Opinión

O ascensor dos meus soños / Recordos esquecidos

O ascensor dos meus soños

O que parecía que ía ser un día como outro calquera converteuse nunha xornada dunha vivencia desconcertante.

O meu espertador soou, como de costume, ás nove da mañá, pero cando abrín os ollos, puiden observar que me atopaba nun ascensor, non nun calquera, un ascensor que che facía sentir que flotabas no aire e no cal podías percibir un agradable cheiro a caramelo. Un ascensor de cristal que permitía ver a inmensa altura que había baixo os meus pequenos pés, cos botóns de cor branca e unha pantalla na que aparecía o número de piso.

Non vou negar que estaba asustada, non sabía onde me atopaba. Invadíanme os malos pensamentos, aínda que se interromperon cando no ascensor entrou un mozo. Un mozo extremadamente alto e que me parecía familiar. Os seus ollos azul intenso describían unha mirada pura e serea. Parecía querer transmitirme unha mensaxe, fracasando no intento. Quedei un intre máis mirándoo, tentando comprender que quería de min. Un segundo máis tarde dixo «Atoparasme».

Moi ao meu pesar, o ascensor detívose, abriu as súas portas e o mozo marchou sen dicir nada máis.

Eu, por temor a saír de alí, quedei no ascensor vendo como el se afastaba camiñando por un espazo completamente branco. Sería só froito da miña imaxinación? Espertei ao escoitar a miña nai dicir «Daniela, corre, tes que ver isto». Achegueime a ela e vin na pantalla do seu teléfono móbil unha foto dun neno cos ollos azuis moi intensos. Si, era el, o meu novo primo Brais, o mozo do meu soño.

Elena Ferreiro Lema
IES Castro Alobre [Vilagarcía de Arousa]

Recordos esquecidos

A illa dos recordos esquecidos que perdida está entre a penumbra dos ollos brancos.

Aquelas tardes de outono onde o vento arrolaba as follas que acariciaban o meu cabelo castaño.

Aquelas tardes en que o canto dos rapaces espertaba a miña morriña de querer volver ao pasado. Ver voar os paxaros ceibados que bailaban e cantaban á luz do día. Velos ir ata o ceo dos naufraxios sen ter que ver o inverno chegar.

Esas tardes nas que a calor da cociña me inundaba no mar das bolboretas, onde sentía que fl otaba entre a nada, esa nada sen noite e sen día.

Que vai ser daquelas tardes que quedaron na illa dos recordos esquecidos para non volver?

Agora só sinto o vento da fría noite de inverno bater as ramas espidas que choran na noite de luar.

Só vexo nubes, nubes grises cheas de amargura. Cada tarde miro pola ventá, observando como morren os días e como chega a nube gris, que pouco a pouco me vai inundando de recordos que xa nunca volverán. As miñas pernas xa non dan chimpos como antes, estremécense entre o manto buscando un refuxio sen luz. A miña mirada perdida sen destino ningún que busca un horizonte, e as miñas mans cheas de ledicia querendo voar como as ás dos paxaros.

Que é peor, pensar que sigo aquí ou que xa nunca volverei espertar sendo aquela rapaza de alegre mirada, que clamaba o canto dos paxaros?

Lucía Fontán Bemposta
IES Meaño [Dena]

Comentarios