Os de Algures e Sete Espadelas adaptan o seu espectáculo á era covid

A cita terá lugar este venres ás 20.30 horas no Teatro Principal e consistirá nun concerto e un desfile de traxes tradicionais
Presentación do espectáculo de Os de Algures e Sete Espadelas. GONZALO GARCÍA
photo_camera Presentación do espectáculo de Os de Algures e Sete Espadelas. GONZALO GARCÍA

Os de Algures e Sete Espadelas ofrecerán este venres un espectáculo no Teatro Principal que vén substituír a posta en escea xa habitual da agrupación que se celebra todos os anos no mes de novembro. Desta vez, as agrupacións culturais tiveron que adaptar o número ás restricións vixentes por mor da pandemia da covid-19.

Deste xeito, o espectáculo anual de Os de Algures implicaba a mobilización de numerosos actores, vestiario, músicos e outros artistas para recrear aspectos culturais e tradicionais do pasado. Pero nesta ocasión a representacións constará dun pequeno e breve concerto, «no que tocaremos unhas cinco pezas», tal e como explicou o presidente da agrupación, José Luis Rodríguez, e dun desfile de traxes tradicionais da colección de Sete Espadelas.

O evento foi presentado onte na sala de prensa do Concello de Pontevedra en compañía da concelleira de Cultura, Carmen Fouces, que explicou que dende o Goberno local «estamos moi contentas de contar con eles e da súa dedicación e empeño en seguir adiante cos espectáculos adaptándose ás circunstancias». A responsable de Cultura acudiu ataviada cun pano tradicional e unha camisa de liño.

O evento representarase para un público de 60 persoas, debido ás limitacións que aplicou Sanidade en Pontevedra, e terá lugar no Teatro Principal. Con este acto, o Concello pretende manter a actividade cultural en tempos especialmente complicados para o sector, o que implica tamén ter que modificar os espectáculos. A produción de Os de Algures neste 2020 será máis modesta pero, tal e como explicou onte o seu presidente, permitirá do mesmo xeito que actúen músicos e actores, como viña sendo habitual. A agrupación cumpre este ano unha década en funcionamento, tal e como explicou Rodríguez.

Á presentación do espectáculo acudiu tamén o presidente de Sete Espadelas, David Quiñones, que explicou en que consistirá o desfile de traxes tradicionais. Neste sentido, a asociación na defensa do traxe tradicional amosará 30 vestimentas diferentes da súa colección. O desfile recibe o nome "Unha ollada polas arcas pechadas" e quere repasar a historia do traxe galego no século XIX. «Hoxe en día Sete Espadelas ten case 100 traxes na súa posesión, pezas antigas de moita sona e importancia en Galicia e queremos amosar unha parte desa colección. No noso currículo hai máis de 25 premios no Día do Traxe de Santiago, máis once premios de investigación Antón Fraguas ou a mostra "Galicia, terra dos 1.000 panos" o pasado ano no Museo de Pontevedra, con máis de 11.000 visitas nun mes. Temos unha bagaxe de fondo que avala o noso traballo de investigación, recuperación, e queremos plasmalo nun pequeno espectáculo que non chega a unha hora con 30 traxes: unha pequena escolma da nosa colección».

En anteriores ocasións, as macroproducións de Os de Algures e Sete Espadelas representaron esceas cotiás da cultura popular galega, como velorios e as supersticións arredor da morte, o oficio das tecedeiras ou a recreación da Boa Vila nos tempos de Casto Sampedro.