Arantza Portabales, escritora

"Encántame que se mesturen o horror e a beleza"

Para Lumen, Arantza Portabales é "la nueva dama de la novela negra española". É o que ten converter un crime nunha obra de arte

Arantza Portabales (San Sebastián, 1973) co seu libro. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Arantza Portabales (San Sebastián, 1973) co seu libro. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Reapareceu, como prometera, cunha novela negra.
E sucedeu sen pensalo, a verdade. Ao final, acabo escribindo o que me apetece ler. Xa transitara polo camiño do misterio coa miña primeira obra, a que gañara o premio de novela por entregas de La Voz de Galicia. Agora tiña ganas de facer algo parecido, pero sen ningún tipo de corsé. E, sobre todo, tiña ganas de escribir unha novela como aquelas de Agatha Christie que lía cando era pequena tratando de adiviñar quen era o asasino.

E cumpre coas regras do xogo: en Beleza Vermella (Galaxia, 2019) todos son sospeitosos.
Non renego diso. A homenaxe ao xénero e a Agatha Christie está aí dende as mesmas citas coas que se abre a obra. Pero máis nada. Penso que a miña voz literaria se recoñece ben.

"A beleza é vermella coma unha cunca de cereixas". Así comeza.
Si! Veume a frase e xa non houbo volta atrás. Levaba un ano dándolle voltas á idea dunha novela de círculo pechado e que transcorría nunha urbanización. Non tiña nada máis. De súpeto, unha mañá, veume esa frase á cabeza e tíveno clarísimo: a novela ía comezar así. E, de seguido, escribín do tirón o primeiro capítulo, como se fose un microrrelato. Despois lembrei as obras da creadora de arte contemporánea Celeste Garrido. E dende aí xa foi todo seguido. Pero a imaxe desta novela é a das cereixas, si. Así como se me veu á cabeza, quedou.

"A compañía Tanttaka vai levar ao teatro 'Deixe a súa mensaxe despois do sinal'. Estou emocionadísima!"

Precisamente, no libro explícase que as obras de arte ás que fai referencia na historia está baseadas en pezas da escultora marinense Celeste Garrido. Como foi que coñeceu o seu traballo?
En realidade Celeste é unha das miñas grandes amigas de toda a vida. Pero a miña admiración polo seu traballo non ten nada que ver con iso. De feito, non foi ata hai dous ou tres anos que fun a unha retrospectiva súa no Museo Manuel Torres de Marín que coñecín en profundidade a súa obra. E quedei marabillada. É unha muller moi brillante e pareceume chulo facerlle esta pequena homenaxe.

Vou aventurar que esta novela vai triunfar na Facultade de Belas Artes.
Sería marabilloso! Celeste é precisamente profesora asociada nesa facultade de Pontevedra. A novela efectivamente transita por un camiño moi estético. De feito, o outro día comentábame unha lectora que non podía crer que se puidese facer unha descrición tan fermosa dun crime. Dá ata un pouco de medo. Pero, si, a min encántame que se mesturen o horror e a beleza.

Pero a arte contemporánea simplemente é un recurso que lle cadraba ben para a historia ou interésalle especialmente?
Non son unha especialista en arte contemporánea, pero si que me esperta curiosidade. E, despois, está outra cousa: decateime de que acabo auto-psicoanalizándome nas novelas. Aquí creei uns personaxes que se complementan: un deles ten unha vida moi terreal, moi pragmática, e outro renuncia a todo pola arte, pola estética. Eu estou movéndome case a diario nesa dicotomía: pola mañá son funcionaria, teño esa faceta máis institucional e vinculada ás finanzas, e pola tarde adícome á miña paixón, a escrita.

Volvendo a Agatha Christie e á cita que precede á novela: "Algúns de nós, mon cherie, vemos a beleza en lugares raros". A vostede pásalle iso?
Penso que queda patente xa no primeiro capítulo, nesa descrición que fago dun gran charco de sangue, no que o esteticismo se impón ao horror. En canto reparei nesa frase de Cinco porquiños souben que era perfecta.

E Compostela como escenario estivo aí dende o principio?
É que é onde eu traballo. E vivo no concello de Teo, que, por certo, se non aparece, é porque un dos personaxes se chama así e daría lugar a moita confusión. Iso si, nomeo A Ramallosa, Cacheiras, Os Tilos... Porque teño moi pouca imaxinación e porque me gusta que os meus personaxes transiten por lugares que coñezo. En Deixe a súa mensaxe despois do sinal (Galaxia, 2017) volvín ao Marín no que me criei. E aquí situeime en Santiago, onde vivo dende hai 20 anos.

Pola mañá exerce como funcionaria. Pola tarde escribe. E se algunha vez tivera que elixir?
Pois xa se verá! De momento, vouno levando. É verdade que, cada vez, o nivel de esixencia do mundo literario é maior. Pero mentres o poida seguir compatibilizando, así o farei.

O 12 de xuño presentará a novela na libraría Cronopios de Pontevedra, unha presentación especial porque a propietaria, Mercedes Corbillón, é moi amiga súa. Entre outras cousas, comparten as súas aventuras xuntas nas redes sociais.
(Ri) Ao final as redes son un escaparate no que mostras o que queres. Colgamos un vídeo cantando ás doce da noite, pero detrás hai doce horas de traballo cada unha no noso. A vida ten moitas cousas malas, as nosas tamén, pero a min gústame empregar as redes para botar unhas risas e para mostrar momentos de complicidade como estes con Mercedes. Aínda que a realidade sexa outra moi diferente.

Vaise levar ao teatro Deixe a súa mensaxe despois do sinal?
Si, vaino facer unha compañía vasca, Tanttaka. Estréase en outubro en Bilbao. Farase primeiro en euskera e despois en castelán. Estará protagonizada por Bárbara Goenaga, Miren Arrieta, Mireira Gabilondo e Leire Ruiz. Estou emocionadísima!

Comentarios