Os espectáculos de animación de 'A Rebulir!' volven o luns ás rúas de Pontevedra

As actuacións realizanse en formato de pasarrúas para evitar aglomeracións, con dous pases diarios

photo_camera Presentación do programa 'A Rebulir!'. CONCELLO

Volve a animación de rúa do programa A Rebulir! a Pontevedra, nunha programación de verán adaptada ás medidas de seguridade esixidas para evitar riscos en tempo de pandemia. É por iso que terá formato de pasarrúas para evitar aglomeracións, con dous pases diarios entre o luns día 3 de agosto e o venres 7. 

A concelleira de Festas, Carme da Silva, presentou este venres o programa xunto a Serxio Rodríguez, integrante da compañía Troula Animación, e explicou que o percorrido exacto de cada pasarrúa non se fará público con antelación porque "a idea é que as persoas que se encontren na rúa nese momento se atopen co espectáculo". Con todo, a actividade centrarase nas rúas peonís do centro histórico e do ensanche, e está programado un espectáculo ás oito da tarde e outro ás nove cada día.

Como o resto de programas de Pontevedra vívese, está composto exclusivamente por grupos e compañías pontevedresas e galegas. As súas propostas tocan desde a danza ao circo, a percusión e a pirotecnia.

Trátase de propostas que incorporan danza, circo, aéreos, percusión ou pirotectnia. Nesta edición evitaranse as paradas e a interacción co público.

Programa
3 de agosto
20.00 horas. Por que é salgada o auga do mar? Os Quinquilláns.
21.00 horas. Mezzo. Pista Catro
4 de agosto
20.00 horas. Baixo o mar. Rivel Animación.
21.00 horas. Fantasía. Kepler T&T.
5 de agosto
20.00 horas. A gran viaxe. Inventi Teatro.
21.00 horas. Lume. Troula Animación.
6 de agosto
20.00 horas. A musicleta e os instrumentos máxicos. Pulpiño de Viascón
21.00 horas. Ruada Animal. Armonium.
7 de agosto
20.00 horas. O séquito do capitán Nemo. Barafunda.
21.00 horas. Tricirco. Pablo Méndez Performance.

Comentarios