu viño, o que eles mesmos facían, non podía sentar mal: "Élle da casa, non fai dano", adoitaban dicir algúns dos seus pacientes. Nin tan sequera se admitía que puidese provocar o dano de menor porte, se non se auto-inflixía con moita frecuencia, de causar o extravío transitorio da razón. En efecto, coidábase que: "Ninguén se emborracha co viño da súa casa", como tallantemente negaba un proverbio popular. Verdade é que eses viños adoitaban ter poucos graos, pero non o é menos –e niso non se soia reparar- que a base de porfiar e insistir no grolo... 

A propósito do viño, aínda existe o orgullo de facer un produto caseiro, natural e san. Na parroquia estradense de Couso, na década de 1940, a xente sentíase moi satisfeita por facer o viño "natural de todo", posto que non lle botaban metabisulfito nin outra cousa ningunha. Tamén un bodegueiro, de Cela (Bueu), Celso Estévez, fachendeaba de facer un viño completamente natural. Influía moito nel o prestixio que tiña o viño sen química e a dificultade práctica que se atopaba para determinar as doses correctas que conviña botarlle dese produto. No val de Cela, onde se elaboran caldos de tradición artesanal e o viño que se comercializa, case exclusivamente na zona, se embotellaba sen etiqueta, o colleiteiro que lle engadía bisulfito tiña bo coidado de non dicilo, porque adoitábase considerar como algo impropio. Pensaban que incorrían nunha sorte de deshonestidade os que lle "botaban o produto". Equivalía case, ou sen case, a facer trampa. 

Tamén certas elites minoritarias, con ideoloxía marcada pola fibra casticista, cultivaban unha sorte de mitificación enxebrista que daba en enaltecer a pureza do "viño da terra", fronte á deturpación farmacolóxica. Na peza teatral A Lagarada, Otero Pedrayo faille dicir a un obxecto inanimado, como é "unha pipa arcada de carballo" (porque iso era quen de facer a maxia literaria deste autor), con ton minusvaloratorio, que: "Polo de hoxe o bisulfito impera polas bodegas", en referencia á comarca do Ribeiro.

Comentarios