Opinión

Aprendemos a consumir

DICIAMOS QUE o consumo de bens de masa forma parte, de maneira case inconsciente, da conduta dos consumidores. Na descoberta consciente de como se consume e que bens consumimos, pasase xa a un segundo nivel de análise, no que semella aparecer o elemento da decisión persoal consciente, racional e mesmo soberana. E, na última fase desa pescuda, aparece a realidade material espidiña de todo, de elementos persoais.

É dicer, comezando polo final, que é moi duro pero moi claro: só se consume o que se produce, e as decisións do que se produce non as toman os consumidores senón os titulares das unidades de produción de bens de masa, que hoxe en día son capitaneadas polas compañías multinacionais. É tan evidente, que tendemos a esquecer que a conduta dunha consumidora individual parece un proceso de escolla, pero é so elección entre o que o mercado lle oferece.

Pode ser racional: entre alternativas de bens distintos que haxa no mercado . E pode aparentar ser soberana porque expresa a capacidade de gasto —mesmo moi elevado— dun/dunha consumidora pero, de novo, entre o que está dispoñíbel no mercado. O proceso de desexar un ben é tamén froito dunha elaboración: a de criar demanda, mesmo antes de existir o ben, como dixemos co caso dos teléfonos móbiles.

O desexo de emular glamour e varonía ianqui, fumando, tamén se aprendeu en parte a través dos medios visuais. A moda —quérese dicer os modelos predominantes de vestiario— tamén se transmite polos medios visuais, antes no cinema e hoxe fundamentalmente na televisión. Os alimentos demandados, os que constitúen a compoñente principal da oferta, teñen tamén procedencia de consumo aprendido ou inducido por medio da publicidade directa, da propaganda e da expansión de modelos de consumo a través de mecanismos indirectos. O mercado do automóbil débelle media vida ao cinema, ás series de televisión, ás carreiras de autos patrocinadas e mesmo á emulación de persoeiros de fama que teñen a ben, baixo patrocinio, manexar determinados modelos. E mesmo os bens duradoiros, como pode ser a vivenda, compóñense dos elementos que o mercado, desde a súa oferta dispón en cada momento.

A capacidade da oferta, é dicer a composición do que existe,do que se produce en cada momento, é realmente a que delimita as decisións dos consumidores. A marxe de manobra dun consumidor individual é semellante a dun condutor dun auto: non ten mais alternativa que guiar pola estrada: é o camiño que está feito. As decisións sobre o que consumimos no presente e nos próximos anos xa están tomadas, e non teñen nada a ver coa cobertura das nosas necesidades, senón coa produción masiva, co medre empresarial continuo das compañías xigantes e coa obtención do máximo beneficio posíbel. So así é posíbel entender a uniformización do consumo en todo o mundo (dos que teñen poder de compra), a homologación case universal dos bens de que se dispón, a expansión permanente das grandes compañías e o seu matrimonio acordado co poder financeiro. (Continuará)

Comentarios