Alfonso Almendros vai á montaña

O Café Moderno acolle ata o 28 de setembro 'To name a mountain', a serie coa que o autor alacantino gañou o V Premio Galicia de Fotografía Contemporánea 
Dúas das fotografías que forman parte da serie 'To name a mountain'. DP
photo_camera Dúas das fotografías que forman parte da serie 'To name a mountain'. DP

O pintor estadounidense Albert Bierstadt realizou en 1863 unha viaxe ás Montañas Rochosas da que resultou un conxunto de grandes panorámicas dese espazo natural. Esa viaxe inspirou a serie To name a mountain [Nomear unha montaña], coa que o alacantino Alfonso Almendros gañou o V Premio Galicia de Fotografía Contemporánea, un certame convocado polo festival Outono Fotográfico coa colaboración de Afundación, a Xunta de Galicia e a Deputación de Lugo. Esa colección de fotos pode verse dende este mércores, e ata o 28 de setembro, no Café Moderno de Pontevedra.

"O traballo de Almendros parte da viaxe que emprendeu o pintor de paisaxes Albert Bierstadt a través das Montañas Rochosas xunto a un amigo, o escritor norteamericano Fitz Hugh Ludlow", explica Afundación. "O paisaxista quedou deslumbrado coa vista dos descomunais montes e fixo varios bocetos que despois convertería en pinturas. Ademáis, foi tomando notas que máis tarde transformou nun libro no que relatou la dificultade de chegar a unha das cimas, comparándoa coa imposibilidade de obter o amor da muller do seu amigo". Porque o trasfondo da historia inclúe, efectivamente, o namoramento do pintor de Rosalie Osborne, coa que finalmente acabaría casando, pero que naquel momento era a dona de Ludlow.

O traballo está inspirado na viaxe de Albert Bierstady ás Rochosas

A gran obra que Bierstadt pintou froito daquela experiencia foi A storm in the Rocky Mountains, Mount Rosalie [Unha treboada nas Montañas Rochosas, Monte Rosalie], dándolle o nome da súa namorada a aquela cima imposibe que, ata entón, non fora bautizada. De aí o título da serie do fotógrafo: Nomear unha montaña.

"Almendros aprópiase desta historia e imaxes para falar da súa propia a través de pasaxes da historia da fotografía, empregando recursos plásticos que renden homenaxe ao medio e demostrando a súa paixón pola natureza e polas instantáneas", segundo explican os promotores da mostra.

O premio do Outono Fotográfico para To name a mountain concretouse na produción dunha exposición e na itinerancia que a trae agora ao Café Moderno, ademais de na edición e distribución dun libro.

Comentarios