Unhas 630 familias da comarca recibirán a bolsa de comedor mentres non abran as escolas

A Xunta solicitou a 2.882 familias o seu visto e prace para recibir esta axuda durante a suspensión da actividade por mor da covid-19
Alumno en un comedor escolar. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Alumno nun comedor escolar. ARQUIVO

A Consellería de Política Social solicitou a 2.882 familias da provincia de Pontevedra o seu visto e prace para recibir a bolsa de comedor durante a suspensión da actividade desde o 16 de marzo nas escolas infantís por mor da crise sanitaria da covid-19.

Así o apuntou onte o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, que destacou que no caso da comarca de Pontevedra, Marín e Bueu, beneficiaranse 630 familias. Na área de Pontevedra, en total, a Xunta dirixiuse a 1.138 familias do Deza, Salnés, Pontevedra, Morrazo, Baixo Miño e Condado-Paradanta.

A comunicación coas familias fíxose mediante un correo electrónico no que se lles require como único trámite para percibila estar ao corrente das súa obrigas tributarias e sociais e unha autorización para consultar os datos bancarios.

Son beneficiarias desta bonificación as familias usuarias do servizo de comedor nas escolas infantís de 0-3 anos de titularidade autonómica, nunha praza concertada en escolas infantís privadas ou aquelas que perciben unha axuda de comedor a través do Bono Concilia. A contía concedida é unha compensación pola bonificación que tiñan concedida polo custo diario do menú nos días lectivos que estivo suspendida a actividade nestes centros.

As familias que se beneficiaron dunha bonificación de comedor por ter unha renda mensual inferior aos 403 euros percibirán unha axuda de 2,5 euros ao día

Esta axuda permitirá ás familias vulnerables que xa viñan desfrutando dunha bonificación no custo de comedor, e da que se ven privadas a raíz da situación de emerxencia sanitaria, manter a correcta alimentación do seu fillo ou filla e evitar que este gasto de alimentación engadido afecte aínda máis a súa situación.

As familias que se beneficiaron dunha bonificación de comedor por ter unha renda mensual inferior aos 403 euros percibirán unha axuda de 2,5 euros ao día. Pola súa banda, as familias que contan con esta bonificación por dispor dunha renda mensual de entre 403 e 672 euros percibirán unha bolsa de 1,5 euros ao día.

O primeiro pagamento será o correspondente aos días lectivos transcorridos ata ese momento. Pode haber pagamentos sucesivos en función dos días que se suspendan en eventuais prórrogas.

Comentarios