Opinión

Asmático é esdrúxula

ERA DOMINGO e, a iso das nove da mañá, Gumersindo foi ao hospital para visitar a un amigo, acompañalo durante unhas horas e falarlle do que el quería, de como ían as cousas na política revolta, do substituto de Fernando Grande-Marlaska como vogal do Consello Xeral do Poder Xudicial, dos laios e compromisos de Alberto Núñez Feijóo, do negocio que xera o fútbol para os negociantes, dos cambios na cúpula directiva da Corporación de Radio e Televisión Española, do divino e do humano. Das Mareas de Villares, das da deputada Quinteiro, das de Martiño Noriega Sánchez, de Yolanda Díaz, ou das de Beiras Torrado, das de Santos ou das de Xulio Ferreiro.

Foi e faloulle do que quería escoitar, do PSOE instalado no poder, dos de Cidadáns e Podemos, xunto cos do PP, na costa abaixo; dos nacionalistas de dereitas, renovadores, conservadores ou independentistas. Ía a xunto do amigo, como fora tódolos días da semana, e parou no quiosco, como outras veces parara. A dependenta vendía pilas para a radio, cargadores para o móbil, gafas de lectura, camisetas de varios tipos, camisas de algodón, chucherías, xornais e revistas. Vendía de todo e, coa súa voz tomada, falaba por teléfono e relatáballe ao interlocutor ou interlocutora as peripecias vividas na curta noite meiga de San Xoán, das cacharelas, das sardiñas asadas e dos chourizos con pan.

A muller estaba triste e transmitía amargura. Seguro que non tivera tempo para lavar a cara coas milagreiras herbas e rosas maceradas na auga fresca

A muller estaba triste e transmitía amargura. Seguro que non tivera tempo para lavar a cara coas milagreiras herbas e rosas maceradas na auga fresca. Seguro que non lera o libro que vendía, La medicina todo locura da xornalistas Elisabeth G. Iborra, que tanto fixo rir a tanta xente do sector sanitario e aos pacientes, para os que o humor é un grande remedio, un sedante que alivia as penurias da estadía no hospital, independentemente da impaciencia da vendedora do quiosco. A tía Manuela xa o dicía, "antes de ir ao hospital hai que aprender a rirse da desgraza".

Gumersindo e o seu amigo leron e releron as anécdotas que narraba Iborra, recordando a Charles Chaplin, cando dicía que "a risa é un tónico, un desabafo, un respiro que permite aplacar a dor". E, para que vostedes vexan a súa importancia, permítanme que remate co mesmo chiste co que se despediron os amigos, "doutora, son asmático, é grave?. Non amigo, é esdrúxula". Que deus nos colla confesados!

Comentarios