Un anaco de Castelao que volta a Galicia

'A derradeira leición do mestre' exhibirase en Galicia por primeira vez nunha mostra prevista para o último trimestre do ano no Gaiás

Corte da obra de Castelao 'A derradeira leición do mestre'. INTERNET
photo_camera Corte da obra de Castelao 'A derradeira leición do mestre'. INTERNET

A obra de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao A derradeira leición do mestre, que nunca saíra de Arxentina, exhibirase en Galicia por primeira vez nunha mostra sobre o autor prevista para o último trimestre do ano no Museo Centro Gaiás. 

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e o Centro Galicia de Bos Aires chegaron a un acordo de cesión da peza, trala negociación iniciada polo titular do departamento autonómico, Román Rodríguez, durante a súa viaxe a Arxentina pola última edición da Feira do Libro. 

Segundo indica a Xunta, quen destacou o óleo como "clave na traxectoria do intelectual e artista de Rianxo", a cesión temporal materializarase a mediados de febreiro coa firma dun convenio entre ambas as entidades. 

Castelao pintou a obra en 1945 baseándose na estampa número 6 do libro Galicia Mártir, na que retrata a un mestre asasinado ante dous mozos conmocionados. 

A Xunta agradeceu "a boa disposición" do Centro Galicia de Bos Aires e atópase precisando as condicións técnicas do préstamo para garantir "as maiores condicións de seguridade" do traslado. 

Comentarios