"O auxe do Camiño Portugués non é conxuntural e teño clarísimo que merece atención conxunta"

"A Pontevedra aconséllolle estudar o transporte metropolitano"

O alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, pide que Vigo e Pontevedra colaboren co seu concello en beneficio do Sur da provincia
Agustín Reguera.
photo_camera Agustín Reguera.

TRINTA ANOS. Esa era a idade que tiña Agustín Reguera Ocampo no ano 95, cando pisou por primeira vez o Concello de Soutomaior como alcalde. Súmenlle a esa cantidade 21 primaveras e terán ao rexedor no momento presente, ante o sexto mandato da súa carreira, definindo o último período electoral como un "tsunami’". Reguera, afeito a nadar nestas novas augas turbulentas, fala de novos proxectos, pero tamén de non esquecer o xa conseguido polo seu equipo. Tamén lles propón aos seus "reinventarse".

Pasou algo máis dun ano e medio desde que se celebraron os comicios municipais. Agora vanse constituír a Xunta e o Goberno estatal, despois de 300 días en funcións. Ten pensado que proxectos defenderá Soutomaior no novo mandato?

Nós temos unha boa noticia, que é o inicio das obras do instituto. Foi algo que nos custou, pois concedeuse no primeiro momento da crise e non había fondos. Pódese considerar que foi un ‘parto duro’. A cuestión é que, con esta obra xa en marcha, con seis millóns de euros de investimento, temos un obxectivo cumprido. Como seguiremos con outros? Pois neste momento, ante Fomento, pelexamos forte porque en Arcade se complete a humanización da N-550. Estanse facendo cousas. Veñen de rematar unhas beirarrúas en Arcade, pero temos pendiente a glorieta no alto da vila e o acceso ao Peirao, que estaba nun proxecto aprobado en Fomento. Na Xunta teremos que seguir pelexando, teño a intención de facer un punto limpo e de completar o saneamento nun barrio, As Cortellas. A eficiencia enerxética é outra conta pendente. Queremos apuntalar o traballo en formación. Parece que recuperaremos un obradoiro de hostalería, cociña e servizos este ano e temos que seguir nesa liña.

Volvendo ás eleccións, foi icónica aquela foto do 25-M dos militantes manteándoo polo resultado, que, paradoxicamente, lles restara concelleiros na sala de plenos, aínda que non a maioría. Que lembra daquilo?

Estas foron as eleccións municipais no peor momento que eu lembro politicamente. O día dos comicios quedei impresionado. Os resultados parecéronme moi malos naquel instante. Pero cando tes unha visión global de todo o que pasou, das alcaldías que se perderon, dos resultados que se rexistraron en outros sitios, da perda da Deputación Provincial por primeira vez... Nese momento é cando un lle dá valor ao que acadamos en Soutomaior. O que parecía un certo fracaso acabou sendo un éxito importante no medio dun ‘tsunami’ político no que se deron todas as circunstancias para que se perderan centos de votos.

Que aprendeu dese '‘tsunami'’?

Que hai que estar máis na rúa. As obras neste momento non son o máis importante que pode facer un político, senón que estar e compartir os momentos é unha das cousas máis valoradas. Sei que os cidadáns tiveron que padecer unha crise e os políticos adoitamos pagar por iso.

Ese resultado inflúe na dinámica actual da vida municipal. A oposición sente que quedou na liña de meta e por iso é máis concienzuda?

Loxicamente, a oposición ten motivos para estar contenta cos seus resultados. O BNG é un partido con gran tradición en Soutomaior, xa desde antes de que se celebraran as primeiras eleccións municipais en democracia. Alí tivemos a Lois Obelleiro, quen foi un baluarte do nacionalismo. A súa estrutura segue sendo importante e non imos obvialo. Sen perder de vista iso, hai que sinalar e pór en valor a un Partido Popular cunha estrutura potente e eu creo que o partido se pode recuperar dese resultado.


"Soutomaior mira máis cara Pontevedra. Os cativos, de momento, veñen estudar á cidade e tamén estamos no CHOP" 

Xérase moito ruído mediático ou a oposición amosa ‘sentidiño’?

Eu comprendo perfectamente que a oposición ten que facer o seu traballo. Todos os temas que nos propoñan que poidan ser tratados e tidos en conta, contemplaranse. Nunca vou deixar sen resolver algo polo feito de que o propoña a oposición. Que pasa? Que a veces é fácil propoñer e complicado resolver, sobre todo se falamos doutras administracións. Un caso concreto é a petición do BNG da aula da Escola de Idiomas. Isto depende de Educación. Eu fixen todas as xestións que podo facer desde o Concello e a resposta, de momento, é negativa. Poderán dicir que non sei xestionar... Ben, pero a situación é esa. Hai que saber cando parar de insistir...

Soutomaior está nun punto case equidistante entre Pontevedra e Vigo. Cara onde mira máis?

Cara as dúas cidades, pero creo que Soutomaior mira máis cara Pontevedra.

E por que é así?

Estamos máis preto de Pontevedra. Os cativos, de momento, mentres non temos o instituto, van estudar na súa maioría a centros desta cidade. Na área sanitaria, tamén pertencemos ao CHOP. Por certo, teño que aproveitar para dicir que me alegro de que se solventase a situación e se apostase polo gran Montecelo.

"Se non fora incompatible estariamos tamén nunha área metropolitana de Pontevedra"

E con esa posición estratéxica, e sendo xa parte moi significativa da área metropolitana de Vigo, como ve a posibilidade dunha área similar en Pontevedra? Bótao en falta? Estaría Soutomaior dentro ou fóra?

