Blog | Non tes tu fe

Alcaldesa por sorpresa

Dous parrulos nadando polo río Ulla en Pontecesures. DAVID FREIRE (ARQUIVO)
photo_camera Dous parrulos nadando polo río Ulla en Pontecesures. DAVID FREIRE (ARQUIVO)

- A vostede gústanlle os pactos?
- Desde logo que me gustan os patos. Gústanme todos os animais.
(Poio, finais de maio de 2003)

ÁS VECES non me estraña que sexa necesario crer nun poder superior, xa sexa Deus, Alá ou a Nai Natureza, porque está visto que se nós temos que fiar de nós mesmos, do sistema ou das estruturas de poder... A cousa vai como vai.

Inventamos a monarquía, a república, a ditadura, o poder absolutista, mesmo a anarquía (quizais esta se inventou soa) e tamén a democracia. Non fai falta dicir cal de todas estas é a máis conveniente para as persoas de ben. Pero, aínda así, as regras do xogo nunca parecen estar demasiado claras. Haberá que ver a quen lle convén que 40 anos despois siga a ser así. Que sigamos coa mesma lei electoral, que sigamos fiándoo todo ao señor D'Hont aínda que semelle que non contenta a ninguén, pois xa se sabe que cada un fala da feira segundo lle vai nela.

Parece mentira que non esteamos afeitos ao cinismo e a hipocrisía

Estes días andamos botando as mans á cabeza ao ver os resultados dos acordos de goberno ou dos apoios supostamente puntuais á hora de investir a alcaldes e alcaldesas en case cada curruncho de España. Escoitamos falar de pactos "antinatura", de alianzas impensables hai quince días e de acordos que un mes antes ameazaban con ser "letais" e hoxe son... culpa dos outros, faltaría máis.

Parece mentira que non esteamos afeitos xa ao cinismo e a hipocrisía que impregnan a política española dende hai un feixe de anos. Semella que a nosa capacidade de sorpresa pode inchar coma un globo sen acabar de estoupar nunca. Pero, amigas, todo isto que está pasando (Que pactou quen con quen? Que lle deron a Alcaldía a quen?...) xa onde vai que o vivimos.

Era o 16 de xuño de 2007 e os plenos de investidura da comarca de Caldas coincidían á mesma hora. En todos os concellos estaba o peixe vendido. Todos? Para nada. En Moraña o veterano alcalde socialista José Eiras, un dos vértices daquel famoso triángulo vermello do Umia, vía ameazado o seu cargo, no que levaba 24 anos, despois de perder a maioría absoluta. Porque resulta que a súa antiga man dereita deixara o PSOE para formar unha agrupación de electores coa que tiña a man un pacto co PP. Xa se sabe, non hai peor cuña que a da mesma madeira...

Finalmente non houbo sorpresa, pero mentres iso pasaba, uns quilómetros máis alá aínda non daban creto ao ocorrido. Parece mentira que chegaramos a dubidar de Pontecesures, ese pequeno polvorín (digo, concello) no que sete candidaturas para 2.000 e pico electores era o normal, e moito antes de que se inventaran Podemos ou Ciudadanos como presuntos remedios contra o bipartidismo (ou tripartidismo, neste caso, contando co BNG).

O caso é que as previas falaban de que Angueira, o alcalde nacionalista, continuaría no cargo a menos que socialistas, populares e IP, o partido independente de Maribel Castro, escindida do PP uns anos antes, unisen os seus votos para chimpalo fóra. E pasou. "Non foi un pacto, foi unha sorpresa", asegurou (non sei se cruzando os dedos ás agachadas) a protagonista da xornada, que se viu alcaldesa con 205 votos e unha única acta, a súa.

O que pasou despois xa é historia. O PSOE expulsou ao seu candidato, o lexendario Luis Sabariz, quen durou escasamente a campaña electoral e as dúas semanas ata o famoso Pleno, no que xamais se lle pasaría pola cabeza pactar co diaño e garantirlle a Alcaldía a quen fora ata pouco antes socio de goberno. Xa saben, do amor ao odio só hai un paso.

Comentarios