Tres alumnas do IES Sánchez Cantón chegan á final dun concurso científico europeo

► Nuria Sueiro, Sara van Dinter e Sandra García presentaron un sistema de esterilización de material e espazos sanitarios para países do terceiro mundo

Sara van Dinter, Nuria Sueiro e Sandra García. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Sara van Dinter, Nuria Sueiro e Sandra García. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Nuria Sueiro Martínez, Sandra García Pérez e Sara van Dinter Beloso, alumnas de 4º de ESO no IES Sánchez Cantón, lograron pasar á segunda fase dun concurso científico europeo organizado polo proxecto Horizon 2020 STEM4YOUTH, segundo informou onte o centro educativo.

O proxecto que presentaron consiste no desenvolvemento dun sistema de esterilización de material e control de pragas en espazos sanitarios para países do terceiro mundo, mediante o uso de LED ultravioleta alimentados por un panel solar. Para obter información sobre as condicións reais neses países, as rapazas contactaron con ONG como Acnur, Unicef e Médicos sin fronteras. Deste xeito tamén simularon ditas condicións no laboratorio para verificar a eficacia do sistema. Así mesmo, tal e como explican na web do concurso, "estamos en contacto cunha doutora dun hospital local que traballou como voluntaria nun hospital africano e ela confirmounos que a día de hoxe non hai formas confiables de esterilizar o instrumental e que como non tiñan corrente eléctrica tamén usaban focos de cabeza". 

O obxectivo das estudantes é "chegar ás aldeas máis remotas dos países subdesenvolvidos e facer que a atención médica sexa asequible para todos".

Despois dun proceso de selección, o seu proxecto foi escollido, con outros cinco máis, para participar na segunda fase do concurso. Esta, na que serán premiados tres dos seis proxectos elixidos, inclúe unha videoconferencia na que as alumnas defenderán o seu proxecto ante un xurado de STEM4YOUTH. 

VOTACIÓN

A organización do concurso tamén habilitou un sistema de votación en liña para que todas as persoas que queiran poidan votar un proxecto dos seleccionados. Para votar é preciso escribir un enderezo electrónico, seleccionar o proxecto das pontevedresas (Team F - LED torch spotlight) e confirmar a votación mediante un enlace que se remite ao correo electrónico achegado.

Entre os outros cinco proxectos hai estudantes procedentes de España, Polonia e Serbia, aínda que o das estudantes do IES Sánchez Cantón é o único composto por tres españolas. O premio consiste nunha viaxe a Xenebra para visitar o acelerador de partículas do CERN.

"Queremos chegar ás aldeas máis remotas dos países subdesenvolvidos e facer que a atención médica sexa asequible para todos"

Este concurso, ao que se apuntaron hai unas semanas, non é a primeira aventura europea para Nuria, Sara e Sandra, quen xa triunfaran nos Teen Tech Awards cun proxecto de farois intelixentes que optimizan o seu rendemento ao orientar o panel en virtude das horas de luz segundo a latitude na que se encontren. Esta iniciativa leváraas a unha prestixiosa feira de inventos en Londres (Reino Unido) e tamén na Galicia Maker Faire, onde acadaron unha mención especial.

As alumnas contan co apoio do centro, expresamente dos profesores de Matemáticas, Benito Búa, e de Tecnoloxía, Lourdes García.

Comentarios