Anxos Fazáns, directora de 'A Estación Violenta': "Interésame o cine dende o íntimo"

Claudia deixouse ver estes días por Pontevedra. O personaxe, un dos protagonistas da novela de Manuel Jabois, cobrou vida da man da actriz Nerea Barros para a película da produtora Matriuska, e dirixida pola pontevedresa Anxos Fazáns
A cineasta Anxos Fazáns durante a rodaxe no Mercado de Abastos de Pontevedra
photo_camera A cineasta Anxos Fazáns durante a rodaxe no Mercado de Abastos de Pontevedra

Na Illa de San Simón, en colaboración co festival Sinsal, coa actuación de varios grupos sorpresa, terá lugar esta semana unha das últimas xornadas de rodaxe de A estación violenta. Pontevedra acolleu os últimos días de gravación desta historia baseada na novela de Manuel Jabois, que Matriuska leva ao cine. Anxos Fazáns (Pontevedra, 1992) debuta na longametraxe con este traballo.

Recta final da rodaxe.

Si, recta final. Acabamos o venres. Estamos na cuarta e última semana de rodaxe.

E está facendo a película que quería facer?

Á hora de rodar si que se está a cumprir todo o que tiña na cabeza. Aínda que nunca é unha traslación exacta, por iso eu intento non ir con ideas preconcibidas ou a tiro fixo. Planificas, escribes, pensas e repensas as cousas, pero despois sempre hai que estar aberto ao que pode acontecer. Porque ademais isto, ao final,é un traballo de equipo. Si, estou facendo a película que quería facer. E non era nada sinxelo porque é unha película con música en directo, con planos secuencia longos, con rodaxe en rúas de Compostela, en praias, loitando cos cambios meteorolóxicos... Pero eu sabía dende o principio que esta é unha peli arriscada, cunha planificación complexa e con moito peso dos actores. Tiñamos uns obxectivos difíciles de conseguir, pero estamos acadándoos.

Ten contado que se enganchou á historia dende o primeiro momento. Como foi que chegou ás súas mans a novela orixinal?

Eu cheguei á historia xa coa idea de facer a película. É o produtor Daniel Froiz o que me pasa a novela. A idea de levala ao cine pareceume marabillosa. Os personaxes teñen moitísima forza, especialmente o de Claudia, ao que interpreta Nerea Barros. Aínda que non é a protagonista total da película, leva o peso da narración en moitos sentidos.

Teñen insistido tanto vostede como a produtora en que o texto orixinal só foi un punto de partida. Libro e película serán diferentes.

A novela está escrita dende un punto de vista moi persoal e emprega unha narración que viaxa moito no tempo, para adiante, para atrás... É un traballo moi literario. Obviamente, cando fas unha adaptación, tes que transformar iso. Dende o primeiro momento pensamos na novela como unha base sobre a que traballar, pero coa intención de facer evolucionar a historia e os personaxes.

Mulleres realizadoras "Somos menos e temos menos proxección, pero a tendencia cambiará pronto. Chegan rapazas con traballos interesantísimos"

Debuta na longametraxe con 25 anos e con experiencia como realizadora de webseries, curtas e videoclips. Sempre tivo claro que se quería adicar ao audiovisual?

A verdade é que non. Non era unha nena que dixera que quería facer películas. Foi algo que fun tendo claro a medida que estudaba. Facendo a carreira en Pontevedra descubrín que quería facer ficción. Despois, dentro do cine, gustábame moito o traballo de dirección.

Cales son os seus referentes?

Vou moito ao cine e vexo moitísimas películas. Dependendo dunha época ou doutra, fun variando de referentes. Tamén procuro que cada traballo me leve a territorios distintos. Por exemplo, tiven un momento de fascinación total con David Lynch. Agora mesmo hai unha directora británica que me apaixona, Andrea Arnold. Despois, gústanme dende Jim Jarmusch a Ángel Santos... O que me interesa, cada vez máis, é un cine que teña unha certa utopía, un estilo diferente, cine que están facendo mulleres como Milagros Mumenthaler (La idea de un lago), cine dende o íntimo. Pero tampouco sinto unha influencia concreta. Diría que en cada proxecto meu hai unha mestura de referentes e de sitios aos que me vai levando a vida. Intento deixarme levar moito pola intuición e seguir o meu propio camiño.

Como valora o paso pola facultade de Ciencias Sociais?

A verdade é que foi unha experiencia moi boa. Obviamente hai moitas cousas que mellorar. Necesitaría, por exemplo, máis recursos para poder traballar. Pero a educación está bastante maltratada en xeral. Iso é algo que convén reivindicar. No caso da facultade de Pontevedra, hai mestres moi involucrados cos alumnos e dáselle moita importancia ao traballo práctico, á experiencia en distintos eidos.

O Festival de Cine de Cannes, con 70 anos de historia, vén de premiar por segunda vez a unha muller directora, Sofia Coppola. Fan falta máis mulleres cineastas ou están pouco recoñecidas?

É un dato moi sorprendente: 70 anos, dúas directoras premiadas. Non o acabas de crer. Por un lado somos moitas menos, pero eu creo que o problema pode ser outro e estar relacionado con que as mulleres fagamos películas máis pequenas, con distribucións máis pequenas e orzamentos máis baixos, que non están chegando aos grandes festivais. Pero estou convencida de que isto cambiará pronto. Detrás miña veñen rapazas, coa carreira feita, que están facendo traballos interesantísimos. Haberá máis directoras. A tendencia cambiará pronto e haberá mulleres recollendo premios e sendo recoñecidas

Comentarios