Blog | TAL COMO ÉRAMOS

Xantares dos traballadores

Xantares dos traballadores

Cando un pobre e unha merluza están xuntos, é porque un dos dous está malo". 

—"Os traballadores soñaban co marisco de cortello" 

Antes de 1936, os produtos básicos da dieta dos traballadores en Galicia eran os seguintes: patacas, arroz, legumes secas ("a carne do proletario", dicíase, eran as fabas e mailos garavanzos) e unhas poucas clases de verduras: nomeadamente verza, grelo e repolo; e tamén coliflor, aínda que quizais en menor medida. Os obreiros tomaban escasa ración de leite e o queixo poucas veces estaba ao seu alcance. No que atinxe as carnes xantaba algunha ración de porco, nomeadamente a graxa e o touciño. 

Á carne de vaca só accedía o operario de xeito moi excepcional; podía mercar, moi de cando en vez, casquería (vísceras) e soamente nun día de festa algunha parte máis ensollosa, ou ben algunha porción de carne de carneiro, e dende logo que tamén podía ese día gozar de carnes de porco variadas. Pero, en termos xerais, pouca vianda de porcino podería haber no pote dos traballadores urbanos, que máis ben soñaban con comer «marisco do cortello», a non ser que criasen o animal na casa. 

Resultaba moi común o recurso á sardiña, o arenque e o bacallau; e máis tarde as latas de peixe en conserva, que resultaban baratas. En fresco, ademais da sardiña no verán, cando estaba de temporada e, como se adoitaba dicir, "en comida", podía adquirir o "peixe do gato", o que tiña o menor prezo, como as fanecas e xoubas. 

Cando a necesidade, senón a crúa fame, apertaba —andazo que adoitaba aflixir aos sectores populares—, había que espelirse e agudizar o enxeño. Na Pobra do Caramiñal, na década de 1930, e nomeadamente nos anos da guerra e posguerra, era unha practica moi habitual que as mulleres que traballaban nas fábricas de conservas aproveitasen algún descoido na vixianza a que estaban sometidas para levar á boca algún anaco de peixe. Polo demais, as que traballaban en seccións da fábrica nas que non lles resultaba doado acceder ao peixe que estaban a preparar, levaban das súas casas anacos de pan e coa complicidade das operarias que se encargaban da preparación do guiso previsto para o enlatado das sardiñas, conseguían mollar o alimento no prebe. 

O prezo da pescada era disuasorio para os probes que só se permitían tomala cando estaban doentes, ou quizais nas últimas… eles ou o peixe. "Cando un pobre come unha merluza, un dos dous debe de estar moi mal", apunta un vello dito popular. 

A familia comía ovos só moi de cando en vez. No inverno tomaban menos, pois cando facía frío as galiñas diminuían a posta. Era moi habitual tomar a fariña do cereal en forma de papas, ou tamén a xeito de pan de centeo ou de broa. O de trigo non o cataban máis que nalgunha ocasión festiva. Agora ben, o produto máis relevante foi sen dúbida a pataca, cuxo prazo era tres veces inferior o do pan. Das castañas tamén facían pródigo uso. Quen tiña algo de horta, cultivaba verzas, e tamén algunhas leitugas, por veces a única ensalada que tomaban. Os garavanzos había que mercalos e resultaban —en contra do que poida parecer— notablemente caros, ben máis que o arroz, que era relativamente asequible, e o dobre ou triplo que as fabas, que eran o segundo produto más económico. Pódese concluír que o prato de callos con garavanzos non estaba ao alcance dos traballadores en días decotío. Polo tanto, patacas, castañas, fabas, arroz e pan, en esta orde, serían os compoñentes básicos da cesta da compra das menegildas populares. Froita fresca tomaban pouca. 

Era moi habitual tomar a fariña do cereral en forma de papas, ou tamén a xeito de pan de centeo ou de broa

Polo que atinxe ao viño, convén sinalar que se consideraba entón —mesmo polas autoridades sanitarias— como un produto de primeira necesidade. Dependendo da colleita, había anos ventureiros nos que o viño resultaba máis barato que o pan. 

O certo é que poucas veces podían permitirse os traballadores adquirir viño para consumir nas súas casas. E nas contadas ocasións nas que se agasallaban con tal dispendio, tomábao o home, pero a penas —ou nada en absoluto— a súa muller e os restantes integrantes da familia proletaria. En efecto, como sinalaba a Comisión de Reformas Sociales de A Coruña, no ano 1885, non todos os traballadores podían permitirse beber viño. E cando lles resultaba posible consideraban isto como unha especie de luxo cuxa satisfacción representaba as veces a renuncia a algún produto que formaba parte da súa alimentación cotiá. O obreiro adoitaba tomar o viño na botellería, que era a denominación que recibían as máis das tabernas na centuria decimonónica. O termo "botellería" aínda se conservaba na cidade de Lugo, en 1925. O problema —por veces, grave—, era o gasto do salario na taberna, en detrimento do sustento da familia do traballador. 

Nesta orde de cousas, a embriaguez popular, como a crítica da taberna, era unha das teimas dos moralistas decimonónicos. En realidade, aínda que é certo que había obreiros que abusaban da bebida, polo regular non adoitaban cometer grandes excesos. E como apuntaba un hixienista lucense, as veces os obreiros mareábanse bebendo, pero non porque inxeriran unha gran cantidade de alcohol, senón porque tiñan baleiro o bandullo. É dicir, por veces, embriagábanse máis por comer pouco que por beber moito. 

A afección á bebida dos varóns proletarios provocaba a anguria nas súas mulleres que en ocasións, nos días de paga, agardaban aos seus homes no camiño entre a fábrica e a taberna para tentar de interceptalos e recoller o xornal antes de que fora tarde de máis. Ou ben, cando xa levaban tempo bebendo cos amigos na tasca, mandaban a un fillo a que os fora procurar, tratando de que non permaneceran demasiado tempo de bebedela, facendo así un gasto excesivo, embriagándose e chegando tarde a casa. O maltratamento das mulleres tamén gardaba relación con isto. 

Ao cabo, o café era un luxo que o proletario só moi rara vez se podía permitir.

Comentarios