Opinión

A UE fomenta euroescépticos

A sociedade quere culpables. Búscaos. É humano. Que se o Goberno español, pola lentitude en tomar decisións ao ver o que viña enriba. Que se o chinés, por ocultar nun principio a magnitude do contaxio. Que se a Organización Mundial da saúde, por non alertar a tempo. Que se os recortes en sanidade de executivos de toda cor. Posiblemente non sexa ningún, e todos a un tempo. eles e algúns máis. Pero os ataques, políticos nas máis dos casos, dificilmente atoparán diana porque cadaquén ten unha postura previa, independentemente das decisións tomadas polos xestores. Pero hai un ente supranacional que sen ser agredido nesta guerra resultará malparado, pois aumenta o malestar, se non a animadversión, nuns cantos países. A unión europea non é quen de establecer unha estratexia común e parecen só importarlle os cadros macroeconómicos, igual que na anterior crise. Así medran os euroescépticos de todo o abano político.