Analizan os novos modos de relación entre públicos e organizacións

Medio cento de investigadores de toda España participarán nunhas xornadas na facultade de Comunicación os días 30 e 31
Facultade de Ciencias Sociais
photo_camera Facultade de Ciencias Sociais

Como variaron nos últimos anos as relacións das organizacións cos seus públicos grazas á sociedade da comunicación e ás tecnoloxías da información (TIC)? Responder a esta pregunta é un dos principais obxectivos das II Xornadas Científicas de Comunicación Organizacional, Novas Formas de Publicidade e Relacións cos Públicos da Asociación Española de Investigación da Comunicación (AE-IC), que se desenvolverán os días 30 e 31 de outubro na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación.

Medio cento de expertos nos eidos da comunicación, as relacións públicas, a publicidade e o xornalismo, procedentes de diferentes universidades españolas, tomarán parte neste encontro organizado pola AE-IC xunto co grupo de investigación CP2.

Trátase dunhas xornadas promovidas pola sección de Comunicación estratéxica e organizacional da "asociación máis grande de España de profesorado e investigadores do ámbito da comunicación", como sinala Iván Puentes, investigador da facultade e secretario da comisión organizadora, da que tamén forma parte a profesora do centro Montse Vázquez.

Expertos en comunicación, relacións públicas, publicidade e xornalismo compartirán coñecementos na cidade

Os diferentes aspectos que entran en xogo na comunicación de organizacións públicas e privadas son o eixo do traballo desta sección, que dirixe o profesor da USC Francisco Campos e da que forman parte varios investigadores do centro pontevedrés.

As xornadas que o grupo CP2 promove coa colaboración da Vicerreitoría do campus, permitirán reunir na cidade "a algunhas das persoas que están levando a cabo as investigacións máis pioneiras e exitosas no ámbito da comunicación que se están producindo en España", subliña Puentes. De aí que incida no positivo deste evento para "compartir coñecementos entre xente que está traballando en asuntos similares e sumar enerxías e esforzos para que, a partires de aí, poidan xurdir novas liñas de investigación e colaboración".

O programa está estruturado en seis mesas redondas, sobre comunicación organizacional, comunicación política e medios sociais, difusión da investigación, relacións públicas e cos públicos, novas formas de publicidade e visións estratéxicas e tendencias. O investigador da Universidad Jaume I de Castellón Andreu Caser e o profesor da Complutense de Madrid Timoteo Álvarez, xunto con representantes do eido profesional como a directora de comunicación do 112 en Sevilla, Pilar Limón, figuran entre a vintena de relatores que participarán nestes seis paneis, aos que se sumará a presentación de máis de 50 comunicacións por parte de investigadores de toda España.

O programa destas xornadas científicas complétase cunha sesión de presentación de libros, revistas e proxectos dos e das integrantes desta sección. Tamén se exporán tres proxectos de investigación, financiados polo Ministerio de Economía y Competitividad promovidos por integrantes da rede: Usos e preferencias informativas do novo mapa de medios en España e Indicadores de gobernanza, financiamento, rendición de contas, innovación, calidade e servizo publico da RTV europeas, liderados ambos pola USC, con participación, no segundo, de investigadores da facultade, e Cara un xornalismo inclusivo. Converxencia e rol do xornalismo español no escenario da comunicación global, coordinado desde a Universidad de Valencia. Así mesmo, tamén se abordarán "posibles liñas de investigación conxuntas" de cara ao VI Congreso Internacional da AE-IC, que terá lugar en xuño de 2018 en Salamanca, según indicou Iván Puentes.

Comentarios