"Por enriba de todo, María Victoria Moreno era mestra"

A UVigo reúne nun coloquio a Xosé Antonio Perozo, Fina Casalderrey e Manuel Uhía, amigos da homenaxeada nas Letras Galegas

Xosé Antonio Perozo, Fina Casalderrey e Manuel Uhía. DUVI
photo_camera Xosé Antonio Perozo, Fina Casalderrey e Manuel Uhía. DUVI

Politicamente incorrecta, fumadora empedernida, estremeña e galega a un tempo, escritora, xenerosa, amante da familia e dos afectos e, por enriba de todo, educadora. Así definiron este martes a María Victoria Moreno os que a coñeceron e foron amigos dela en vida. "Era, por enriba de todo, mestra", recordou Fina Casalderrey, que participou no coloquio arredor da súa figura celebrado no Campus de Pontevedra da Universidade de Vigo.

O encontro formaba parte das xornadas celebradas pola Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil Gálix, nas que tamén participou Susana Sánchez Aríns para falar de memoria e mulleres. A cita tivo lugar na facultade de Ciencias da Educación e do Deporte.

No coloquio sobre María Victoria Moreno, xa na segunda parte da mañá, participaron tamén Manuel Uhía, ilustrador dalgunhas das súas obras, e o seu tamén amigo Xosé Antonio Perozo, que exerceu como moderador. Entre todos debuxaron un perfil da homenaxeada no próximo Día das Letras Galegas, unha muller nacida en Estremadura pero moi pouco coñecida naquela comunidade. "Ela era galega porque así o quixo, onde estivo máis anos foi aquí por iso eu considero que é nosa", explicou onte Fina Casalderrey.

A mestra e catedrática de Lingua Castelá e Literatura comezou a dar clases de galego de forma clandestina nos anos 70 na rúa da Oliva, expoñéndose ás posibles represalias do réxime franquista. Xa despois, no 80, formou aos primeiros profesores de galego, entre os que estaba Fina Casalderrey. Manuel Uhía coñeceuna en Santiago e daquel encontro xurdiron futuras colaboracións para ilustrar os libros da autora. "Era unha persoa intelixentísima e con gran sensibilidade, coa habilidade de transmitir cousas que ti non calibraras ben", indicou o ilustrador.

Ela mesma definíase como unha muller limpa, ordenada e que cociñaba ben. "Na miña vila son unha señora que pasa con dous cans" e "en Galicia son unha escritora que escribe pouco pero ben". Así a recordou Casalderrey mentres lía un fragmento de Diario de luz e de sombra, un ensaio que escribiu ao final da súa vida, cando xa sabía que lle quedaba pouco tempo.

"Podía ser engreída e humilde, pero tamén era xenerosa", dixo Casalderrey. Así, recordou anécdotas como unha vez na que, sentada entre o público durante unha charla, ergueu a man para sinalar en público un erro que cometera o ponente durante a súa intervención, ou o día no que gañou o terceiro premio Barco de Vapor e dixo que non quedara de primeira porque "hai xurados que non saben ler". Tamén indicou que deixaba que os seus cans roeran os libros malos.

Pero Moreno era tamén sensible aos afectos. Asegúrano quen a recordan nos últimos anos, poñendo un pano na cabeza e pintando a raia nos ollos para que os seus alumnos a visen ben, e tamén os que saben que nunha ocasión lle entregou unha tarxeta cun millón de pesetas a un amigo cuxa esposa estaba enferma.

Entre os datos máis curiosos arredor da escritora destaca a súa decisión de atrasar dous anos o seu nacemento nos papeis. "Dicía que nacera en 1941 pero ela tiña dous anos máis", recordou Fina. A confusión xurdiu cando foi estudar o Bacharelato a Barcelona, cando tiña dez anos. O habitual era que os nenos comezasen estes estudos aos dez anos, pero ela tivo que atrasalos porque era orfa por parte de pai e na súa casa non tiñan posibilidades de enviala estudar. Dous anos despois puido matricularse no Bacharelato, e foi nese momento cando xurdiu a confusión con respecto á súa idade. "Ela mantivo esa data como o seu ano de nacemento e quitou dous anos", contou este martes Casalderrey, que engadiu que María Victoria Moreno era unha escritora "máis intensa que extensa".

Comentarios