Pois, se non fora incompatible no eido legal, probablemente estariamos nunha Área Metropolitana de Pontevedra. Hai cousas como o transporte metropolitano, que funciona xa na área de Vigo, que eu boto en falta na de Pontevedra. Tíñase que facer un esforzo importante para pór en marcha un plan similar por parte de Pontevedra, como cabeceira de comarca, e así poder ter un transporte como o que está operando na zona de Vigo. Dese xeito, nós, en certa medida, se puideramos estar nas dúas, deberiamos facelo. De feito, a Xunta contemplaba que nós participaramos nos dous transportes, tanto no de Vigo como no da cidade do Lérez. Soutomaior ten que estar atento a estes dous eixos e, nese sentido, instisto en que Pontevedra debera loitar por ese transporte. E falo pola experiencia de ver como funciona o do Sur. É un aforro moi importante para os veciños. Os de Soutomaior que xa gozan desta medida poden aforrar entre 800 e 1.000 euros ao ano co transporte á cidade olívica. Polo tanto, defendo que é necesario.

Entón, vostede sentaría con Lores a falar disto?

Eu suxiro que desde Pontevedra e a Xunta se aborde isto, pois son as institucións das que debe partir. Pero abordaría, apoiaría e colaboraría neste tema. Sei o que isto supón para os meus conveciños. É algo que está funcionando en toda Galicia e diríalle a Pontevedra que non pode ser unha illa independente de todo canto acontece.

Os servizos consorciados teñen un percorrido longuísimo, máis aló da mobilidade...

O caso de Vigo vainos servir para ver que se pode facer. Hai temas como o turismo, a seguridade cidadá, Protección Civil, Bombeiros, emprego, formación... cos que se pode comezar. Xa na declaración de Soutomaior, no ano 99, se sentaron as bases. E alí estabamos presentes. Foron 17 anos de traballo e ben merece a pena explorar esta vía. En Pontevedra declaran que non cren nas áreas metropolitanas. Ben, en todo caso, invito a que exploren ese transporte común.

Este plantexamento tamén lle permite ver a Ponte Caldelas na área de Vigo?

Non. Dubido moito diso. En realidade, non vexo a Ponte Caldelas aí. Ao mellor, descoñezo cales son os vínculos que ten este concello con Vigo. Independentemente de que non quero meterme con outros concellos, a miña visión, claramente, é que están máis vinculados a Pontevedra.

Unha das cousas que ten estar no medio destas dúas urbes é o papel que lles toca no proxecto da A-57. Será unha boa alternativa para este municipio?

Ben, aquí hai que aclarar que aínda non se escolleu entre as dúas alternativas: a A-57 vai cara Ponte Caldelas e a A-59 vén cara Peinador. A primeira non resolve os problemas de tráfico do eixo de Pontevedra e Vigo. Sae no Confurco, non creo que resolvera a masificación de tráfico, salvo entre Pontevedra e Madrid. A outra sería a gran aposta, sae no aeroporto, pasa polos concellos da costa e liberaría o tráfico da N-550, que non está colapsada, pero case. O proxecto, sinceramente, véxoo parado no tramo que nos afecta. As nosas alegacións eran en favor da A-59, pero o PXOM contempla todas as alternativas,ao estar sen definir.

 "Os veciños de Soutomaior que xa gozan de transporte a Vigo aforran entre 800 e 1.000 euros ao ano" 

Cal é a súa relación coa N-550?

A nosa relación con este vial é complicada. A estrada nacional divide Arcade en dúas metades. Os servizos na súa maioría están nun lado e parte da poboación no outro. Máis que unha nacional, eu creo que é unha travesía que case non ten un tramo sen vivendas nesta zona. É un continuo urbano, entre Arcade e Pontevedra.

Falou do PXOM. Como vai a espera pola aprobación definitiva?

A aprobación provisional foi en febreiro. Estamos pendentes de facer algunha correción e matiz que a Xunta nos poida apuntar. Eles teñen a última palabra, pero eu espero que o noso sexa dos primeiros plans que o novo gabinete autonómico aprobe. Con isto estou falando de que, como moi tarde, no primeiro trimestre de 2017 deberiamos ter o Plan Xeral. Son optimista respecto a este tema.

Como ve o comercio e a hostalería da vila?

A hostalería é un sector moi importante para a nosa veciñanza e penso que está defendéndose ben. O comercio é tamén moi significativo, pero está a pasar apuros. Tratamos de apoialo. Temos en mente algunhas campañas de colaboración co comercio local, campañas como a promoción. O ano pasado repartíronse 3.000 bolsas para reutilizar e parece que lles funcionou moi ben. Ademais, de cara ao Nadal temos a idea de mellorar a iluminación da vila, e despois, seguir cunha iniciativa que o ano pasado tiveron os comercios, de decorar un pouco as rúas con abetos. A idea é facer máis fermoso o noso concello e incentivar que esté todo atractivo para mellorar as vendas.

Este foi un ano de lumes. Está o sector marisqueiro preocupado polas riadas?

Isto foi menos que o ano 2006. As escorrentías que puideran suceder serán menores. Non viñeron grandes temporais e isto fixo que comezara a brotar vexetación que pode axudar a evitalas. A preocupación no sector existe. Os bancos marisqueiros son vulnerables. A nós aféctanos o que se poida producir en Soutomaior e tamén en Ponte Sampaio, pero foi bastante menos. O peor desta ocasión é que foron lumes moi fortes e concentrados en dous ou tres días. Estanse tomando medidas no Norte e esperamos que cheguen tamén á nosa zona e que non afecten demasiado.

Comentarios