"En Agolada latexa o corazón da artesanía"

Os Pendellos acollen a sétima edición do Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia, que reúne a 52 profesionais de 26 oficios e conta coa presenza de representantes dunha firma xaponesa e de Loewe

Artesán de Teo que fai xoias con anacos de louza. FIGUEIRAS
photo_camera Artesán de Teo que fai xoias con anacos de louza. FIGUEIRAS

Foron "un dos primeiros centros comerciais" e este venres volveron recuperar a actividade, que manterán tamén este sábado e o domingo. Nos Pendellos de Agolada "latexa o corazón da artesanía", dixo no discurso de inauguración o seu alcalde, Ramiro Varela. Os Encontros da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia son xa unha cita "plenamente consolidada", engadiu o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda. Proba delo é que hai máis profesionais que desexan acudir que espazo para acollelos.

Un total de 52 artesáns que exercen 26 oficios participan nesta sétima edición de Corazón da Artesanía e oito deles fano por primeira vez, demostrando que o sector "está máis vivo que nunca", asegurou o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde. Este aludiu á salientable incorporación de novos emprendedores neste eido e destacou a participación na feira da empresa xaponesa HP France e de representantes da firma Loewe, unha porta aberta á creación de sinerxias. Dixo tamén que o sector está máis vixente que nunca, con máis de 3.000 artesáns e 580 obradoiros rexitrados en Galicia.

Durante estes días o conxunto histórico agoladense permite conectar o pasado co presente e demostrar que existe relevo xeracional. Este venres fixérono, por exemplo, integrantes da Escola de Palillos do Concello de Camariñas, que realizaron unha exhibición. Emma Martínez é unha da súas alumnas. Ten oito anos e leva tres practicando a técnica. "Estou facendo un pano redondo que pode valer como pousavasos", apuntaba sen deixar de mover os dedos con destreza. Mentras, outros visitantes introducíanse na técnica dos oleiros, una das propostas formativas da feira na que o enxeño, a tradición e as novas técnicas van da man.

O Encontro acolle na xornada de hoxe a segunda edición do Campus dos Oficios e prosegue coa iniciativa Artesanía no Prato, cos showcookings que ofrecerán os cociñeiros Héctor López e María Varela. Non faltará o teatro, coa compañía Chévere (13.00 horas), nin a música, coas formacións Bico da Balouta e Sumrrá, esta última ás 22.30 horas.

Comentarios