O aparcadoiro de Pasarón estrea un acceso de formigón desde Juan Bautista Andrade

"Os usuarios do estacionamento gañarán tanto en comodidade como en seguridade", di o edil Iván Puentes

Novo acceso ao estadio de Pasarón. CONCELLO
photo_camera Novo acceso ao estadio de Pasarón. CONCELLO

A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural retomou esta semana varias actuacións que quedaran paralizadas por mor das restriccións derivadas do estado de alarma. Entre elas inclúese a creación dun acceso de formigón para conectar a rúa Juan Bautista Andrade co estacionamento do Estadio Municipal de Pasarón, un proxecto incluído dentro do contrato entre o Servizo de Medio Ambiente e a empresa Ferrovial e que a concesionaria vén de rematar.

A nova senda ten uns 10 metros de longo por 1,10 de ancho e está situada á altura da metade do aparcadoiro, polo que se trata dun acceso practicamente equidistante das zonas de entrada e saída de vehículos. O concelleiro Iván Puentes explicou que "os usuarios do estacionamento gañarán tanto en comodidade como en seguridade", xa que poderán acceder e saír do mesmo "sen ter que empregar estes espazos de tránsito de coches nin pisar os xardíns do noiro que dá cara Juan Bautista Andrade".

Ademais de acometer esta mellora e de retomar as obras de construción do parque infantil de Médico Ballina, o departamento que dirixe Puentes tamén contratou nos últimos días, neste caso a través do Servizo de Parques e Xardíns, a execución de traballos de desbroce no barrio da Fontesanta.

Este zafarrancho, que levará a cabo a firma Repoboacións e Desbroces do Noroeste SL cun orzamento de 4.692,38 euros, pretende dar resposta a unha demanda que os veciños lles transmitiron a principios de marzo ao edil do PSOE e ao tenente de alcalde, Tino Fernández, durante unha visita ao barrio.

Parques e Xardíns destinou outros 4.837,52 euros á contratación das obras de xardinería que permitirán renovar e embelecer as zonas verdes que ornamentan os noiros da Gran Vía de Montero Ríos. A actuación será realizada pola empresa especializada Troquiña SL.

XARDÍNS. A Concellería que dirixe Iván Puentes tamén efectuou nestas xornadas un importante investimento para a adquisición de plantas de tempada. En concreto, encargáronselle dous subministros de 1.595 euros cada un á firma Milagros Rodríguez para as zonas axardinadas da Praza de España e para varias rotondas e illotes do concello, e outro de variedades de primavera á empresa Veraleza SLU por valor de 1.452 € para enfeitar diversos espazos verdes de Pontevedra.