viernes. 10.07.2020 |
El tiempo
viernes. 10.07.2020
El tiempo

Viño e romanización

Desde A Guarda ata A Coruña constatábase unha actividade de supervivencia das xentes castrexas
Imaxe dos mariscadores na ría pontevedresa. GONZALO GARCÍA
Imaxe dos mariscadores na ría pontevedresa. GONZALO GARCÍA

DEBULLEMOS algúns aspectos da dieta dos nosos devanceiros. O leite estaba presente na alimentación castrexa, na que se incluían ademais algúns dos seus derivados. Os ovos, en cambio, só os puideron catar na etapa da romanización, na que se introduciu por certo a galiña. Como é doado de supoñer, nos castros emprazados na costa practicábase o marisqueo sistemático nas praias da contorna, encontrando os afortunados habitantes da beiramar moi bos nutrientes na gran variedade –e tamén cantidade–, de moluscos, crustáceos e equinodermos que alí encontraban abondosamente. Non foi en absoluto escaso o papel xogado polas ameixas, berberechos, navallas, mexillóns, centolas e percebes na dieta alimenticia das xentes que viviron na prehistoria galega. E tampouco desdeñaban, por certo, as lapas, que logo se comeron moi pouco no século XX.

Pero non só se beneficiaban desta recolección, que practicaban con relativa regularidade e, según parece, de xeito intensivo, os castrexos que residían a carón das praias. O hinterland do marisqueo era máis amplo: dende a Garda ata A Coruña, constátase unha actividade de supervivencia das xentes castrexas que se mantería despois ao longo de toda a historia do campesiñado galego: os labregos baixaban das súas aldeas nas mareas propicias para practicar o recolección dos mariscos que comían crús, pero que cociñaban tamén ás veces.

Polo demais, a importancia deste produto na dieta medraba nas estacións do ano nas que escaseaban os restantes recursos alimenticios. Foron encontrados restos de mariscos nos concheiros repartidos ao longo da práctica totalidade da costa de Galicia. Por certo que todo parece indicar que aínda non se facía uso das cunchas dos moluscos como fertilizante, como foi logo práctica corrente na agricultura costeira da época histórica.

Pescábanse especies propias dos medios rochosos próximos á costa, servíndose de anzois fabricados en cobre, bronce ou ferro, pero tamén coñecían algunha outra técnica pesqueira. Redes, pola contra, semella que non foron empregadas ata a época da dominación romana. Hai evidencia de prácticas de secado de peixe en determinados castros, pero na etapa da romanización expandíronse as salinas polo litoral, de xeito que os galaicos puideron elaborar en factorías maior cantidade de peixe salgado (sobre todo sardiña e xurelo) e mesmo comercializalo. Baixo a dominación romana a situación xeral mellorou. A dieta enriqueceuse ademais con aves de curral (galiña), ovos, como xa indicamos, e un abano máis amplo de froitos de mar. E gustaban do polbo e tamén da lamprea.

Rexístrase a aparición dunha elite que consumía produtos exquisitos: dende logo, os mariscos máis apreciados, pero tamén leitóns, pezas de caza, etc. O padal dos patricios galegos, ou dos que por aquí aportaron, deleitábase con ostras en escabeche, e algúns barriliños irían a parar tamén a mesa do emperador Augusto, que as empuxaría coa axuda duns grolos de viño de Amandi, segundo fabulou Cunqueiro. Os galaicos máis espabilados aprenderían a arte coñecida polos romanos de conservar certos alimentos en mel, vinagre e xeo. Os máis privilexiados dispuxeron dunha unha vaixela refinada e para aderezar os alimentos e empregaban un prebe característico: o garum. Por parte, os procedementos culinarios máis habituais eran daquela a cocción e o asado. Polo xeral, cociñábase con graxa animal, non con aceite.

Para combater a sede os galaicos bebían auga, probablemente sidra e unha bebida elaborada con cereais fermentados (zythos), remotamente semellante a cervexa, e tamén, excepcionalmente, coa chegada dos romanos, algo de viño importado en ánforas, co que celebraban banquetes comunitarios sentados en bancos corridos de pedra, arredor da parede. En tales ágapes dispuñan dunhas xerras de barro, provistas de asa e cun característico abombamento na parte inferior, que presenta un feitío -estilo Toralla- semellante ao que produciu a cerámica artesanal posterior. Este xerro non só se empregaba para servir a bebida senón tamén cun carácter ritual.

A Galicia chegou antes o viño que a viña. E debémosllo a unha muller, como cáseque todo o que é gastronomía positiva neste país. Unha fermosa lenda narra a peripecia das ánforas de viño traídas pola lexión romana de Décimo Xuño Bruto, quen logo de superar o atranco do río Lethes (o do temible esquecemento), utilizounas como un convincente instrumento de romanización das insubmisas tribos castrexas. Contan as crónicas que gobernaba a acrópoles máis grande de Galicia, que tal era o castro de San Cibrán de Las, nas terras de Cenlle, unha valente muller e mítica guerreira, e disque ardente amadora, que atendía por Leive, á que moitos tiñan por máis ousada que o mesmísimo Breogán.

Co gallo dunha tregua, a brava caudilla tivo que acudir a parlamentar co centurión romano que dirixía o asedio e este brindoulle como ofrenda cortés unha cunca cun brebaxe que ela endexamais probara, e que a deixou completamente extasiada. Decidiu que non pagaba a pena opoñerse a uns conquistadores que viñan provistos de tan marabilloso elixir. Considerou que xa chegaba ben de numantinismo e ordenou nun pronto aos seus guerreiros o cese das hostilidades e a inmediata sinatura dun tratado de pax romana, que xa anda hoxe polo bimilenario.

En virtude da súa asisada e lucida resolución, unha xesta digna de figurar con letras de bronce nos anais patrios, os habitantes da Gallaecia procedemos ordenadamente a romanizarnos e así obtivemos (como evocaban os palestinos en Life of Brian de Monty Python) ouro nas Medulas, termas, boas calzadas, mellores castiñeiros, as pitas, o arado, o viño e máis o latín. En suma: sosego, bos caldos e mellores verbas. Daquela, xa houbo viñas e así tivemos o viño con que mollar a palabra. Brindemos por iso!

Viño e romanización