"Mulleres, á rúa, a loita continúa"

As multitudinarias mobilizacións feministas de Pontevedra complétanse con varios actos de homenaxe nas comarcas

Imaxe das mobilizacións do venres. J.CERVERA-MERCADILLO/RAFA FARIÑA
photo_camera Imaxe das mobilizacións do venres. J.CERVERA-MERCADILLO/RAFA FARIÑA

"É difícil pensar nun movemento social e político que sexa quen de facer historia dúas veces en doce meses na Galicia da segunda década do século XXI. Nun movemento que non sexa o feminismo. Pero, como hai un ano, o movemento feminista desbordou en rúas e prazas de vilas e cidades galegas", asegurou onte a Plataforma Feminista Galega. Pontevedra non foi unha excepción, xa que miles de persoas, na súa maioría mulleres, se mobilizaron e consolidaron o movemento feminista.

"Agora seguiremos loitando o resto de días do ano por todas aquelas que xa non o poden facer", afirmou o Colectivo Feminista de Pontevedra, quen calificou de "histórico" o 8M na capital do Lérez. Tal como se clamou na manifestación da tarde do venres, "a loita continúa".

"Aínda estamos sen palabras logo do vivido onte! –polo venres, manifestou a plataforma Galegas 8M–. Milleiros de mulleres nas rúas son a proba de que o feminismo galego está vivo, está organizado, e ten toda a forza das nosas voces diversas. Grazas a todas por construirmos de novo xuntas un #8M histórico!".

"Foi un día de emoción. Ver as rúas cheas de mozas bravas, herdeiras da estirpe galega, foi ilusionante. Imos desbrozar o machismo e levantar un país cheo de vida", sinalou a concelleira de Igualdade, Carme Fouces.

Nas comarcas tamén se están desenvolvendo distintos actos. O venres houbo un en Ponte Caldelas e onte celebráronse cadansúa homenaxe a varias veciñas en Vilaboa e Valga. Para este domingo quedará a de Cercedo-Cotobade, ao Tenorio Fútbol Sala Feminino e, a título póstumo, a Manuela Cortizo.

Comentarios