A historia pide un mínimo de 44 puntos para a salvación

O Lugo foi o único equipo no século XXI que conseguiu a salvación no grupo I de Segunda División B con 43 puntos, hai 17 anos

Adrián Mouriño conduce el balón en el partido contra el Guijuelo. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Adrián Mouriño conduce el balón en el partido contra el Guijuelo. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Todo o mundo fai contas. En Segovia, Toledo, Ferrol, Coruxo, Valladolid, Guijuelo e Pontevedra andan na procura da fórmula milagrosa que lles conceda a permanencia ao remate da actual temporada. Seis puntos separan ao penúltimo do decimo terceiro:

13. Guijuelo (40)
14. Valladolid B (40)
15. Pontevedra (38)
16. Coruxo (37)
17. Racing de Ferrol (35)
18. Gimnástica Segoviana (35)
19. Toledo (34, un partido menos).

Faltan catro xornadas para a conclusión e varios enfrontamentos directos entre os implicados (esta semana, un Valladolid B - Pontevedra e un Guijuelo - Gimnástica Segoviana, por exemplo) e tamén con outros conxuntos que teñen obxectivos importantes en disputa. O que sexa quen de manter un rendemento máis elevado no treito final do curso será o que teña máis opcións de conservar a súa praza na Segunda B.

Os enfrontamentos directos entre conxuntos da zona baixa ou con rivais que loitan por clasificarse para o play-off marcan o final da temporada

Nos seus cálculos, poderán botar a man da historia. Dada a gran cantidade de equipos implicados na batalla pola salvación, a actual será, probablemente, unha das temporadas máis baratas canto a puntos para acadar a continuidade na categoría.

Os implicados deberán loitar contra un dato histórico: a barreira dos 44 puntos. Hai 17 anos que ningunha escadra do grupo I de Segunda División B se salva cunha cantidade de puntos inferior.
O anterior precedente é o do Lugo. No curso 2000-01, os vermellos e brancos foron décimo quintos con 43 puntos. Nunca máis no século foi tan barato salvarse.

De feito, a cifra dos 44 adoita implicar promoción pola permanencia, como mínimo. Só se salvaron en seis das últimas 17 campañas con esa cifra. Noutras tres ocasións se produciu empate a 44 puntos entre o conxunto que ocupou a praza do play-out e o que acabou de décimo quinto, no primeiro posto de permanencia.

En 2011 o Conquense sumou dez puntos nas últimas catro xornadas, a mesma cifra que lle permitiu ao Boiro fuxir do descenso no último mes da pasada temporada

A historia revela tamén a existencia de grandes remontadas nas últimas catro xornadas e que, normalmente, os cadros de abaixo suman con máis facilidade no treito final da Liga ca no resto do campionato. 

En 2011, o ano que baixou o Pontevedra por última vez, o Conquense sumou dez puntos en catro partidos e pasou da 18ª posición a disputar a promoción da permanencia. O Boiro o ano pasado logrou os mesmos rexistros: dez puntos que lle permitiron pasar do descenso á salvación na última xornada. O Lealtad conseguíu tres triunfos en 2015 que tamén lle permitiron permanecer na Segunda B.

Loita pola permanencia no Grupo I de Segunda División B no século XXI. DP

O Pontevedra fleta un autocar a Valladolid
O Pontevedra Club de Fútbol porá un autocar a disposición dos seus seareiros para que acudan a Valladolid a animar ao equipo granate nun partido que será vital na pelexa pola permanencia.

O prezo do desprazamento é de 30 euros por persoa, coa praza no vehículo e a entrada ao encontro incluido. Os interesados poderán inscribirse nas oficinas do club en Pasarón, ata o venres as 14.00 horas, cando remata o prazo. O autocar partirá de Pontevedra o domingo ás 5 da madrugada.

Comentarios