O acto de entrega dos premios Johán Carballeira celebrarase o vindeiro día 17

A entrega terá lugar no Parque Ramal dos Galos ás 21:30 horas e contará coa presenza dos premiados así como unha actuación do cantautor Tino Baz
2020081411584277365
photo_camera Monumento a Johán Carballeira na Banda do Río de Bueu. CEDIDA

Os premios da XXIII edición do concurso Johán Caballeira serán entregados o vindeiro luns 17, enmarcados no Día da Galiza Mártir.

O Parque Ramal dos Galos é o lugar escollido para a celebración do acto. Alí estarán presentes Marcos Abalde Covelo, gañador da categoría de poesía con 'Alcatrán' e Nieves Neira, galardoada na de xornalismo con 'A fotógrafa, revelada'. Esta reportaxe, publicada no Diario de Pontevedra, é un retrato da vida de Maruja Roca, unha fotógrafa pioneira en Galicia.

O broche final da xornada chegará coa actuación do cantautor guardés, Tino Baz. O acto estará marcado tamén polas medidas de seguridade e hixiene necesarias.

O xurado desta edición estivo conformado pola poeta marinense, Lara Dopazo; a mestra e escritora, Mercedes Queixa e a gañadora da pasada edición, Arancha Nogueira.

Do mesmo xeito, o Concello de Bueu acaba de convocar a próxima edición dos Premios Johán Carballeira de Poesía e Xornalismo. O prazo de presentación dos traballos estará aberto ata o vindeiro 31 de xaneiro de 2021.

Os premios están dotados cunha contía económica de 1.500 euros tanto para a categoría xornalística como para a poética. Ademais, esta última, como é habitual, contará coa publicación da obra por parte da Editiorial Xerais.

As persoas interesadas en participar nos premios poderán facelo a través de dúas formas: mediante o envío do traballo en papel ou en formato dixital. As bases están publicadas na web do Concello.

Este certame naceu no ano 1996 como unha homenaxe ao político, poeta e xornalista bueués, José Gómez de la Cueva, máis coñecido como Johán Carballeira.

O seu obxectivo é manter viva a figura de Carballeira, fusilado en 1937 e pioneiro na defensa social do pobo así como no mundo xornalístico.

Comentarios