Opinión

As novas Antígonas

Sospeito que o mundo se entendía mellor cando o explicaban mediante mitos ou lendas, uns relatos transmitidos oralmente nos que máis tarde se inspiraron moitos autores clásicos para as súas obras. O que se deu en chamar 'relato' desde o punto de vista político, esa estratexia de comunicación destinada a convencer os votantes, acode con frecuencia aos anteriores, a miúdo para subvertelos, porque esquece ou manipula a verdade radical que adoitan conter.

Se lemos a Orlando D'Adamo e a Virginia García Beaudoux, aprenderemos bastante verbo do relato político e decatarémonos, por exemplo, de como a chaqueta de pana de Felipe González era un elemento máis do relato daquel PSOE.

Igual que cando escribimos nos sorprenden con frecuencia os nosos personaxes independizándose de nós, actuando pola súa conta á marxe do esquema previsto, certos partidos políticos ven que, o relato que pensaban estruturar, lles escapa como a auga nun cesto. Fronte a iso, hai quen trata de reparar a desfeita e hai quen se empecina nela, nun absurdo exercicio de amor propio.

O 28 de agosto tiven a honra de presentar en Sarria o libro 'Tres obras teatrais' do catedrático da Universidade de Granada, agora emérito, Andrés Pociña. Unha das pezas ten como protagonista a Antígona. O mito desta muller que recolleu Sófocles nunha súa traxedia, conta como a filla de Edipo e Iocasta, irmá de Eteocles e Polinices, lle dá sepultura ao corpo do segundo en contra da prohibición de Creonte, o seu tío convertido en rei tras a morte dos dous irmáns, acontecida nunha guerra entre ambos, axudado Polinices por un exército de Argos, cidade rival. A alma do traidor ao pobo, quen en realidade reivindicaba o dereito de se alternar no trono co seu irmán, vagaría sen atopar acougo se non o cubrise a terra. A Antígona enterraríana viva pola súa desobediencia. Na obra de Pociña, 'Antígona diante dos xuíces', a rea explica os seus motivos e deixa claro que hai leis non escritas superiores ás que rexen.

Isto tróuxome á memoria a todas as persoas perseguidas, ou obxecto de sospeita, por salvaren vidas no mar, protexer a inmigrantes, defender aos desafiuzados no seu dereito a unha vivenda, esixir que se respecten os espazos naturais e prime a ecoloxía sobre o lucro e por moitas cousas máis. Son as novas Antígonas a recordarnos que a xustiza é por veces máis inxusta que a desobediencia ás leis. Sáibano ou non, delas falou Cristo nas benaventuranzas: "Benaventurados os que foron perseguidos por causa da xustiza...". Desde logo que o ultra Bolsonaro, católico e evanxelista asemade (!), tal outros da súa ralea, non o ten en conta. Fronte a eles cómpren moitas Antígonas.