A ría que abraiou a Lorca

Polo Correo do Vento realizou este sábado un roteiro para recordar a pegada de Federico García Lorca en Pontevedra durante as súas visitas en 1932
Imaxe do roteiro celebrado este sábado para achegar a figura de García Lorca aos máis pequenos. GONZALO GARCÍA
photo_camera Imaxe do roteiro celebrado este sábado para achegar a figura de García Lorca aos máis pequenos. GONZALO GARCÍA

Lorca decidiu que quería ser poeta galego xa en 1916, cando baixou do tren en Redondela e escoitou a lingua de Galicia. "Daquela xa tiña coñecemento previo de Rosalía de Castro, logo, no 34, foi a Bos Aires e nunha entrevista dixo que se consideraba un poeta galego", explicaban este sábado Enrique Mauricio e Carlos Taboada, que forman Polo Correo do Vento e que este sábado guiaron unha visita á Pontevedra que coñeceu Lorca en 1932.

O poeta granadino estivo na Boa Vila en agosto e novembro de 1932, quedou abraiado pola súa ría, atopouse con amigos, deu conferencias e paseou polas súas rúas. Nunha desas visitas, chegou á cidade do Lérez cos seus compañeiros de La Barraca, a agrupación teatral ambulante formada por universitarios que achegaba o teatro clásico español a diferentes puntos da xeografía dentro das Misiones Pedagógicas da II República. "Din os periódicos da época que a Praza da Estrela estivo chea de xente", contaron este sábado os integrantes de Polo Correo do Vento, que engadiron que, despois da visita a Pontevedra, La Barraca dirixiuse a Vilagarcía de Arousa.

Estivo en agosto e novembro de 1932, na segunda ocasión para actuar co proxecto La Barraca na Praza da Estrela

Pero antes de que a súa xira teatral pasase por Pontevedra en novembro, só uns meses antes, en agosto, Lorca visitou tamén Pontevedra. Chegou á estación de tren, antes situada na Praza de Galicia e un comité de intelectuais pontevedreses recibírono e guiárono pola cidade. "Non o deixaron parar durante a visita, levárono a Samieira a un mirador dende o que queda abraiado pola visión da ría e nada máis chegar vai directo a Radio Pontevedra para que lle fagan unha entrevista", contaron Mauricio·e Taboada.

Por outra parte, os guías da visita deste sábado repartiron entre os asistentes textos sobre a visita de Lorca a Pontevedra. Así, unha das paradas do roteiro foi o cruce entre as rúas García Camba e Peregrina. Alí atopáronse Lorca e o seu compañeiro de residencia universitaria Celestino Poza Pastrana. "Celestino preguntou a Lorca por outros dos seus compañeiros, por Salvador Dalí, por Severo Ochoa, e creo recordar que polo poeta Gabriel Celaya", explicaba Luciano del Río, membro do comité intelectual que organizou a visita de Lorca a Pontevedra, nun artigo escrito para este periódico en agosto de 1973 que repartiron Mauricio e Taboada este sábado.

Na Boa Vila atopouse con amigos da universidade como Celestino Poza Pastrana e compuxo un poema para a revista Cristal

Outro dos recordos da súa primeira visita a Pontevedra foi a visión da igrexa da Peregrina, que tamén o impactou,tal e como explicaron os integrantes de Polo Correo do Vento. Pero García Lorca non só paseou en Pontevedra, senón que tamén colaborou coa revista literaria Cristal cun poema que escribiu no Café Moderno da Praza de San Xosé, a cuxas mesas se sentou o poeta tamén galego.

Letras Galegas para o andaluz
Ao inicio do percorrido de onte por Pontevedra, Enrique Mauricio e Carlos Taboada, reivindicaron o recoñecemento do Día da Galicia Lorquiana, que se estableceu o 25 de outubro debido  a que coincide coa data da súa primeira chegada a Galicia. Por outra parte, solicitaron outro recoñecemento "máis polémico", homenaxealo no Día das Letras Galegas.

Comentarios